IX ÉPOCA

18.12.15

Vigoblog vota En Marea-Podemos

Hai que mollarse.

Así comezamos a última reunión plenaria da redacción de Vigoblog.

Hai que mollarse porque a situación é de emerxencia.
Se se perde esta oportunidade, se se pecha esta ventá aberta  cos ventos do 15-M, e suxeitada no tempo con forza por un fato de xoves valentes que foron quen de transformar o  devalo dunha esquerda autocompracente, nunha pleamar de esperanza; se se perde este 20D sen unha presencia masiva no parlamento español dos indignados, felizmente organizados, varias xeracións -a nosa propia- estarán condeadas a sofrer un liberalismo sen piedade, sen dereitos, cruel cos débiles e xeneroso coas corruptas élites económicas e políticas.

Por isto, porque temos que construír un escenario no que sexa posible o medre do movemento popular contra o ultraliberalismo e o protofascismo con pel de año; un escenario no que as distintas forzas democráticas poidan confrontarse en igoaldade, sen represión, cun pobo que aprenda a superar o medo e defender os seus lexítimos intereses; porque non podemos esperar a que a xente sofra e tire definitivamente a toalla nun sálvese quen poida; porque sabemos que as persoas que compoñen as candidaturas de En Marea-Podemos si poden representarnos; porque hai un programa cargado de compromisos, de garantías fronte á mera promesa electoral... por estas e moitas outras cousas que sitúan os planteamentos críticos de Vigoblog na mesma liña que esta candidatura, decidimos votar unanimemente a En Marea-Podemos e promover publicamente este voto.

Despois do 20D quedarán moitas tarefas por facer e casi todas elas dependerán do noso grao de implicación no novo escenario, da xenerosidade e da intelixencia na nosa acción, na ruptura coas vellas inercias autompracentes dunha esquerda que parece desperezarse deses anos nos que non soubo como saír dos seus cuarteles de inverno, esperando permanentemente a Godot.

Tocará, despois, seguir construíndo democracia directa, formación política honesta, pedagoxía social baixando ao terreo de xogo do cotián das necesidades reais das persoas...


Votaremos En Marea-Podemos e animámosvos a todos e todas a lograr que o 20D consigamos unha victoria histórica.

Xogámonos moito, como nunca dende a morte do dictador.

Logo vémonos nas prazas, nos blogs, na crítica, na opinión honesta, no apoio e control a aqueles e aquelas aos que o domingo encargaremos o traballo de levar a voz e a forza "dos de abaixo" ao Parlamento...

Saúde!

A redacción de Vigoblog:
Marcos Andión, Raquel López, Lorenzo Pardavila, Ana Pinténs, Pablo Eifonso e Tiago Louro.

@enmarea
@ahorapodemos
#remontada

6.12.15

Vigoblog en Facebook e Twitter

Levamos tempo con pouca actividade no Blog. Foi un esforzo de moitos anos tentando levar un pensamento crítico e diverso aos nosos lectores. Polas nosas páxinas, dende que iniciamos esta aventura hai xa máis de 10 anos, debullamos a actualidade viguesa dende un posicionamento nunca cómodo para os que manexan conforme aos seus esrictos intereses particulares esta cidade.

Pero, dende aquela ata hoxe, novas formas de comunicación en rede teñen xurdido con forza mentras mantiñamos o Blog. Este post é para dicir aos nosos lectores que continuamos esporadicamente por aquí, pero que tentaremos estar cunha presenza maior en Facebook e Twitter. Alí esperámosvos tamén.

Vigoblog en Facebook
Vigoblog en Twitter

A nosa máis recente entrada en Facebook é sobre a anulación do Plan Xeral de Vigo:

Isto deciamos en 2006 en Vigoblog sobre a obriga da Avaliación ambiental estratéxica. Aquel post do 2 de agosto de 2006 titulabámolo "O PXOM non se aprobará nesta lexislatura. Ou tal vez nunca":

Pero non só é cuestión de formalidades relacionadas co tempo de tramitación. O Estudio de sostibilidade que recolle o PXOM aprobado provisionalmente (por certo o que se expuso ao público foi case por completo modificado para enviarllo á Xunta de Galicia) non abondará para servir de base ao Estudio de Impacto Ambiental. Graves problemas van ter agora os defensores desta chapuza de Plan, pois o procedemento de E.I.A. obriga, ademais de a elaborar outra documentación importante, a facer unha comparativa rigorosa, clara, expresa e xustificada entre as calificacións do terreo no Plan anterior e no novo, cuestión que no documento do PXOM aprobado provisionalmente "sorprendentemente" non aparece.
Cantarán por soleares, e se situarán sobre o mapa claramente, agora sí, as recalificacións urbanísticas. Porase así de manifesto, se é o caso, se existiron transacións "casuais" de terreos feitas con anterioridade a que o Plan os recalificase e se multiplicase o seu valor económico por moitos díxitos.
¿Que pasará agora cando todo o peixe estaba xa vendido?. Menudo lío para Chema, Corina e Toba.

Parece que, visto en perspectiva, os tres zafaron, e lle tocou a Caballero e a Caride apandar coas consecuencias. Ningún dos dous son inocentes: pese á oposición inicial á barbaridade do documento aprobado polo BNG-PP -especialmente por parte do socialista Mauricio Ruiz, do equipo de Ventura Pérez- o actual alcalde e a actual concelleira de Urbanismo (daquela Conselleira de Politica territorial) preferiron seguir adiante con aquel insostible Plan, en lugar de reformalo en profundidade.
Fixérono, ademais, da pior maneira: tratando torticeiramente de evitar o sometemento á avaliacion ambiental estratéxica do Plan. Unha avaliación que, de seguro, sería imposible de realizar sen modificar a fondo cuestións básicas dese Planeamento: as infladas estimacions de crecemento demográfico (Vigo, a estas alturas, se seguimos a prospectiva do Plan de Consultora Galega, tería a estas alturas case 400.000 habitantes); a operación especulativa de Beiramar a costa de facer unha zona industrial nas abas dun monte, o tremendo impacto da famosa Ronda; a xustificación dos informes negativos dos técnicos municipais ("demoledores" en palabras de Toba, sempre disposto a ningunealos), a legalización vía Plan xeral de instalacions ilegais como eran as tristemente famosas 5Jotas en Candeán...

O desproporcinado cinismo dos protagonistas desta desfeita onte e hoxe, amparados na desmemoria desta cidade, produce rubor.

Esperemos que esta situacion se transforme nunha oportunidade de elaborar un planeamento de calidade, non desarrollista, non especulativo e respectuoso cos valores culturais, economicos e ambientais da nosa maltratada cidade.