Se algo debemos recoñecer aos nosos políticos locais, agora candidatos, é a súa transparencia. Non, non nos referimos a esa cualidade da vida pública consistente en ofrecer á poboación, de xeito claro, toda a información existente concernente á súa actuación, senon a esa outra máis psicolóxica pola que o pensamento se manifesta, expresa ou simbólicamente, nas actuacións de cada un, deixando patente o alcance da súa intelixencia ou cultura.
O decorativismo urbano é a peza mestra dos tres candidatos maioritarios, e o seu símbolo, a maceta. Esa peza coa que nos imaxinamos como un verxel o noso estreito balcón, ou o minúsculo alféizar da ventá, forma parte xa indisoluble da práctica de deseño do espazo urbano vigués. Unha árbore é un elemento natural, de crecemento case libre nas súas raíces e ponlas. Cumpre unha función coñecida nas cidades, a pouco que se teña a máis mínima cultura: introduce un elemento orgánico poderoso na dureza inorgánica do asfalto e a pedra, achega ao peón afectiva e fisicamente ao ideal da natureza, produce sombra e reduce a temperatura provocada polos materiais cerámicos, pétreos ou asfálticos ds rúas, absorve o dañino CO2 e desprende osíxeno colaborando decisivamente na reducción da contaminación e colaborando na loita contra o efecto invernadeiro, xera espazos amables de relación e, en definitiva, mellora a calidade de vida; permite o fluxo da vida silvestre creando imprescindibles corredores naturais para a presencia da fauna na cidade. Posúe, ademais outra importante virtude, o seu custo é moi baixo comparado coa urbanización con mobiliario urbano de macetas e xardineiras, o seu rendemento é alto; aumenta o seu valor co tempo, carece practicamente de mantemento e a súa calidade urbana é maior, en xeral, canto máis copa ten, ao multiplicarse os seus efectos beneficiosos en todos os ámbitos, sexan ambientais, sanitarios ou paisaxísticos.
Pero é aquí que C.Porro, Caballero e Domínguez, optaron, en maior ou menor medida, segundo as súas posibilidades, pola opción "bonsai": verde sí ma non troppo; un enraizamento mínimo que provoque un crecemento mínimo; flores e non follas; maquillaxe sí, pero non funcionalidade na calidade de vida. Botox fronte a enrugas, cirurxía estética para ocultar a auténtica realidade.
Son transparentes: carentes por completo dun desenvolvemento intelectual e cultural, síntense seguros na maceta: raiceiras capadas, copa ao mesmo nivel cá súa estatura, apariencia para ocultar os defectos e a incapacidade política.
C. Porro (PP) encheu o centro de macetas con arboriñas e flores rodeadas de caro granito vermello venezolano que tapasen a realidade que baixo terra realmente importaba: as canalizacións de saneamento das rúas do centro son as mesmas que hai 60 ou máis anos; vellas taxeas por onde corre a merda dos inicios do século XX con tapas de ouro e ciclámenes. Xudre que acaba indefectiblemente na ría nos días de chuvia.
Caballero (PSOE) deu un paso máis: o seu odio polas árbores crecidas debe ser analizado case dende parámetros psicopatolóxicos. Seguindo a estela de C. Porro, exportou o decorativismo do centro a canta rúa atopou a tiro, e transformou en granito, xardineira, arboriño e maceta, 200 millóns de euros que non foron gastados en necesidades, obviamente, máis urxentes.
Domínguez (BNG) tíñao máis crú, pois só lle deixaron un pequeno territorio onde ensaiar o capado mundo do decorativismo urbano. O Casco Vello e o patrimonio cultural urbano da cidade histórica foi a súa víctima: arrasou con tódolos pavimentos tradicionais do barrio, coa única pretensión de que soubesemos que estaba aí; de gastar no seu escaso territorio o regalo millonario do Plan E.
Unha exposición montada nestes días na praza da Princesa, na que se amosan fotografías antes e despois dos pavimentos, ilustran a cativez: un antes de lousas, chapacuñas e lastros en perfecto estado; un despois de limpas lousas industrializadas cheas de tapas de rexistro... e claro, nin unha árbore: seguindo a estela, faltaría máis, as macetas (esta vez grandes, nun intento desesperado por aparentar o que non é) con arboriñas gabeando por Fermín Penzol.
Se cadra poderemos explicarnos a imposibilidade de que esta cidade medre: a poboación, décadas metida en macetas, non consigue nunca sobrepasar a mítica cifra dos 299.999 habitantes. Sen raiceiras e sen futuro urbano, a cidade négase a acoller máis veciños, que seguen a preferir esaa aldea onde as árbores son árbores e a calidade natural flúe.
Se cadra así, pensando en clave de maceta, poderemos explicarnos a ausencia de depuración, de puntos limpos, de bibliotecas, de centros de ensino dignos, de transporte sostible, dunha política ambiental ou de rexeneración urbana con raiceiras, dun urbanismo cun mínimo de racionalidade.
A maceta, máis alá das tristes intencións dos seus promotores e adalides, convírtese nunha dura metáfora dunha cidade sen raíces e sen futuro.
O domingo, saiamos fóra da maceta, medremos coma árbores libres: non os votes.
Paulo Carlos López, Sumar: "Ante os que dicían que eramos flor dun día,
aquí estamos"
-
Verónica Martínez Barbeiro e Paulo Carlos López, elixidos por unanimidade
para liderar Sumar Galicia. Co apoio de Yolanda Díaz, comprometéronse a
implantar...
1 comentario:
E ¿Os arboliños son de verdade? Polo menos os do paseo dos peixes NON...pero polo visto o fan por unha cuestión -ecolóxica- NON GASTAR AUGA.
Publicar un comentario