IX ÉPOCA

18.6.05

CANS

Nono din, pero pretenden facer da perrera un negocio. Poucas servicios quedan xa por someter a concesión lucrativa no Concello de Vigo, pero a posibilidade de facelo co da recollida e refuxio de animais abandonados roza xa unha avaricia fóra de control. Sospeitamos que a presión que se exerce sobre a Sociedade Protectora de Animais recortándolle drasticamente a subvención vai dirixida a senta-las bases dunha concesión millonaria, cambiando así a tradicional prestación voluntaria deste Servicio.

A Sociedade Protectora de Animais vén exercendo un meritorio labor de xestión da recollida e custodia de animais abandonados, a base de boas doses de entrega voluntaria. Durante anos loitaron por dignificar as instalación da Madroa, coidando a miles de animais abandonados por unha cativa subvención municipal. No ano 2005 esa subvención de 72.000 euros baixáronlla a 42.000 e encargaron a unha empresa privada a incineración dos animais mortos. A Chema Figueroa, concelleiro de medio ambiente do PP pareceulle máis interesante gastar os cartos noutras cousiñas e, de paso, presionar abondo para que os da Sociedade se aburran e poder facer unha concesión ad hoc deste servicio. E nese momento, nono dubidedes, o prezo subirá moitos miles de euros, pois non é o mesmo alimentar os anceios altruístas dunha asociación que o xusto beneficio dun emprendedor empresario.

Nestes días Corina inaugurou (ademais da campaña anual de desratización!!!) unha campaña contra o abandono na que se venderán camisetas para financiar a comida dos animais do Refuxio da Madroa. De xeito inaudito, a metade do recadado será tamén para financiar o propio custo da campaña. Solprende tanta cutrería en quen leva gastados só neste ano varios millóns de euros en vacua e variada publicidade, en absurdas decoracións florais, en mobiliario urbano de dubidoso gusto. En quen somete á Sociedade Protectora de Animais a un afogo económico que só pode provocar ou unha maior desatención dos animais ou un sobreesforzo dos voluntarios.

Penso que a cultura das sociedades tamén se mide polo trato que se dá a cans e gatos. Dificilmente podemos concebir (canto menos na cultura convencionalmente chamada occidental) unha sociedade solidaria que sexa indiferente ou mesmo provoque o sufrimento en animais que conviven co ser humano dende hai miles de anos, que sexa incapaz de comprender (sexa ou non do seu particular gusto) o papel destes seres na historia da convivencia. Vigo se empeña en sobresaír tamén en número de abandonos, non é unha casualidade.

Los 700 perros abandonados [en Vigo] desbordan a la protectora de animales. Voz de Galicia 17.06.05
Campaña municipal de prevención. Voz de Galicia 17.06.05

Ningún comentario: