IX ÉPOCA

31.5.11

Resultado eleitoral en Vigo: o Caso Abel

Así son as cousas: a estratexia de Abel Caballero de centrar tódolos esforzos, non en gobernar conforme ás necesidades reais da cidade, senon nunha hábil estratexia de investir en función de puros e duros intereses eleitorais, deu resultado.
Se facemos unha conta rápida, e pensamos nos miles de metros de beirarrúa innecesaria e "humanización" decorativa realizada nos dous últimos anos, decatarémonos que cada concelleiro conquerido, costounos aos cidadáns 20 millóns de euros. A conta é doada: gastáronse ao redor de 200 millóns en (re)urbanización, oitenta procedentes do Plan-E e, o resto, de fondos propios e créditos; isto dividido por 10 concelleiros, saélles o resultado citado. Habería que preguntarse tamén cánto costaron os mil e pico votos necesarios para gobernar, investidos en convencer esa variable masa de votantes cambiantes, volubles á fascinación de "este fai moitas cousas", "que bonito quedou", "así se defende Vigo".
Caballero xogou, ademais, cunha vantaxe moi ben aproveitada: a debilidade do perfil dos seus opoñentes, Santiago Domínguez e Corina Porro. Para a poboación conta non só "o que se fai" senon quen o fai, a confianza que lle dea o "currículum" do candidato: Abel Caballero non só é profesor universitario e seica "fala inglés", senon que tamén foi ministro. No imaxinario popular (non no dos concienciados) isto funciona. Unha persoa "importante" (por máis que non agraciada pola simpatía) pode, mellor cós terceiras filas do PP e do BNG, defender os intereses de Vigo.
O viguismo desiedoloxizado, xa dende Portanet, por máis que absurdo e estéril, segue actuando con eficacia sobre a mente dos simbióticos habitantes desta cidade, nunha liña que se prolonga con Soto, Leri e Agustín Arca, deica Abel Caballero.
Visto así, a estratexia persoalista de Caballero, manifestada na significativa, e nada inocente,  substitución de "Concello de Vigo", por "Alcaldía de Vigo" (ou sexa, el mesmo), deu os resultados previstos polos seus inventores (aquí, a man dunha axencia de publicidade "amiga" experimentada como ECOVIGO, nótase). Por máis que tal estratexia poida tacharse, sen dúbida, de deshonesta, na medida en que antepuxo, sen límites, o interese eleitoralista aos da cidade, a cuestión é que, na perversa lóxica da política ao uso, funcionou á perfección. Sabendo que cuns poucos centos de votos, a alcaldía estaba asegurada, non se trata de facer política para todos, senon especialmente para os volubles ao discurso localista que, normalmente, forman unha porcentaxe útil dos "indecisos".
Douscentos millóns de euros colocados en accións productivas e de longo alcance serían, sen dúbida, unha necesidade ineludible para afrontar esta cidade os graves retos que teremos nesta crise estructural; sobre todo, porque nunca volverá a haber unha capacidade inversora semellante. Pero Abel Caballero preferíu priorizar os seus intereses particulares, aos xerais da cidade: nada raro no tipo de políticos que, xustamente, denúncianse nestes días dende o movemento dos "indignados". E convenceu aos votantes suficientes para volver a ser alcalde.
Cómpre dicir que a colocación dos intereses particulares sobre os xerais, orientou tamén, en maior ou menor medida, a actuación institucional do BNG e do PP en Vigo: pero os seus candidatos carecían da credibilidade suficiente para rendabilizar estes "investimentos" en imaxe (os xardíns de Corina no Porto, o sectarismo partidista da Deputación Provincial, as innecesarias "humanizacións" no territorio do bi-goberno de Santi, as supérfluas e caras pinacotecas e Universiadas varias). Mellor lles tería ido cunha política diferenciadora, non na imaxe ou na "visualización", como eles pensan, senon na elección dos destinatarios: Santiago Domínguez facendo unha política honesta e racional, que fose percibida polos potenciais votantes de esquerda como elixible (inútil, aínda, pretender, sen carisma e sen base social suficiente, cambiar a mentalidade do votante medio do PSOE_PP vigués), aínda que fose como voto "útil"; Corina Porro, intervindo na política real da cidade con propostas serias -non competindo en ocorrencias varias- e realizando unha xestión profesional no porto, que lle dese "puntos" entre os votantes de centro-dereita viguistas e da burguesía "ilustrada" viguesa, capaz de dinamizar votos indecisos.

Finalmente, dun xeito ou outro, é a poboación quen decide. Agora quédalle a Caballero cambiar de tecla: abandoar a política e o gasto electoralisa e populista, e aproveitar a grande oportunidade que lle deron os vigueses para comezar a respectar a esta cidade, e iniciar -e manter- as políticas urbanas sostibles que merece unha cidade do século XXI. Terá que facelo con moitos menos medios cós que contou ata o de agora: unha oportunidade única de racionalización do gasto -que non para recortar-, para afrontar unha xestión intelixente e digna que reconstrúa a esperanza de ter unha cidade da que nos poidamos sentir satisfeitos. Teño moitas dúbidas de que, co equipo de concelleiros que leva, de perfil, en xeral no mesmo nivel có de Santi e Corina, poida afrontar unha tarefa que vaia máis alá de máis do mesmo, pero, ¿quen sabe?, igoal é quen de darnos unha sorpresa. A renuncia do BNG a gobernar, axudará a Caballero a consolidarse se elixe un camiño razoable e xeneroso coa cidade.

O efecto colateral, claramente positivo, dos resultados eleitorais é que, por fin, Vigo desfarase de dúas rémoras: Santi Domínguez e Corina Porro, rematarán, desta volta, o seu triste e mediocre paso polos lugares de decisión desta cidade. Voltarán ao que naturalmente lles corresponde: Santi, con sorte, a dar clases de novo a un colexio privado, e Corina -privilexios da derechona- nalgún cómodo  destino que o partido se encargará de percurarlle nalgún dos moitos chiringos desta sociedade hiperadministrada. Claro que, isto se non se reedita o pacto PP-BNG para desbancar a Abel.

Nin BNG nin PP son quen de facer a análise máis doada de todas para explicar o seu fracaso: a  constatación da incompetencia das súas organizacións en Vigo e a ínfima calidade do seu programa e liderado. Quédalles agora saber articular, a estes grupos políticos, ao redor dun equipo moi distinto que deben percurar cada un no seu ámbito ideolóxico, unha oposición baseada na esixencia de transparencia e de planificación do Vigo do século XXI, e no apoio aos movementos sociais que honestamente loitan por unha sociedade mellor. Para este cesto, moito me temo que aos bimbios intelectuais cos que contan uns e outros, fáltalles cerebro e sóbralles sectarismo.

30.5.11

Vigo: todo Por_tela


¿Qué tendrá el arquitecto César Portela que todos los concursos arquitectónicos de la ciudad se los lleva?

Tres aeropuertos en Galicia son muchos aeropuertos. Mientras tanto el de Oporto se lleva la palma. «¡Menos mal que nos queda Portugal!»

29.5.11

A posición do BNG tralas eleccións locais en Vigo

La Voz de Galicia nunha mostra máis da incompetencia -non quero pensar en que é só burda manipulación- dos medios de comunicación, afirma que Ventura Pérez Mariño "sucumbió" no ano 2003  ás presións do BNG e "dimitió" como alcalde, dando paso a Corina Porro á alcaldía.
Parece que LVG tenta ocultar, nestes precisos momentos, a realidade: foi o BNG o que, despois dun sucio e sospeitoso proceso de acoso e derribo do alcalde, tumbou a cuestión de confianza planteada por Ventura Pérez Mariño, asociada á aprobación das ordenanzas fiscais, provocando, conscientemente, non a dimisión, senon o  cese regulamentario do alcalde. Eran plenamente coñecedores e non tiveron dúbida de acometer unha acción que daba paso, durante case catro anos,  a un goberno do Partido Popular presidido por C. Porro, que construíu -a base dalgúns millóns de euros dos nosos impostos- unha imaxe que en nada se corresponde coa súa auténtica capacidade.
É importante, nestes momentos, lembrar aqueles, pois é o BNG e só o BNG o inventor do inefable  fenómeno Corina Porro, a gris rubia que -no pior momento da súa fútil carreira- foi aupada á alcaldía e a unha certa popularidade, polo pánico  dos nacionalistas á máis que previsible consolidación dun alcalde forte do PSOE que, máis que probablemente, conlevaría a práctica desaparición da cada vez máis mingoada presencia do BNG no goberno municipal vigués.
Ese pánico volve hoxe a manifestarse con Caballero. Os tozudos analistas da UPG e de boa parte da militancia do Bloque, seguen sen atopar as sinxelas causas que provocan a súa caída, elección tras elección, no apoio dos vigueses. En lugar de abrir os ollos e decatarse de que os seus candidatos teñen un triste e débil perfil (se o de Castrillo era baixo, o de Domínguez é penoso) que imposibilita a súa identificación como lider dunha cidade como Vigo. Emborrachados da convicción de haber realizado unha gran política municipal, non se decatan que unha parte importante do electorado de esquerdas non comulga con roldas de muíño e percibú as actuacións estrela do Bloque -especialmente no Casco Vello- como un derroche inaceptable que provocou a desfeita do patrimonio que supoñían os pavimentos históricos no espazo público do barrio; que percibiron o absurdo de dotacións culturais sen xustificación, como a creación da carísima pinacoteca, precedidas dun escandaloso pelotazo. Os eleitores non son tan tontos e saben que o BNG aprendeu rápido ao uso irregular de fondos públicos para financiar empresas de publicidade amigas, na mellor tradición municipal viguesa. Ao igoal que o PP con Canal Uno, Abano e Significantia e que o PSOE con Ecovigo, gastaron millóns de euros en contratar irregularmente a empresas "amigas", como é o caso de Anónimo Publicidad ou a súa filial Cícere. Os seus votantes (máis os circunstanciais que os convencidos), non poden tolerar saber da cohorte de asesores variados, con soldos desproporcionados, dos que se rodeou Santi, sen que se lles coñecera o seu currículum (e, por certo, sen que pronunciasen case nunca unha soa verba en galego) nin os méritos políticos ou técnicos para estaren aí: o caso de Pancho Janeiro, é, neste sentido, paradigmático.
Os votos do BNG non semella que se foran, máis cá nunha mínima porcentaxe, ao PSOE, como tratan de autoconvencerse; porque foron identificados polos votantes de esquerda (non se lembran do 15M?) como homologados aos partidos que parasitan o poder político, miles de votos prestados, de votos útiles que aínda se mantiñan en considerar unha alternativa de esquerdas ao BNG, entenderon que o voto útil tocaba agora a Esquerda Unida, nuns casos, ou castigaron a "traición" co voto nulo, o branco ou a abstención.

Eu, se fose Caballero, non me fiaría. Só a necesidade de que o PSOE apoie a investidura de Lores en Pontevedra (lembremos que non foi o candidato máis votado, senon que o foi o do PP), salva a Abel,  momentaneamente, da pretensión da UPG de que o BNG se sitúe na oposición a un goberno do PP, convencidos como están de que facer de oposición ao PSOE en Vigo só pode traerlles a desaparición do xogo institucional na cidade.
A falta de ferramentas de análise non sectarias e desideoloxizadas, o BNG pode verse obrigado a morrer matando, a enarbolar a bandeira de víctima do españolismo. Apoiará a investidura de Caballero pero, nono dubido, buscará -¡como xa o fixo en 2003!- calquera boa escusa para descabalgalo da alcaldía antes do remate do seu mandato.
Non soportan a evidencia: só un líder de prestixio, cunha lista de persoas con capacidade, cunha actuación pública honesta, limpa e transparente, sen ningún tipo de coartadas, poderá axudar aos partidos "minoritarios" a estar nas institucións como garantes da limpeza democrática: iso é o que pedimos os votantes de esquerdas... e o que non temos nin co PSOE nin co BNG.

O BNG parece estar a piques de inmolarse en Vigo ao non participar no goberno municipal. Non se enganen: é só unha cuestión transitoria para conquerir, co menor suposto custo posible, poder ser, a medio prazo, valoradas víctimas opositoras de Corina Porro.

Van dados.

25.5.11

A vida sigue igual

Non pensen que marchamos. Non estamos abraiados polo triunfo do PP. Xa pasou outras veces. E tamén coñecemos os vasos comunicantes PSOE-BNG. E en Vigo tampouco cambiou gran cousa.
Poida ser que algo se mova na concepción das coalicións ou bipartitos. O fracaso da política de visualización da alternativa co reparto orzamentario e territorial xa non lle gusta ao BNG (non sei a Lores) É posible que asistamos a unha nova relación que, agardemos, estea equidistante entre o bipartito tipo Quintana e a oposición á moda Castrillo (Corina soña cunha moción de confianza de Caballero). Sería desexable un pouco de debate entre os que apoian ao goberno de maneira que se visualizarán as diferentes políticas pero mantendo uns mínimos que fagan funcionar á cidade.
O que sí foi unha pena - 500 votos o impediron- foi a non entrada da "cuarta pata" . Esquerda Unida estivo a piques de entrar a dinamizar o Concello. Deberían aparecer non só nas campañas electorais e pensar que refundación da esquerda ten unhas fronteiras máis amplias.
Claro que para "cuarta pata" a de agrupación electoral de Redondela ou os Democratas de Ourense. O movemento 15-M asoma.

20.5.11

A maceta: non os votes

Se algo debemos recoñecer aos nosos políticos locais, agora candidatos, é a súa transparencia. Non, non nos referimos a esa cualidade da vida pública consistente en ofrecer á poboación, de xeito claro, toda a información existente concernente á súa actuación, senon a esa outra máis psicolóxica pola que o pensamento se manifesta, expresa ou simbólicamente, nas actuacións de cada un, deixando patente o alcance da súa intelixencia ou cultura.
O decorativismo urbano é a peza mestra dos tres candidatos maioritarios, e o seu símbolo, a maceta. Esa peza coa que nos imaxinamos como un verxel o noso estreito balcón, ou o minúsculo alféizar da ventá, forma parte xa indisoluble da práctica de deseño do espazo urbano vigués. Unha árbore é un elemento natural, de crecemento case libre nas súas raíces e ponlas. Cumpre unha función coñecida nas cidades, a pouco que se teña a máis mínima cultura: introduce un elemento orgánico poderoso na dureza inorgánica do asfalto e a pedra, achega ao peón afectiva e fisicamente ao ideal da natureza, produce sombra e reduce a temperatura provocada polos materiais cerámicos, pétreos ou asfálticos ds rúas, absorve o dañino CO2 e desprende osíxeno colaborando decisivamente na reducción da contaminación e colaborando na loita contra o efecto invernadeiro, xera espazos amables de relación e, en definitiva, mellora a calidade de vida; permite o fluxo da vida silvestre creando imprescindibles corredores naturais para a presencia da fauna na cidade. Posúe, ademais outra importante virtude, o seu custo é moi baixo comparado coa urbanización con mobiliario urbano de macetas e xardineiras, o seu rendemento é alto; aumenta o seu valor co tempo, carece practicamente de mantemento e a súa calidade urbana é maior, en xeral, canto máis copa ten, ao multiplicarse os seus efectos beneficiosos en todos os  ámbitos, sexan ambientais, sanitarios ou paisaxísticos.
Pero é aquí que C.Porro, Caballero e Domínguez, optaron, en maior ou menor medida, segundo as súas posibilidades, pola opción "bonsai": verde sí ma non troppo; un enraizamento mínimo que provoque un crecemento mínimo; flores e non follas; maquillaxe sí, pero non funcionalidade na calidade de vida. Botox fronte a enrugas, cirurxía estética para ocultar a auténtica realidade.

Son transparentes: carentes por completo dun desenvolvemento intelectual e cultural, síntense seguros na maceta:  raiceiras capadas, copa ao mesmo nivel cá súa estatura, apariencia para ocultar os defectos e a incapacidade política.
C. Porro (PP) encheu o centro de macetas con arboriñas e flores rodeadas de caro granito vermello venezolano que tapasen a realidade que baixo terra realmente importaba: as canalizacións de saneamento das rúas do centro son as mesmas que hai 60 ou máis anos; vellas taxeas por onde corre a merda dos inicios do século XX con tapas de ouro e ciclámenes. Xudre que acaba indefectiblemente na ría nos días de chuvia.
Caballero (PSOE) deu un paso máis: o seu odio polas árbores crecidas debe ser analizado case dende parámetros psicopatolóxicos. Seguindo a estela de C. Porro, exportou o decorativismo do centro a canta rúa atopou a tiro, e transformou en granito, xardineira, arboriño e maceta, 200 millóns de euros que non foron gastados en necesidades, obviamente, máis urxentes.
Domínguez (BNG) tíñao máis crú, pois só lle deixaron un pequeno territorio onde ensaiar o capado mundo do decorativismo urbano. O Casco Vello e o patrimonio cultural urbano da cidade histórica foi a súa víctima: arrasou con tódolos pavimentos tradicionais do barrio, coa única pretensión de que soubesemos que estaba aí; de gastar no seu escaso territorio o regalo millonario do Plan E.
Unha exposición montada nestes días na praza da Princesa, na que se amosan fotografías antes e despois dos pavimentos, ilustran a cativez: un antes de lousas, chapacuñas e lastros en perfecto estado; un despois de limpas lousas industrializadas cheas de tapas de rexistro... e claro, nin unha árbore: seguindo a estela, faltaría máis, as macetas (esta vez grandes, nun intento desesperado por aparentar o que non é) con arboriñas gabeando por Fermín Penzol.

Se cadra poderemos explicarnos a imposibilidade de que esta cidade medre: a poboación, décadas metida en macetas, non consigue nunca sobrepasar a mítica cifra dos 299.999 habitantes. Sen raiceiras e sen futuro urbano, a cidade négase a acoller máis veciños, que seguen a preferir esaa aldea onde as árbores son árbores e a calidade natural flúe.
Se cadra así, pensando en clave de maceta, poderemos explicarnos a ausencia de depuración, de puntos limpos, de bibliotecas, de centros de ensino dignos, de transporte sostible, dunha política ambiental ou de rexeneración urbana con raiceiras, dun urbanismo cun mínimo de racionalidade.

A maceta, máis alá das tristes intencións dos seus promotores e adalides, convírtese nunha dura metáfora dunha cidade sen raíces e sen futuro.
O domingo, saiamos fóra da maceta, medremos coma árbores libres: non os votes.

Acordo da xunta electoral

Ata as 0 horas do sábado




Desde as 0 horas do sábado ata as 24 horas do domingo.






19.5.11

Fora de xogo

Asi quedaron os partidos políticos coa chegada do movemento 15-M. Tiñan preparada unha campaña para discutir os seus asuntos, ou mellor un único asunto: quén debe estar na Moncloa. Os líderes nacionais percorrían as cidades tapando as problematicas locais e aos candidatos e candidatas. Os exemplos de falla de respecto aos cidadáns non faltaron: un señor reparte euros visualizando así o que entende por política e outra non dimite do seu posto amosando así ata donde chega ó seu amor á cidade. E de repente...
De repente uns milleiros de persoas deciden materializar unha mensaxe que xa estaba nas enquisas e nos medios de comunicación:


  • que estamos fartos de que a democracia sexa un formalismo atacado pola corrupción.

  • que estamos fartos de que o diñeiro pese máis que os votos

  • que estamos fartos dun sistema que só funciona afondando na desigualdade

  • que estamos fartos de ver aos culpables da crise seguir sentados nos seus sillóns despedindo traballadores e traballadoras

E un longo etcétera que todos podemos alongar. E agora que fan? Agora é o momento de defender as súas políticas. Agora deberían defender que é moi xusto que os cartos dos cidadáns sirvan para manter ás caixas e bancos que fixeron ricos a uns promotores, que expropiaron a milleiros de persoas deixandoos sen piso e coa hipoteca sen pagar e botaron á rúa a centos de trabalaldores. Agora é momento defender que as consignas do FMI son as que hai que seguir. Agora é o momento de defender que non importa que un candidato estea imputado ou que unha secretaria xeral cobre un salario escandaloso. Deberían achegarse ás concentracións e decirlle a eses pobres incultos e manipulados de que vai a política que eles manteñen. Para que o entendan e volvan ao bon camiño. Va que non se atreven? Non. Mandarán a Policia e ao servizo de limpeza. Como se fora un botellón.


Pero andan un pouco cagados porque hai votos polo medio. E o 15M demostra que hai máis batallas que a do PP, PSOE e BNG.



16.5.11

Non somos mercadoría




Foi a primeira, pero non será a derradeira. Eramos uns tres mil, pero seremos moitos máis.Non se miraron nin as perennes bandeiriñas, nin as pancartas e os globos de axencia de publicidade.
A manifestación de hoxe expresa o que expresa: indignación, descontento, fartura, si: pero non só iso; de xeito moi difuso, si: pero isto non fixo máis que comezar. Xa pode a esquerda consciente organizada (¿existe?), abrir os ollos e as orellas e ver un pouco máis alá dos seus estreitos intereses partidistas e sectarios. As persoas que estaban hoxe na rúa expresan unha conciencia cívica indubidable, que ninguén que realmente pretenda cambiar esta inxusta sociedade,  pode ignorar.
A segura agudización da crise e as medidas antisociais que seguirán impoñendo brutalmente, ordeadas polo  FMI e pola oligarquía financeira, os seus intermediarios políticos nos gobernos, farán aumentar un descontento cidadán que debe ir atopando un discurso claro nese camiño de protesta e rebelión: pode ser este o dun populismo sen saída, ou o dunha conciencia anti-capitalista con forza transformadora.
 Moitos dos que non estiveron hoxe na manifestación teñen xa a responsabilidade de que o camiño sexa un ou outro. Algúns, enquistados nas súas estructuras partidarias, vinculadas a intereses concretos de poder funcional, parasitador das institucións e dinamitadores do Estado de Dereito, van ter que facer auténticos malabarismos para non ser varridos do mapa no proceso que parece soamente terse iniciado.

Editado 16.05.11
Unha análise sobre Democraciarealya, dende a esquerda (Kaosenlared.net)
Editado 18.05.11
15M: ya no tenemos miedo (Rebelion.org)

10.5.11

O virrei Ianni



Iste home que aparece na foto tan fachendoso é o virrei. No seu "pazo" de Balaidos (en fábrica) recibe a visita dos caciques locais que se achegan con ofrendas e regalos para aplacar a súa ira. Feijoo, o xefe da tribu, estivo hai uns dias cunha ofrenda de 11 millóns de euros. Antonte, Caballero, o xefe da aldea, achegouse con 3 millóns de euros. A cambio recibiron unhas contas de vidro: os futuros coches eléctricos levarán un distintivo de "feito en Galicia". Como sempre, o virrei e os caciques elevarons as súas oracións polo mantemento dos postos de traballo e tamén, por un transporte sostible, novidade liturxíca que pretende demostrar que ao virrei non só lle preocupan os beneficios.



Mentras, milleiros de xoves da tribu dos "ni-ni" pasan anos e anos no exercito de reserva agardando a chamada do virrei para entrar por uns meses no santuario (en fábrica) e ser botados á rúa no momento en que o virrei o decida.



Din que a cidade vive nun 60% de Citroën, pero Citroën vive nun 100% da cidade. Habería que darlle unha volta a ista cuestión. É o coche eléctrico o futuro? Queremos que sexa o futuro?



6.5.11

Comeza o espectáculo

O primeiro dia de campaña non poido comezar peor. Un periódico da mañán recolle unha foto cos tres candidatos á alcaldía da cidade. Non hai máis. Nen tan sequera o primeiro dia incorporan aos minoritarios.


O outro periódico seguindo a súa particular campaña "informa" sobre as perversidades dun candidato e non disimula quen paga.


Na radio, no primeiro debate, non acude Chema Figueroa. O PP emite un comunicado decindo que non está de acordo coas coalicións.. exceptp cando lles benefician.

Os medios e os partidos teñen un sentido particular da democracia. Os medios toman partido polo que son recompensados polas forzas políticas. Non hai igualdade real de acceso e para as empresas periodisticas ísto é un negocio. Neste momento os candidatos están negociando cantos fascículos van promocionar e cantos anuncios inserirán se son elexidos. Os medios esixirán ademáis exclusivas. Nos seus editoriais seguiran defendendo que a sociedade debe subvencionar os medios porque son de "interese xeral"

A falta de respecto polo cidadán chega a extremos vergoñentos. Isto son deficits democráticos.

Votarei a unha candidatura que se comprometa a non comprar espacios nos medios de comunicación.

2.5.11

A última ocurrencia: un bus no Casco Vello

Vense de publicitar o inicio do servizo dunha liña de autobús no Casco Vello.
Trátase dun servizo absurdo e mesmo contraproducente. Un dos valores do Casco Vello é o seu carácter peonil, que se verá perturbado pola presenza dun vehículo grande, parando cada dous por tres (isto no improbable caso de que alguén pague por facer un percorrido que se pode facer no mesmo tempo a pé), especialmente en lugares emblemáticos, estreitos e de vocación tranquila como a rúa Real ou a praza de Almeida e Abeleira Menéndez.
O paso continuo dun vehículo pesado, incidirá negativamente, ademais, sobre a conservación dos pavimentos que sufrirán fundimentos e roturas; especialmente sobre os poucos que quedan tradicionais despois da desfeita realizada nos dous últimos anos pola tenencia de alcaldía, ao eliminar a práctica totalidade dos solados tradicionais do barrio, substituíndoos por lousas industrializadas, colocadas sen ter en conta para nada as formas históricas que se conservaban no rueiro.
As medidas de mobilidade que precisa o noso barrio están relacionadas coa posta a disposición de aparcamentos para residentes que non interfiran no carácter peonil, e na solución de pequenas plataformas loxísticas e formas de distribución de mercadorías para o comercio de proximidade e hostelería.
En todo caso, as necesidades de mobilidade reais nesta zona estarían mellor cubertas -sen interferencias co carácter do Casco Vello- cun transporte público -sen cruzar polo interior do barrio- que comunique Beiramar-Berbés-Cánovas-Praza de Compostela, co edificio do Concello e, sobre todo, co cumio do Castro, facilitando a mobilidade norte-sur da cidade permitindo así salvar a dura topografía entre o mar e a praza de España-.
Con esta nova ocurrencia dos nosos "dirixentes", non se persigue ningunha mellora real nin se cubre ningunha necesidade para a nosa calidade de vida. Trátase soamente, outra vez, dunha cara acción publicitaria pre-eleitoral para consumo dos que nunca necesitarán usar semellante servizo, pero pareceralles que os nosos mediocres políticos locais "fan cousas"