IX ÉPOCA

4.10.05

Non ó Auditorio

Non, non queremos ese Auditorio. Deberiamos dicir ese complexo comercial con Auditorio. Non, tampouco queremos o Auditorio de César Portela (tremendo proxecto, absolutamente inapropiado para ese lugar, mazacote narcisista) no espacio de Casa Mar, amparando unha descomunal operación especulativa en Beiramar. Non, non queremos que substitúan as instalacións industriais existentes en Beiramar e Jacinto Benavente (de escasísimo impacto ambiental, por certo), por torres de 20 pisos cun zócalo de 6, e grandes complexos comerciais, dende as que algúns afortunados teñan vistas ó mar en primeira liña. Queremos mellorada a actual imaxe portuaria nesa zona, queremos ver os buques conxeladores atracados nos peiraos dunha beiramar nosa e non laguito do Centro Comercial ad hoc. Non queremos unha inútil "cidade do frío" en Valadares, que o único que vén é a servir de espacio de acollemento de industrias xa existentes, machacando un lugar de alto valor paisaxístico e ambiental.

Queremos unha auténtica operación de reencontro de Vigo có mar. Tal encontro só pode darse entre o Náutico-Areal e o Berbés-Beiramar. Nese inorme recheo do Berbés, por exemplo, de case nove hectáreas, construído nos últimos dez anos, tras o primitivo peirao, ás caladiñas, sen que ninguén se enteirase e que nos foi enchido, hai pouco tempo, de inormes naves industriais que forman un murallón indecente. Unha destas naves, a de Pereira, ardeu nestes días: unha oportunidade para a cidade.

Queremos liberar o recheo do Berbés de naves [frigoríficos e viveiros, basicamente] (todas elas collen na superficie de Casa Mar, Cordelerías e algún solar valeiro de Jacinto Benavente) e gañalo íntegro como un gran espacio público pegado ó mar para a cidade. Que a actual escolleira do recheo se convirta nun novo e magnífico peirao de trasatlánticos (a liña de atraque sería de 746 metros, 198 máis có actual), unido por unha ponte ao existente.

Queremos, en fin, a ópera de Sidney na nosa baía, non a mole dun eterno Portela castigando para sempre a nosa vista.

Evitemos este anunciado desastre.

5 comentarios:

Anónimo dixo...

Estimada Gumersinda:
Fai vostede unhas imputacións moi graves. Espero que as teña fundamentadas senón sería un exercicio de demagoxía. Escoitamos a cotío insinuacións sobre os pelotazos e sabemos que os políticos tenden a agachar as súas impudicias (vexase o caso catalán) Os cidadáns non temos nengunha necesidade de calar. Adiante coas denuncias pero con datos.

Anónimo dixo...

Alá polo ano 2000 houbo unha proposta de conservar as instalacións de Casa Mar adaptando os volumes construídos para acoller o auditorio. E aínda quedaba espazo para usos comerciais e hostaleiros. Desbotouse en aras dunha operación máis "magnífica". Ata cando vai seguir Vigo destruíndo o seu patrimonio cultural e natural?
María de Castrelos

Pablo Eifonso dixo...

A intalación do Auditorio en Casa Mar foi unha cuestión de oportunidade á beira das necesidades dderivadas dos pleitos dos antigos traballadores. Creo lembrar que foi a UXT a que solicitou a un arquitecto de prestixio da nosa cidade un anteproxecto para a rehabilitación do edificio para acoller este equipamento. Logo, o Concello xestionou o pagamento millonario para as débedas dos traballadores e comezou o aproveitamento oportunista da operación. Concurso de anteproxectos pechado (ó arquitecto en cuestión seica non se lle invitou) que ¡como non! gañou a industria Portela e "reordenación" da zona para cambiar radicalmente os seus usos. As xustificacións de sempre das recalificacións (xerar plusvalías para o traslado das industrias á cidade do frío) e desmadre: primeiro as torres na marxe esquerda de Jacinto Benavente e logo, en plena voráxine, propostas auspiciadas por APROIN-Miguel Font, dun gran complexo hosteleiro-comercial na fronte á avenida de Beiramar. As tímidas protestas dos armadores deberon ser acaladas pola promesa dun substancioso negocio, pois duraron un suspiro. E o PXOM a santificar todo.

En lugar dunha seria planificación da fronte marítima de Vigo, faise o de sempre, actuacións puntuais nas que dificilmente -por moito que ún se esforce- pode albiscarse o interese xeral e si, crematísticos intereses moi particulares.

Cando a mole de Portela levante a súa estructura cos seus 40-45 metros de alto en primeira liña litoral, as mágoas non terán consolo e xa ninguén dubidará de que unha vez machacado isto, hai que ir a "urbanizar" o resto.

Anónimo dixo...

Poia a mín gústanme os proxectos presentado para ó auditorio. O importante é que dun carrallo dunha vez teñamos un na nosa cidade. A ver si agora con o psoe e o bloque no poder, se mollan un pouco por Vigo e dan un empurrón cara a diante co auditorio.
Vamos a ver, se é verdade, porque se non abrei tirado meu voto ó retrete.

Anónimo dixo...

Yo también digo NO al auditorio ahí, en Casa Mar. Que restauren el edifio existente.
Y ya está bien de Cesares Portelas ¿no hay otros arquitectos?
Esta alcaldía es de lo más hortera.