IX ÉPOCA

3.10.16

O proxecto da Universidade para O Berbés, ou como a legalidade é só para algúns

A Universidade de Vigo vén de presentar, con despregue de medios, o seu proxecto para a instalar no vello e maltratado barrio do Berbés unha das súas sedes. O proxecto coñecido estes días, e loubado sen máis análise nin crítica polos medios de comunicación locais, non resposta nin social, nin urbanística, nin legalmente, ás necesidades de rehabilitación e rexeneración do Barrio mariñeiro.


1. Como xa temos comentado repetidas veces, a estratexia de convertir o Casco Vello nun recipiente de equipamentos públicos, produce o efecto contrario ao da rexeneración, ao convertilo nun espazo burocratizado, no que a vida urbana normalizada verase substituída por actividades sometidas a horario e sen repercusión real sobre a vida social e económica real do lugar. O Casco Vello é xa un barrio que combina a ruina do caserío cunha brutal terciarización hosteleira e cunha presenza concentrada e desmesurada de equipamentos públicos sen conexión coas necesidades do barrio. Insistimos que todos e cada un dos edificios a rehabilitar deberían adicarse a vivenda, único uso que garante a diversidade urbana e xera actividades económicas de proximidade. Xa o PEPRI do Casco Vello recoñece a sobresaturación na área do barrio histórico de equipamentos para servizos xerais, afirmando que os recursos públicos deben ser utilizados na dotación de equipamentos de ámbito e funcionalidade de área local (escolas, centros cívicos e sociais...).


2. Arquitectonicamente o proxecto obvia a pre-existencia, racha coa xa deterioradísima imaxe tradicional da fronte mariñeira, substituíndo as fachadas e cubertas propias do lugar (e que son perfectamente coñecidas por miles de documentos gráficos e pola propia materialidade das ruinas) por estructuras contínuas en fachada que nada teñen que ver nin con esa imaxe, nin coa construcción tradicional, que é o valor que preserva a declaración de Conxunto histórico desta zona. O argumentario dos redactores da coincidencia coas antigas barcazas resúltanos unha excusa ridícula e descarada para deixar unha impronta pretendidamente contemporánea ("rompedora" e "novidosa" di o Faro), onde xa existe un deseño previo recoñocible e reproducible. En rehabilitación é perfectamente sabido que a reconstrucción e reproducción de elementos coñecidos da edificación non é contraria á canónica intervención arquitectónica e nada ten que ver co pastiche, senon co recoñecemento e valoración da preexistencia.



3. O proxecto incumpre descaradamente a normativa de obrigado cumprimento do instrumento urbanístico vixente para a zona: o PEPRI Casco Vello, ao que tanto os particulares como as Administracións públicas están sometidos. Non cumpre nin nas cubertas -que teñen que ser independentes para cada edificio, e a dúas augas-, nin coas fachadas -formas e materiais-, nin co parcelario, e destrúe, cando non está permitido, os muros medianeiros. Semellante violación da legalidade xa se deu na mal chamada rehabilitación do Pazo de Arias Taboada para Pinacoteca, no barrio da Ferrería (agora efemisticamente chamado Barrio Alto -supoñemos que para evitar a identificación que para todos os vigueses ten Ferrería con prostitución: aínda que o nome nos remita aos vellos oficios artesanais presentes no barrio), no chamado Centro Galego de Fotografía (?) ou nos edificios para o Rexistro da Propiedade, na rúa Real.  Da mesma maneira que o Concello incumpríu radicalmente o PEPRI nas re-urbanizacións realizadas polo bipartito do BNG, nas que se destrozaron (con cargo ao maná do Plan-E) os pavimentos tradicionais recentemente restaurados polo programa URBAN-Casco Vello.


Para demostrar documentalmente o incumprimento da normativa no proxecto presentado pola Universidade de Vigo, publicamos -deferencia do noso amigo Xoan Sobreira- diversas imaxes e fichas do PEPRI que falan, por si mesmas, da súa ilegalidade. Xulgade por vós mesmos:










 




27.9.16

O alcalde agocha a verdade sobre o peche do Laboratorio Municipal de Vigo

Amplía, descarga, comparte, imprime, difunde!
Co discurso de que o Laboratorio municipal non está pechado, senon que se está reorganizando dentro da Concellería de Medio ambiente, --cando realmente dixárono sen actividade ningunha e con todo o seu persoal repartido noutros servizos municipais-, o alcalde só tenta gañar tempo para que a polémica se dilúa, desmobiliazar aos traballadores, que pase o prazo de recurso contra os traslados forzosos e, mesmo, que se poidan aprobar os novos orzamentos municipais para, de rondón, liquidar presupostariamente, pola porta de atrás, este servizo municipal.

Esta estratexia dilatoria e enganosa do alcalde viuse trastocada días atrás por circunstancias que non valorou, ao prolongarse a tempada de praias, estar preto das eleccións e producirse unha contaminación microbiolóxica en 6 areais vigueses. A emerxencia tivo que ser solucionada trapalleiramente, coa revocación temporal do decreto de traslado a un analista e á xefa do servizo, para que poidesen realizar as análises contrastadas coas da Xunta e poder abrir as praias antes de que a opinión pública se lle botase enriba.

Pero o proceso privatizador segue en pé, coa probable supresión do programa presupostario nos orzamentos de 2017 que, co baleiramento de persoal, darán a puntilla a este centenario e imprescindible servizo público. Unha vez rematado o torticeiro proceso de peche en marcha, enganados os traballadores, as funcións que realiza o Laboratorio serán adxudicadas a unha empresa privada e pecharanse, xa sen retorno, as dotadas instalacións do primeiro soto da Casa do Concello.

Probablemente perderase xa non só un servizo con funcións medioambientais e de saúde pública moi importantes -cunhas inormes capacidades de crecemento e de mellora de integrarse na rede de saúde pública da área metropolitana e mesmo da Xunta de Galicia-, senon tamén desaparecerá a cara aparataxe técnica e o importantísimo patrimonio histórico material que atesoura, con aparellos de colección que se remontan aos comezos da súa actividade.

O destino destes bens históricos é outra das incógnitas que nonos desvelarán: apodreceran e desaparecerán por consunción nalgún almacén? irán ao lixo? serán subhastados ao mellor postor,  como fixo o Concello de Málaga cando privatizou o seu Laboratorio Municipal?

Agora é o momento de activarse, difundir esta petición e facer a forza necesaria noutros ámbitos para revertir os plans privatizadores da alcaldía viguesa, transformando esta crise nunha oportunidade de ampliar e optimizar un servizo público que, dende a racionalidade e a eficiencia, ten unhas grnades posibilidades de ser unha peza imprescindible nunha política de medioambiente e de sanidade pública auténticamente ao servizo dos intereses xerais.


31.8.16

Salvemos o Laboratorio Municipal de Vigo

Foto: lavozdegalicia.es
O goberno municipal de Vigo, co seu alcalde á cabeza, Abel Caballero, decidiron pechar o Laboratorio Municipal de Vigo (LAMUVI).

O LAMUVI é unha prestixiosa institución centenaria na nosa cidade que cumpre un importante servizo público, especialmente na garantía da salubridade e control do ciclo da auga; unha institución que forma parte da historia e da prestación de servizos eficientes á comunidade, da que a cidadanía viguesa se sinte orgullosa.

Amparándose en, como logo veremos, medias verdades e unha aparente ignorancia que, segundo el, "xustificarían" o peche do Laboratorio, Abel Caballero agocha a súa intención de reforzar e apuntalar o proceso privatizador da Auga en España. Faino, ademais mediante procedementos irregulares que lle permiten esquivar o estricto cumprimento da legalidade e da obrigada transparencia e debate público.

Caballero dá dúas febles "razóns" (que será a salmodia que repetirá para tratar de persuadirnos da pertinencia desta impopular medida) para realizar esta operación de desmantelamento dun servizo público e de privatización:

* O Laboratorio non está "homologado"; supoñemos que quere dicir que non está Acreditado. Unha confusión que amosa unha ignorancia que sorprende, ao esgrimirse como base para tomar a decisión de suprimir un servizo público. Isto non é certo: unha acreditación é un recoñecemento formal de independencia e calidade técnica. Tal e como se recolle nun recente documento en defensa do Laboratorio, ao que tivemos acceso:

"O LAMUVI realiza un traballo de calidade e fiable, como demostran os resultados nos execizos de intercomparación nos que participa xunta outros laboratorios nacionais, moitos deles acreeditados. O LAMUVI ten participando, dende 1997, nestas rondas intercomparativas realizadas por organismos certificados por ENAC, sendo os seus resultados tan bos como os de laboratorios acreditados. A acreditación significará o seu recoñecemento formal, proceso que xa se iniciou co adopciòn dun sistema de xestión de calidade que debe conducir á Acreditación final.
A homologación é un requisito obrigatorio imposto por unha autoridade segundo normas establecidas. Xeralmente refírese a productos, e é imprescindible para poder comercializalos.
A Acreditación mediante certificación é un acto voluntario que confirma unha competencia técnica. O LAMUVI non ten por que estar homologado, pero podería estar acreditado. Coa calidade demostrada polo Laboratorio vigués, a Acreditación pode obterse cando interese. Se de pecha o LAMUVI por non ser un servizo acreditado se deberían pechar a metade dos servizos municipais".

Caballero, claramente, exhibe este suposto problema como excusa -que ademais está na súa man solucionar de maneira fácil e barata- en lugar de esgrimir os argumentos xustificativos que son esixibles a unha autoriade pública cando pretende suprimir un servizo municipal.

* Di Caballero que o Concello non ten competencias nesta materia neste momento por seren absorvidas pola Comunidade Autónoma.
Tampouco di a verdade o alcalde. Os Concellos manteñen as súas competencias propias comforme á lexislación vixente (RD 140/2003 e Lei 27/2013) relacionadas co Ciclo da Auga: subministro de auga potable, inspección e control dos vertidos á rede de sumidoiros e protección da salubridade pública (control, tratamento e prevención de pragas urbanas, control da calidade da auga das súas fontes...).

Sen embargo, existen moitas razóns de interese xeral que xustifican a existencia do noso Laboratorio:

- Todas as cidades españolas importantes teñen o seu propio Laboratorio: Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Bilbao, Zaragoza, San Sebastián, Pamplona, Vitoria, Hospitalet, Cartagena... Vigo debe seguir pertencendo a este grupo de excelencia no control municipal da saúde pública.
- O LAMUVI existe dende 1902 e acumula un inorme acervo de experiencia técnica e administrativa, práctica científica e coñecemento. O seu peche significaría a perda irreversible deste acervo, a desaparición de valiosos profesionais formados na excelencia ao longo da súa historia, e dunhas magníficas e costosas, aínda que mellorables, instalacións e equipamento técnico.
- O LAMUVI é un servizo público de primeira orde. Ofrece a garantía aos cidadáns de que dispoñan dun control público independente nas áreas de saúde urbana e medio ambiente, que actúa sen intermediarios privados, de xeito inmediato e fiable.

- O LAMUVI -como se recolle no documento comentado- ademais das competencias propias atribuídas pola lexislación, realiza na actualidade importantes servizos á cidadanía, como:
  • Análises a calquera particular que o solicite, previo pagamento das taxas municipais establecidas expresamente nas Ordenanzas
  • Análise dos lixiviados da planta do Zondal, fundamentais para o control da contaminación da capa freática, das augas de pozos e regatos próximos.
  • Anñalise das mostras de vertidos recollidas pola Policía Local
  • Control das augas das piscinas
  • Análise das traídas de xestión veciñal que fornecen de auga potable a miles de veciños
  • Control de Legionella nas fontes ornamentais da cidade
  • Análise das augas de praias e río Lagares
  • Labores de difusión e docentes ao alumnado dos centros de ensino vigueses.
- Labor sobresaínte é a que realiza no control das augas das case 400 fontes rexistradas que existen no municipio, que son sistematicamente controladas e caracterizadas dende hai décadas polo LAMUVI. Está, ademais, preparada para a súa difusión, o portal de internet realizado polo Laboratorio para dar puntual información á cidadanía.

- A garantía da calidade da auga que chega á billa (que está xestionada por unha empresa privada en réxime de concesión, actualmente FCC Aqualia) só será posible dende un laboratorio público como o noso, evitando así que a concesionaria sexa quen se "autocontrole", cos evidentes perigos que isto supón.

- Ademais, dentro da lóxica de lograr a maior eficiencia na prestación dos servizos públicos, a lexislación vixente contempla a posibilidade de realizar labores delegadas pola Administración Autonómica. Unha delegación cuxa necesidade é obvia se temos en conta que en toda Galicia só existe un Laboratorio autonómico de Saúde Púbica centralizado en Lugo.

- Coa creación inmediata dun novo ente público intermunicipal, como a Área Metropolitana de Vigo, fai imprescindible a máxima rendabilización dos recursos públicos coa posta a disposición deste Ente, dun servizo de Saúde Pública que xa existe e que conta cunha capacidade e calidade abondo demostrada.


Non podemos obviar o contexto no que se produce esta acción do goberno municipal do PSOE en Vigo:

- O proceso privatizador de servizos públicos esencias, especialmente do concernente á saúde pública e ao vital Ciclo da Auga, que vén a reforzarse coa eliminación deste Laboratorio. As súas funcións deberán ser prestadas agora por unha empresa privada e non sería de extrañar -aínda que se mantén un sospeitoso silenzo neste sentido- que se pasase directamente á actual concesionaria, o que provocaría non só a mediación privada no control das augas -a concesionaria sería xuiz e parte-, senon tamén, o encarecemento do recibo.

- Esta acción prodúcese nun contexto no que os Concellos do cambio -moitos deles participados polo PSOE- estudian seriamente, e mesmo executan, procesos de reversión das concesións, que permitan unha xestión pública plena, eficiente e económica, do ben común esencial que é a auga.

Resulta sorprendente, neste sentido, que sexa o mesmo partido, o PSOE, o que se opoña frontalmente, por exemplo,  á desaparición do Laboratorio Municipal nunha cidade como Albacete (no que os tribunais xa sentenciaron a ilegalidade desta medida que puxo en práctica o PP nesa cidade) e en Vigo, sexa o promotor da súa desaparición e privatización.

Resulta intolerable, ademais, que este peche dun servizo público se realice mediante a irregular  fórmula de baleiralo de traballadores e técnicos, mediante un procedemento de decreto de reascripción de efectivos a outros servizos municipais. Con este burdo e irregular truco, evítase o regulamentario procedemento de supresión dun servizo público, de reasignación dos seus orzamentos, da publicidade e debate público do mesmo, e a necesidade de fundamentar técnica e xuridicamente as razóns do peche indicando cales van a ser as vías, medios e recursos económicos que, en ausencia do Laboratorio, se utilizarán para dar cumprimento ás obrigas municipais en materia de subministro e control das augas-

Sorprende tamén o oportunismo de Abel Caballero que se rasgaba as vestiduras pola supresión por parte da Xunta de Galicia do Laboratorio no Hospital Álvaro Cunqueiro, cando el mesmo priva á cidade dun imprescindible servizo público que, nas condicións actuais, non só está en enteira disposición de cumprir as súas tarefas propias, senon tamén de acometer con eficiencia os labores de saúde pública intermunicipal derivados da posta en marcha da Área Metropolitana.

Por estas razóns, pola garantía da eficiencia no control e mellora da saúde pública no noso Concello, por conservar unha institución e servizo que non só presta unha indispensable labor social e medioambiental, senon que tamén é un elemento de prestixio e orgullo para a nosa cidade, esiximos al Alcalde de Vigo e ao PSOE de Galicia:

- Que non se peche o Laboratorio Municipal de Vigo, e que se acometan as melloras necesarias técnicas, de dotación e, se é o caso, Certificación, para o seu pleno e eficiente funcionamento ao servizo da saúde pública da cidadanía viguesa e do control do ciclo da auga do municipio e da súa Área Metropolitana.

- Que, en paralelo, se estudien as posibilidades e conveniencia da súa integración ou colaboración, mediante a fórmula de delegación ou da que se considere máis oportuna, non só dentro dos servizos futuros da Área Metropolitana, senon tamén na Rede de saúde pública da Comunidade Autónoma de Galicia*

(*) seguindo, por exemplo, o modelo da Rede de Laboratorios de Salud Pública en Catalunya).


6.2.16

A "política" de Persoal do Concello de Vigo ao descuberto

Javier Pardo, concellal de Persoal
Algúns coñecedores da estructura profunda do Concello de Vigo sábeno dende hai tempo: a "política" de Persoal, dende hai moitos anos, está inzada de irregularidades graves e do incumprimento sistemático da norma en materia de carreira administrativa, vulnerando os principios de publicidade, mérito e capacidade no acceso á función pública que consagra a Constitución Española.

A novidade é que, por primeira vez, e  nas últimas dúas semanas, un sindicato e unha asociación cidadá decidiron pasar das sospeitas á acción:
Esta "política" de Persoal recollida nas denuncias e moito máis que, esperemos, continúe salindo á luz pública, é, a pouco que observemos a práctica dos distintos gobernos municipais das últimas décadas, funcional, non aos intereses xerais, como demanda a legalidade vixente, senon aos particulares intereses do goberno de turno. A práctica sistemática de ceses e nomamentos arbitrarios (especialmente aumentada cos gobernos de Abel Caballero), coa única motivación expresa da "reorganización administrativa",  a adscripción nas xefaturas de persoas próximas ao partido gobernante ou obedientes con el, a retirada ao ostracismo de técnicos de recoñecida competencia profesional, o reparto de productividades e aumentos de complementos retributivos con incomprensibles "motivacións", serviron e serven para apuntalar no poder o máximo tempo posible aos que gobernan e a facilitar a súa xestión.

Non é casualidade que ata hai ben pouco, por exemplo, Caballero se resistise a cesar a un interventor que prolongaba a súa non motivada interinidade (carecía da categoría adecuada ao posto) máis alá dos prazos legais; unha situación só explicable porque o tal funcionario era próximo ao PSOE (fora concelleiro deste partido en Nigrán).

Parte desa política de Persoal, especialmente lacerante, é a vinculada cos variados "plans de emprego" municipais, sobre os que pesan, dende hai moito tempo, dúbidas da súa imparcialidade na selección dos traballadores beneficiarios dos mesmos. As documentadas denuncias do ex-alcalde Carlos Príncipe, parece que veñen corroborar a sospeita dun nepotismo habitual na contratación de traballadores no Concello.

Nin que dicir ten que tamén esta práctica, chamémoslle, irregular, funciona no que respecta ao persoal das concesionarias, como, entre outros, o denunciado caso da cuñada de Carmela Silva -polo que está investigado (antes imputado) o concelleiro de Emprego Santos Héctor-, ou do presunto enchufe da esposa de Santiago Domínguez nunha gardería municipal, que podería ter servido para abrandalo na negociación dos orzamentos municipais de 2012.

É, pois, unha boa nova que un sindicato rache co interesado "pacto de silencio" que parece dominar a actividade sindical no Concello de Vigo e se decida a denunciar, polo administrativo e o penal (cun encomiable rigor legal), a inaturable situación dunha plantilla municipal modelada, non para servir con legalidade e eficacia os intereses xerais, senon, polo que parece, os inmediatos do partido que  goberna. Os sindicatos municipais, con algunhas persoas que levan lustros liberadas para exercer como delegados na 5ª planta da Casa do Concello, reproducen a mesma práctica clientelar, preocupándose só de favorecer aos colectivos de traballadores máis numerosos (policía local, bombeiros, porteiros dos Colexios...), que son os que garanten, cada convocatoria de eleccións sindicais, a súa reelección, e cubrindo á vez cun cómplice manto de silencio os casos de ceses e nomeamentos a dedo na estructura técnica e directiva do Concello.

Dende Vigoblog estamos convencidos de que será imposible un cambio real no Concello de Vigo, mentres non se actúe con decisión e plena legalidade na entrampada estructura do Persoal do Concello de Vigo, facendo reinar os principios constitucionais de publicidade, igoaldade, mérito e capacidade no acceso e promoción á función pública. Xa saben os da Marea de Vigo onde comezar.