A
comparecencia de Corina ante os Medios para
pedirse o Museo do Mar pon novamente de manifesto a evidente perda de papeis da alcaldesa de Vigo e debe calificarse de antolóxica. Non só por vir precedida dunha reunión con César Por-tela –o que se cadra afectou loxicamente á Porro–, senon porque o cúmulo de estupideces recollidas nos medios de comunicación da boca de Perli, só pode ser superado nos últimos tempos , nesta mesma liña, polas
fantásticas declaracións na Voz de Galicia do seu amigo, e
coñecido psicólogo do Concello vigués, o director dixital do Verbum.
Agora resulta que, terciando na polémica, Corina pretende aumentar a nómina de Museos que non funcionan, apañando para sí tódalas desgracias acumuladas do Museo do Mar, e unilas ás enquistadas eivas do Museo Municipal de Castrelos ou ás esperpénticas do Verbum, ámbolos dous baixo
xestión (por chamalo dalgún xeito) municipal.
Se cadra, os incompetentes que asesoran a Corina ocúltanlle que –a diferencia destes dous últimos Museos citados–, precisamente o do Mar de Galicia ten un
director competente, Pablo Carrera, un
proxecto museolóxico e museográfico (criticable, pero alomenos
existe), un comité científico e, ademais, ten adxudicada a montaxe da que será a súa exposición permanente –tras o correspondente prego de condicións e concurso público ao que se presentaron 35 empresas– á empresa
Empty. Xusto todo
do que carecen os Museos que
administra Corina e López Chaves hoxe.
Tamén lle ocultan á Porro os seus indocumentados asesores, que a denominada Finca Zulueta, ó oeste do Museo e propiedade do Consorcio da Zona Franca, ten baixo os seus pés unha
probable Vila romana ó parecer ben conservada, tal e como se puxo de manifesto nas sondaxes arqueolóxicas realizadas pola Zona Franca. Deben saber que isto limita (agás barbaridades non descartables en sensibilidades culturais como a que nos toca na administración municipal modelo Chema Figueroa ou López Chaves) as posibilidades de construcción nesta parcela e que aconsellaría unha excavación e museización dos restos arqueolóxicos para incorporalos ó proxecto museístico.
Non lle contan tampouco a Corina que o problema actual do Museo do Mar ten dúas orixes recoñecidas. Por unha banda, o abandono do proxecto (e do seu financiamento) nos seus comezos por parte da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia (daquela do seu valedor Manuel Fraga Iribarne), e o rescate
in extremis que fixo
contra natura o Consorcio da Zona Franca de Egerique, facéndose cargo en solitario deste equipamento cultural. A segunda, o
xenio constructivo do seu partenaire hoxe, César Por-tela que, escudándose en Aldo Rossi, paríu un edificio que serve para calquera cousa menos para Museo: as súas paredes (tan importantes nun lugar de exposición!) enlucidas cun estuco intocable que impide que sexan usadas como superficie expositiva; o
sistema de iluminación imposibilita xogar coa luz e pode deteriorar o material exposto e, para máis inri, o edificio é un auténtico cocedeiro no que se acadan, nalgunhas zonas, temperaturas en verán de máis de 45º, e ¡
sen illamento nin climatización prevista en proxecto nin executada!. Tan marabilloso proxecto arquitectónico e tan magnífica execución son os que impediron ata hoxe que esta institución iniciase o seu funcionamento coa normalidade prevista no seu programa museolóxico.
Preocúpese, pois, Corina, en confeccionar os proxectos que faltan para os Museos municipais, buscarlles financiamento, crear e dotar os postos de traballo necesarios para que funcionen, sacar a concurso as prazas de director en lugar de poñer a dedo a incompetentes. Esquézase de facer brindis ó sol e propoñer paridas e obviedades de restaurantes, zonas de ocio (pois si que lles gusta ós do PP-BNG isto dos Euromares; paguémoslle unha viaxe a Disneylandia, a ver se se fartan e se lles pasa!), talleres para nenos e bibliotecas; preocúpese de que se reforme, amplíe e funcione ese museo de historia da cidade que esmorece abandonado en Castrelos, e esixa, como alcaldesa de Vigo, que a Xunta de Galicia faga os seus deberes co patrimonio marítimo da nosa Comunidade e se faga cargo, dunha vez, coa fórmula que mellor resulte e lle pareza, do único Museo do Mar deste occidente peninsular volcado ó océano.
E, parafraseando ó profesor Toba: ¡
déixese de milongas! Ou a nós mesmos: esta roda de muíño é demasiado grande para o noso aparato dixestivo.