IX ÉPOCA

18.1.15

O Bernardo Alfageme e a deber da boa Administración

Colocar o Bernardo Alfageme nunha rotonda é un insulto ao deber que teñen as Administracións públicas de administrar e conservar os bens culturais que pertencen á toda a comunidade. É, neste sentido, dilapidar o diñeiro público, utilizalo impropiamente.

Conservar o barco histórico (que valor material teñen os bens culturais?) de xeito que poida cumprir a súa función social, no lugar que loxicamente lle corresponde, no Museo do Mar de Galicia, non é dilapidar o diñeiro público: é xestionalo con responsabilidade.

Posiblemente a polémica situouse inicialmente nun lugar non moi afortunado, pero cheo de razóns: non se trata de que só se utilicen os diñeiros públicos en axudas sociais, senon que estes se usen conforme á responsabilidade pública e a defensa da maior valoración dos bens públicos.

A virtualidade que ten a mobilización de Coia é poñer sobre a mesa, dunha vez nesta cidade, que a Administración ten que estar orientada á satisfacción do interese público e non ao puro e duro electoralismo dun alcalde que quere perpetuarse no poder municipal a costa do que sexa, usando a manipulación, a mentira e a coacción como forma de goberno. A mobilización de Coia ten a virtualidade de dar o pistoletazo de saída para o control cidadá do gasto público, da defensa a ultranza do bo uso dos recursos de todos.

É fácil descalificar ao movemento cidadá incidindo nas súas lóxicas contradiccións. Pero Coia estanos dicindo que hai que parar a dilapidación do público, que hai que parar o derroche decorativo, os investimentos en fume, a falta de planificación, a ausencia de participación cidadá, o despotismo desilustrado que nos goberna.

Nunca é tarde: as forzas políticas teñen a obriga de coñecer como se gastan en realidade os presupostos municipais, de controlar con información abonda o mal uso dos recursos, a ausencia dunha actuación conforme a prioridades e á sostibilidade futura. Exemplos hai moitos, pero deberiamos centrarnos nos máis próximos no espazo e no tempo:
as escaleiras mecánicas, a insostibilidade das chamadas "humanizacións", máis próximas á mentalidade de novos ricos que a unha autentica e fincional urbanización acorde coas necesidades de mobilidade e calidade medioambiental; a inxustificable e millonaria ampliación da ponte de Rande e o desdobramento do Corredor do Morrazo (cando esmorece o máis lóxico, racional e sostible ambientalmente tráfico de ría); a construción dun vial alternativo á A-9, cun gasto millonario e un tremendo impacto ambiental; a creación de equipamentos culturais perfectamente prescindibles pois non repostan a verdadeiras e prioritarias necesidades, como a Pinacoteca ou o Centro Galego de Fotografía (co MARCO a 500 metros infrautilizado, con dous centros culturais --da antiga Caixa de Aforros- en mans privadas cando foron pagados co esforzo dxs traballadorxs desta cidade), o millonario gasto en Balaídos mentres o Club anda a mercarse unha cara sede social...

Teñen as forzas políticas da esquerda en Vigo que facer un esforzo por espabilar, pois, moitas veces, amosan unhas inercias e un descoñecemento fondo da política municipal e semellan só funcionar a golpes de acción/reacción, como se carecesen dun proxecto elaborado para esta cidade. En Vigo gobérnase dende hai décadas a golpe de ocorrencias e intereses privados de variada índole. Vai sendo hora de que os programas municipais da esquerda partan dun bo diagnóstico e ofrezan máis cá unha relación de boas intencións e reivindicacións.

A mobilización contra o barco na Rotonda, valente e responsablemente encabezada pola Asemblea Aberta de Coia e a Comunidade de Base de Coia transfórmase, máis alá das súas concrecións, contradicións e anécdotas, nunha metáfora dese empoderamento popular que desexamos. Pon crúamente de manifesto a verdadeira cara represiva e antidemocrática do alcalde, das irregularidades (esta é unha de tantas!) na contratación pública, demasiadas veces esquiva co principio de legalidade, arbitraria e sesgada cara ao interese privado.

Defender a mobilización contra a colocación do barco na rotonda vais máis alá, penso, deste feito en si: pon sobre o tapete a capacidade da poboación de dicir que sen nós, non.

E por aí debe continuar: ocasións para dicir non ao dispendio dos recursos públicos hai, e haberá infelizmente, moitas.

8.1.15

Concello de Vigo: máis cheques sociais?

Penso que o cheque social non é ningunha solución -nin tan sequera a curto prazo- e, de feito, pode acabar sendo un elemento contraproducente. Teño a impresión de que o que acaba producindo é a substitución dos servizos por unha sorte de caridade pública. Algo disto xa se pode albiscar coa desfeita que a extensión deste cheque ten producido nos xa debilitados (e penso que mal enfocados) servizos sociais do Concello de Vigo.

A crise na nosa cidade vén acompañada das consecuencias, no que respecta á prestación de servizos á poboación, da grave irresponsabilidade dos sucesivos gobernos municipais que malgastaron os recursos públicos en obras de cara a galería, en alimentar ás empresas de sempre na concesión dos grandes servizos públicos (xestionados subordinando os intereses xerais aos do puro e duro aumento de beneficios privados) [resulta sorprendente a nula resposta social á ampliación en cinco anos da concesión do servizo de abastecemento e saneamento de augas a FCC, a cambio de millonarias obras de "humanización" disfrazadas de obras hidráulicas].

Nestes anos tanto os servizos sociais coma os culturais e educativos, que representan unha clara retribución indirecta aos sectores máis desfavorecidos da poboación, non foron debidamente atendidos, gastando gran parte dos recursos en actos de cara á galería que carecen de virtualidade para xerar un tecido público de apoio perdurable e sostible: desmesurados actos culturais dun día, os fastos da Volvo Ocean Race, da Universiada, subvencións ao Celta, pseudopromoción turística, becas de inglés (sen as debidas coreccións en función da renda), equipamentos innecesarios (Pinacoteca, Centro de Fotografía) [mentres os escasísimos museos da cidade quedan definitivamente afundidos], fraude do Auditorio, etc etc. Sempre acompañados de  millonarios gastos en contratacións de servizos a empresas de publicidade "amigas" e subvencións máis ou menos encubertas a "mercenarios" medios de comunicación locais (Faro de Vigo, Televigo, Localia) a cambio de fidelidade ao que paga.

O adormecemento da poboación, traballada dende tempos de Portanet (con Manoel Soto como alumno destacado) coa cantinela do viguismo, estaba asegurada. Amplificado dende eses medios de comunicación e cunha oposición só á espera de poder facer o mesmo e con nula capacidade de análise e proposta, o plato estaba servido. Os de sempre seguían zugando o diñeiro da antiga producción industrial que ían á vez afundindo, mentras a calor da especulación urbanística contentaba aos sectores da promoción inmobiliaria e alimentaba aos parásitos que servían aos seus intereses no Concello (a historia do último PXOM é sumamente significativa da alianza de feito dos distintos partidos que ocuparon o poder municipal cos especuladores).

Todo rodeado -especialmente coa actuación de Abel Caballero- dunha demagóxica política de suposto non endebedamento que agocha realmente a incapacidade de realizar un gasto socialmente productivo.

Este escenario de deserto nos servizos básicos e esgotamento das arcas municipais, de ausencia de calquera planificación estratéxica e dunha participación cidadá distinta á do caciqueo local, é o que agora nos atopamos.

Centrar a resposta a este estado de cousas no aumento do cheque social é un erro, dende o meu punto de vista, que non debemos cometer. Non parece de recibo que apoiemos que se dean exiguos e transitorios cheques para aluguer de vivenda e permitamos que o Concello venda os 40 pisos de Rosalía de Castro dos que é propietario, para financiar os terros para a Cidade da Xustiza que en xustiza tiñan que ser financiados pola administración autonómica con cargo á débeda histórica que ten con esta cidade.

Non parece lóxico que deamos cheques individuais para alimentación (para hoxe, fame para mañá), cando os comedores escolares públicos se deixan esmorecer e se confía a súa xestión a ao voluntarismo dunha meritoria federación de pais e nais, en lugar de acometer (con moitos menos cartos dos que constan uns quilómetros de humanizacions ou de fastos varios) unha planificación que inclúa a construccion de novos comedores, a dignificación das instalacións dos actuais e a profesionalización da súa xestión.

Non ten unha maior sostibilidade crear e dotar servizos bibliotecarios (nunha concepción ampla deste equipamento como de apoio á elevacion do nivel cultural da poboacion e dxs estudantes) que dar cheques individuais para libros?.

Non pode, non debe, ser a función social do Concello establecerse como unha entidade caritativa pública, senon a de retribuir á poboación máis necesitada con servizos que lles permitan afrontar a crise de forma comunitaria e digna, cun medio ambiente saudable, coa creación e potenciación de lugares de encontro que favorezan a autoorganización e a solidariedade, con servizos sociais de acompañamento e asesoramento ben dotados e eficaces, coa creación de prazas de calidade de gardería pública, cun transporte público barato e eficiente (en lugar de seguir mantendo a vergonzosa concesión blindada de Vitrasa), con edificios escolares que permitan unha experiencia vital e educativa digna, compensatorios das necesidades das familias con menos recursos...

Non, creo sinceiramente que non se trata de aumentar os fondos para os cheques sociais, que non supoñen máis cá un transitorio e ridículo pan (pouco) para hoxe e fame para mañá (adubiados da vergonza que supón o sometemento público a unha burocracia humillante -con fotos e entrevistas a beneficiarios incluidas-). Un proceso que non só acabará cos pobres servizos sociais existentes, abafados polo procedemento de avaliación e concesión das axudas, senon tamén coa lexitimación da protesta, afogada no debate de se se empregan máis ou menos millóns no reparto e na debilidade de non ter alternativas dunha maior complexidade e sostibilidade.

Neste contexto penso que cómpre variar a estratexia, partindo dun honesto diagnóstico do mapa de servizos que ten o Concello de Vigo, de detectar e denunciar -con tolerancia cero- o malgasto dos recursos públicos (ese é o valor simbólico da loita de Coia nestes días).

Sen irmos máis lonxe, agora mesmo, sen que se albisque a máis mínima oposición ou análise, vanse adxudicar 300 millóns de euros na ampliación da ponte de Rande e outros tantos no desdobramento do corredor do Morrazo? Dúas obras que non acometen ningún problema real da poboación nin arranxan os verdadeiros problemas de mobilidade e accesibilidade ao Morrazo. Ningún problema que non se puidese solucionar coa axeitada planificación do tráfico de ria: ese transporte, rápido, limpo e sostible abandoado dende hai décadas a favor dos intereses das grandes constructoras, dos xestores que adxudican as obras e da industria do automóbil. 600 millóns (que serán moitos máis ao remate do proceso) que ben poden financiar un auténtico plan de servizos públicos permanentes.

Son só unhas reflexións para fomentar un debate que considero imprescindible para que se rache  co calexón sen saída da reivindicación de máis malas parcheadoras axudas individuais. Nesa loita gañarán os de sempre, substituíndo con caridade, mais ou menos xenerosa, un auténtico servizo público.

Aclaración: as axudas individuais para casos de emerxencia son necesarias, pero penso que deben ser outras administracions as que as financien e outras medidas políticas as que as que debemos reivindicar (a Renda Básica Universal, nomeadamente)