IX ÉPOCA

29.8.14

Jonathan en Samil: Abel Caballero, disculpas de mal pagador.

Finalmente Abel Caballero decidíu falar e tentar explicarse sobre a súa decisión de someter a nova concesión a caducada do restaurante Jonathan en Samil. Faino despois de que diversos grupos políticos, asociacións e colectivos cidadáns (entre outras, as máis de 500 sinaturas recollidas a iniciativa de Vigoblog dende a plataforma Avaaz) pedíranlle reiteradamente que frenase ese expediente; faino xa cando está a punto de adxudicarse o concurso convocado para seleccionar ao novo concesionario por un período de 30 anos.

As primeiras razóns expostas por Caballero sobre os prezos do café en Samil, mellor non telas en conta, por respeto á intelixencia dos cidadáns. O Faro de Vigo -que agocha canto pode a oposición  política e cívica a esta nova concesión- recolle hoxe, sen embargo, un intento de xustificación que aconsella  comentario e aclaración:

Non hai ningunha razón, máis alá de excusas e coartadas, para non derribar o edificio do atigo Jonathan e iniciar canto antes a rexeneración da área dunar de Samil, nesta e noutras zonas da praia;  si hai razóns esenciais para  facelo: como se ten confirmado polos estudos científicos da Universidade de Vigo -ou como calquera con sentido común e mínima capacidade de observación pode deducir-, é urxente actuar, sob pena de que o areal desapareza como consecuencia da erosión e perda de area e a non existencia dunha área dunar de reserva. Calquera política responsable neste tema pasa por eliminar tódolos atrancos existentes para acadar a rexeneración, ao menor custo posible e canto antes.

Polo medio, pode Caballero Caballero buscarse coartadas para non actuar, decindo que a concesión rescatarase inmediatamente unha vez que o Ministerio relance o proxecto de rexeneración redactado, consensuado no seu día co Concello. Vén dicir, pois, como excusa, que realmente non é el o culpable de tomar a decisión de manter o Jonathan e ampliar a concesión: a culpa é do PP que non executa o proxecto pactado. A el non lle queda máis remedio que seguir deixando esmorecer a praia e non iniciar a súa rexeneración: a culpa é do PP.

Sen embargo:

- A existencia de edificacións sobre a duna con negocios en réxime de concesión, e o alto custo dos rescates por razóns de interese público, sempre foron un dos principais atrancos esgrimidos por uns e outros para iniciar xa o derribo do muro e a rexeneración da praia. Esta circunstancia, xunta con outras -relacionadas coa non execución de medidas municipais previas indispensables que agora comentaremos-, foron aducidas expresamente polo Ministerio como impedimento de causa maior para non iniciar o proxecto redactado.

- É unha media verdade o que afirma Caballero sobre a posibilidade de rescate inmediato en calquera momento da concesión: esta condición non figura como específica, automática e gratuíta no prego de condicións da concesión (tal e como trata de facer crér entre liñas o alcalde), senon que se recolle en termos xerais -como necesariamente é obrigado en todo expediente de concesión-: remitíndose á legalidade vixente neste precedemento, que prevé a posibilidade de rescate por razóns de utilidade pública. Isto significa que, no caso de aplicación das previsións do PXOM neste ámbito, habería que facer o gravoso pago de rescate, sen condicións específicas ningunhas que obriguen ao adxudicatario. Dubidamos moito, ademais, de que se poida rescatar doadamente aducindo nada máis a decisión simple de "tirar o muro" e non o desenvolvemento do PXOM. Estamos falando dunha indemnización moi alta, tanto polo longo período de 30 anos de concesión previsto no prego de condicións, como pola esixencia contractual de fortes investimentos iniciais a realizar na edificación actual por parte de  quen resulte concesionario, que haberá que compensar... se é que non pleitea, claro, e as cousas adíanse indefinidamente.
Corolario: se non queres pagar o rescate, se queres deixar aberta a posibilidade de recuperar a praia con outros mecanismos distintos á execución completa do proxecto de rexeneración, non fagas a concesión.

Á parte da estupidez dos 30 euros do relaxing cup of café con leche en Samil, ¿que razóns hai para poñer un atranco de semellante categoría a un goberno municipal que realmente queira tirar total ou parcialmente o muro e rexenerar total ou parcialmente a praia no futuro próximo?. Que razóns hai diferentes ás que serviron para ordear e executar polo Concello o recente derribo do Restaurante As Dornas, que se atopaba nas mesmas condicións físicas, de ubicación e administrativas do Johathan?
As excusas aducidas de manter con servizos a praia, é moi difícil de manter cun mínimo de racionalidade: hai abondo e non son servizos indispensables. Serviría ademais igoal para o caso das Dornas, e non se aducíu daquela.

Que cada un busque as razóns. Non se nos ocorre pensar en que teñan que ver coas relacións que persoas de certo sector da hostelería viguesa manteñen co goberno municipal, claro.

- A execución total do Plan do Ministerio de Medio Ambiente, non depende só de consignar nos presupostos xerais do Estado a cantidade para executalo. Depende de cuestións previas de estricta competencia municipal.
  • A eliminación da zona deportiva municipal situada na zona de praia coincidente coa desembocadura do río Lagares.
  • O desenvolvemento do PXOM nas previsións contidas para a zona de Samil, que inclúe a realización dunha carretera interior que permita reubicar servizos e aparcamentos fóra da ára dunar, cos correspondentes procesos de expropiación ou compensacións urbanísticas.

Visto que na actual situación de crise económica isto non vai a ocorrer, e que a praia de Samil debe ser salvada urxentemente como espazo natural e de ocio (as dúas cousas son interdependentes), se hai realmente vontade de rexeneración, é preciso un plan B de actuación progresiva, que está perfectamente ao alcance económico e administrativo das administracións central e municipal.


Como sabemos, polas súas declaracións, que Abel Caballero é partidario da inicia-la rexeneración e de acometela progresivamente, non entendemos que non a inicie agora que está en moito mellores condicións de facelo cá en 2008 -cando realizou estas declaracións-, pois xa non existen as concesións administrativas das Dornas nin do Jonathan.

Para axudalo, ousamos propoñer de seguido algunhas accións perfectamente viables e de baixo custo para deseñar e executar ese Plan B de rexeneración progresiva, que poña de manifesto, máis alá das boas  palabras, a vontade política e a sensiblidade medioambiental de recuperar a praia:

  1. Tal e como se comprometeu, despois do derribo das Dornas, eliminar o muro e xardíns situados sobre o solar resultante da desaparición do restaurante, dando continuidade á zona dunar en proceso de recuperación do adxacente Coho das Dornas. Eliminar as capas superficiais de terra para deixar ao descuberto a area soterrada e iniciar o programa de rexeneración mediante pantallas vexetais de retención de area e limitación de acceso á zona a recuperar. Deseñar e habilitar un paseo de madeira sobre pilotes para facilitar o tránsito peonil entre zonas de praia. [Hai que lembrar que ese tramo do paseo foi construido xa polo Concello en tempos de democracia, nunha desgraciada iniciativa do concelleiro (de varios partidos) Agustín Arca].
  2. Tal e como está previsto no PXOUM, eliminar a zona deportiva municipal que se sitúa sobre un inorme recheo na desembocadura do Lagares. Iniciar os procesos de recuperación dunar desta zona de praia. Deseñar e habilitar un paseo de madeira sobre pilotes para facilitar o tránsito peonil entre zonas de praia [a recuperación desta parte da praia xa fora decidida como consecuencia dun pacto presupostario do ano 1987 entre o PSOE de Manoel Soto e a daquela Esquerda Galega de Camilo Nogueira. Nunca se executaron por completo as condicións pactadas, pois o PSOE incumpríu o pacto para esta zona  e, lonxe de recuperala, urbanizouna máis -"Alameda Ría de Vigo-, á vez que construía un novo tramo do Paseo na zona da Punta]    [sen embargo, o goberno municipal está a adxudicar obras de reforma deste campo de fútbol por importe de 235.000 euros, o que amosa a vontade de consolidar as instalación e non de encamiñarse cara á recuperación desta zona, seguindo as indicacións do PXOM e do proxecto do Ministerio
  3. Eliminar o tramo do paseo e zona urbanizada na que se atopa o Jonathan e zonas axardinadas adxacentes que actualmente non contan con aparcamento. Iniciar os procesos de rexeneración dunar nesta zona recuperada. Deseñar e habilitar un paseo de madeira sobre pilotes para facilitar o tránsito peonil entre zonas de praia. Habilitar servizos de tempada de praia provisionais, compatibles coa rexeneración.



Son tres medidas moi conservadoras, respectando as actuais zonas de aparcamento e pista de patinaxe. Unha acción máis decidida iría encamiñada a rescatar as dúas concesións existentes aínda -próximas á súa finalización-  minimizar a presencia de vehículos privados, reforzando con lanzadeiras o transporte público de tempada, habilitando mesmo transporte marítimo de pasaxeiros e eliminando os aparcamentos e parques infantís e piscinas actuais (o maior parque infantil dunha praia é a praia mesma, nonsi?). Os servizos hosteleiros precarios de tempada, ben deseñados, son compatibles coa retirada do muro e a recuperación dunar.

Se realmente hai conciencia e vontade de iniciar a rexeneración de Samil, pódese facer sen buscar culpables noutros partidos ou administracións.  Só abonda con ter responsabilidade política e medioambiental e non deixarse levar por meros intereses particulares e/ou electorais inmediatos, Samil pódese salvar e o Jonathan pode e debe ser derribado. Só abonda con cumprir a palabra dada por Abel Caballero da súa disposición a iniciar de inmediato a rexeneración, aínda que fose por fases.

O resto son excusas de mal pagador.

22.8.14

Decoración de medianeiras e prioridades urbanas

O Concello de Vigo vén de anunciar o inicio dun programa de decoración de medianerias mediante actuacións artísticas. O programa, suxerido pola asociación Outro Vigo é Posible e recollido con entusiasmo polo goberno municipal, vén sendo a reedición dunha vella iniciativa municipal dos anos 80 do século pasado, encabezada polo daquela concelleiro de cultura do PSOE Francisco Santomé.
Daquel programa executáronse catro ou cinco medianeiras, facéndose posteriormente algunhas poucas máis de xeito esporádico.
Tras aquela ocorrencia oitenteira de curto percorrido, no novo século o Concello de Vigo convocou (pax 16 do BOP) durante varios anos axudas económicas á rehabilitación de fachadas e cubertas de edificios de interese histórico ou destacados na paisaxe urbana. Un programa que, posteriormente se retomou coa creación do Consorcio do Casco Vello con axudas circunscritas ao ámbito deste barrio histórico e do PEPRI de Bouzas.
Axudas que, pensamos, hai anos que non se convocan fóra dos ámbitos do Casco Vello e Bouzas.

Non nos parece mal a iniciativa de decorar as medianeiras sempre e cando se actúe con criterios artísticos contrastados e se executen coa calidade debida. Pero non é o que Vigo necesita urxentemente en canto á mellora da imaxe urbana e crémos que, coa escasez de medios actuais, hai prioridades neste sentido e estas son as da mellora da estética e seguridade das fachadas e cubertas dos edificios de interese histórico ou ambiental.
O fomento da rehabilitación mediante axudas económicas aos propietarios para a rehabilitación de cubertas é imprescindible para garantir a  pervivencia do vello caserío vigués, ao ser un elemento crítico para lograr a conservación dos edificios e a súa futura rehabilitación integral.
O coidado e rehabilitación das fachadas, mediante a súa limpeza, restauración ou renovación de carpinterías exteriores, o pintado de paramentos, é unha operación economicamente asumible e que ten un inorme impacto sobre a apreciación dos edificios e a imaxe urbana.

Por outra parte, as actuacións de rehabilitación destes elementos da edificación, supoñen unha aportación importante nas actuais circunstancias para o sostemento do sector da construcción que ve neste tipo de obra unha posibilidade de combatir a grave crise que padece.

Son virtualidades que non ten un programa de decoración de medianeiras que, á hora de gastar os escasos recursos públicos e privados, debería estar nun segundo plano nas prioridades do goberno municipal. Infelizmente en Vigo prima, dende hai moitos anos, un concepto decorativista da cidade, moi presente nas actuacións nos espazos públicos (nos que sobrancea o gusto obsesivo pola maceta) Concepto puramente circunstancial e que non contribúe á mellora permanente e sostible do espazo e imaxe urbana.

Sensibilidade fronte a sensiblería. Arquitectura fronte a artificiosidade. Decoración ou rehabilitación?

15.8.14

A rexeneración de Samil e o cinismo da casta

Pleno municipal do Concello de Vigo de 25 de febreiro de 2013.
Moción presentada polo Grupo Municipal Socialista
INSTANDO AO GOBERNO DA NACIÓN A ASUMIR O PROXECTO DE REFORMA DA PRAIA DE SAMIL QUE OBRA NO MINISTERIO DE AGRICULTURA, ALIMENTACIÓN E
MEDIO AMBIENTE. EXPTE. 610/1101.

A moción, cun par de enmendas menores do BNG, foi aprobada por unanimidade.

Texto da moción do PSOE:
A praia de Samil é un dos maiores atractivos da cidade de Vigo. Para os vigueses é un punto de encontro e de goce. Para os que nos visitan é unha referencia estival. A praia chea no verán é un exemplo. 
Conscientes de todo o que significa para a cidade, o Goberno Municipal suscitou ao Goberno da Nación, en 2.009, un proxecto integral de mellora de devandita praia. Proxecto ambicioso que contaba co apoio do Goberno Estatal e que ía destinado a cambiar radicalmente esa zona tan importante da cidade. 
Froito dese apoio foi a elaboración do Proxecto que obra en poder de Concello de Vigo que xa está realizado e pago. 
O proxecto supón a recuperación do sistema dunar, o retranqueo de 25 metros do paseo actual, a replantación de árbores, o retranqueo das piscinas e da zona de lecer e a construción dun novo paseo de 12 metros. Todo iso supón un proxecto cun investimento de 17 millóns de euros que supoñería unha importante incentivación económica na cidade. 
Coa chegada de Mariano Rajoy á Presidencia do Goberno da Nación, o devandito proxecto, ata o momento, non foi asumido polo actual goberno quedado aparcado sen ningunha xustificación e sen explicación algunha ao Alcalde de Vigo. 
A combinación medio ambiental do proxecto coa repercusión no turismo e o atractivo par os vigueses que o gozan todo o ano, fai que sexa necesaria a petición ao Goberno Estatal de manter este proxecto e de fixar prazos para o seu desenvolvemento. 
 Por todo o dito, o grupo municipal do PSdeG-PSOE solicita ao Pleno da Corporación a aprobación do seguinte ACORDO 

-Instar ao Goberno da Nación a asumir o proxecto que obra en poder do Ministerio de Medio Ambiente de reforma da Praia de Samil, e comprometer a súa execución nos prazos que, de común acordo, se fixen co Alcalde desta cidade. 

ACORDO final coa enmenda do BNG:
1.- Instar ao Goberno do Estado a asumir o proxecto que obra en poder do Ministerio de Medio Ambiente de reforma da Praia de Samil e comprometer a súa execución nos prazos que, de común acordo, se fixen co concello desta cidade. 
2.- Instar ao Goberno local á recuperación e ao mantemento do litoral da nosa cidade e á continuidade nos paseos costeiros o que precisa executar proxectos globais para todas as parroquias, incluída a de Alcabre. 

 Acta completa da sesión (moción e debate -para non perdelo!- entre as páxinas 47 a 55)

La Voz de Galicia de 15 de agosto de 2014 dá conta da inminente adxudicación da concesión por 30 anos do Restaurante Jonathan.

O cinismo da casta non ten medida.

8.8.14

O Concello cambiará o que queda do pavimento tradicional da praza da Princesa

Nestes casos cómpre tirar da memoria:

A praza en 1903. Apréciese a disposición do arborado
No ano 2001 realizouse unha actuación de rehabilitación da Praza da Princesa (ver páxina 49 da Memoria-enlazada- do programa URBAN), seguindo estrictos criterios de respecto ao patrimonio, percurando non só a recuperación do pavimento existente e a reposición das lousas deterioradas, con criterios de despece, acabado e características similares ás tradicionais.

A ficha da Praza da Princesa do PEPRI Casco Vello incluída no catálogo de espazos públicos do Barrio [norma que obrigaba ao mantemento do pavimento e que foi incumprida descaradamente en 2009], alababa así esta obra:

O proxecto de Franco Rabuñal, Pintos Santiago e Toucedo Rodríguez (inscrito no programa Urban), constitúe unha das máis acertadas actuacións recentes. A devandita intervención unificou e ordenou a disposición do mobiliario urbano, así como propuxo a renovación do enlousado de granito e a plantación de arborado de desenvolvemento vertical arrodeando a fonte (F002). É salientable o uso do báculo tipo lanterna, o banco empregado (cun bo sistema de fixación) ou o deseño da marquesiña, xa que constitúen reelaboracións de elementos hoxe tradicionais nunha linguaxe contemporánea que permiten unha inserción harmoniosa sen provocar confusión na lectura histórica do conxunto e das intervencións realizadas. Para finalizar sinalar o esforzo realizado na ocultación das tapas de rexistro baixo o enlousado de perpiaño.

En 2009 realizouse unha innecesaria e agresiva obra de "mellora" que arrasou, entre outras cousas, con parte do pavimento tradicional substituíndoo por granito gris alba industrializado.

Os bancos colocados en 2001 e os pavimentos recén restaurados
Meses antes, Corina Porro xa intentara botar da praza aos sectores marxinados que, coma hoxe, utilizaban habitualmente este espazo, coa burda manobra de retirar temporalmente os grandes bancos colocados trala rehabilitación de 2001 (bancos novos que, por certo, nunca máis se soubo deles).

Novamente anúnciase que se quere volver a intevir, xustamente, na parte da praza que aínda conserva o seu aspecto e pavimento tradicional en perfecto estado (a falta de pequenas reparacións doadas e baratas). Preténdese tamén aumentar o arborado, esquecendo que o que agora ten reproduce con exactitude o número de exemplares e a disposición histórica.

Novamente temos que denunciar o sinsentido e derroche desta actuación que provocará por enésima  vez a perda de valor do que representa a fachada horizontal histórica do Casco Vello vigués.

Unha intervención que a ninguén interesa, agás aos habituais proveedores municipais de granito que fan o seu agosto coas humanizacións urbi et orbe que enchen Vigo de caros enlousados de pedra ou, se cadra, como denuncian en Xentrificación Vigo, de paso, persuadir aos excluídos sociais que usan habitualmente este espazo, para que se desacostumbren del a base de ter levantada a praza uns meses. A integración tranquila destas persoas pasa por outro tipo de iniciativas de axuda e apoio que non son as da pura e dura expulsión.

Sen embargo, debemos aplaudir que se interveña na eliminación dos engadidos que afean dende hai décadas os baixos comerciais das escaleiras que comunican Elduayen coa praza de Calatrava. Esperemos que, de paso, non fagan outra innecesaria defeita nesa praza, tamén rehabilitada a finais dos anos 90.