IX ÉPOCA

29.5.11

A posición do BNG tralas eleccións locais en Vigo

La Voz de Galicia nunha mostra máis da incompetencia -non quero pensar en que é só burda manipulación- dos medios de comunicación, afirma que Ventura Pérez Mariño "sucumbió" no ano 2003  ás presións do BNG e "dimitió" como alcalde, dando paso a Corina Porro á alcaldía.
Parece que LVG tenta ocultar, nestes precisos momentos, a realidade: foi o BNG o que, despois dun sucio e sospeitoso proceso de acoso e derribo do alcalde, tumbou a cuestión de confianza planteada por Ventura Pérez Mariño, asociada á aprobación das ordenanzas fiscais, provocando, conscientemente, non a dimisión, senon o  cese regulamentario do alcalde. Eran plenamente coñecedores e non tiveron dúbida de acometer unha acción que daba paso, durante case catro anos,  a un goberno do Partido Popular presidido por C. Porro, que construíu -a base dalgúns millóns de euros dos nosos impostos- unha imaxe que en nada se corresponde coa súa auténtica capacidade.
É importante, nestes momentos, lembrar aqueles, pois é o BNG e só o BNG o inventor do inefable  fenómeno Corina Porro, a gris rubia que -no pior momento da súa fútil carreira- foi aupada á alcaldía e a unha certa popularidade, polo pánico  dos nacionalistas á máis que previsible consolidación dun alcalde forte do PSOE que, máis que probablemente, conlevaría a práctica desaparición da cada vez máis mingoada presencia do BNG no goberno municipal vigués.
Ese pánico volve hoxe a manifestarse con Caballero. Os tozudos analistas da UPG e de boa parte da militancia do Bloque, seguen sen atopar as sinxelas causas que provocan a súa caída, elección tras elección, no apoio dos vigueses. En lugar de abrir os ollos e decatarse de que os seus candidatos teñen un triste e débil perfil (se o de Castrillo era baixo, o de Domínguez é penoso) que imposibilita a súa identificación como lider dunha cidade como Vigo. Emborrachados da convicción de haber realizado unha gran política municipal, non se decatan que unha parte importante do electorado de esquerdas non comulga con roldas de muíño e percibú as actuacións estrela do Bloque -especialmente no Casco Vello- como un derroche inaceptable que provocou a desfeita do patrimonio que supoñían os pavimentos históricos no espazo público do barrio; que percibiron o absurdo de dotacións culturais sen xustificación, como a creación da carísima pinacoteca, precedidas dun escandaloso pelotazo. Os eleitores non son tan tontos e saben que o BNG aprendeu rápido ao uso irregular de fondos públicos para financiar empresas de publicidade amigas, na mellor tradición municipal viguesa. Ao igoal que o PP con Canal Uno, Abano e Significantia e que o PSOE con Ecovigo, gastaron millóns de euros en contratar irregularmente a empresas "amigas", como é o caso de Anónimo Publicidad ou a súa filial Cícere. Os seus votantes (máis os circunstanciais que os convencidos), non poden tolerar saber da cohorte de asesores variados, con soldos desproporcionados, dos que se rodeou Santi, sen que se lles coñecera o seu currículum (e, por certo, sen que pronunciasen case nunca unha soa verba en galego) nin os méritos políticos ou técnicos para estaren aí: o caso de Pancho Janeiro, é, neste sentido, paradigmático.
Os votos do BNG non semella que se foran, máis cá nunha mínima porcentaxe, ao PSOE, como tratan de autoconvencerse; porque foron identificados polos votantes de esquerda (non se lembran do 15M?) como homologados aos partidos que parasitan o poder político, miles de votos prestados, de votos útiles que aínda se mantiñan en considerar unha alternativa de esquerdas ao BNG, entenderon que o voto útil tocaba agora a Esquerda Unida, nuns casos, ou castigaron a "traición" co voto nulo, o branco ou a abstención.

Eu, se fose Caballero, non me fiaría. Só a necesidade de que o PSOE apoie a investidura de Lores en Pontevedra (lembremos que non foi o candidato máis votado, senon que o foi o do PP), salva a Abel,  momentaneamente, da pretensión da UPG de que o BNG se sitúe na oposición a un goberno do PP, convencidos como están de que facer de oposición ao PSOE en Vigo só pode traerlles a desaparición do xogo institucional na cidade.
A falta de ferramentas de análise non sectarias e desideoloxizadas, o BNG pode verse obrigado a morrer matando, a enarbolar a bandeira de víctima do españolismo. Apoiará a investidura de Caballero pero, nono dubido, buscará -¡como xa o fixo en 2003!- calquera boa escusa para descabalgalo da alcaldía antes do remate do seu mandato.
Non soportan a evidencia: só un líder de prestixio, cunha lista de persoas con capacidade, cunha actuación pública honesta, limpa e transparente, sen ningún tipo de coartadas, poderá axudar aos partidos "minoritarios" a estar nas institucións como garantes da limpeza democrática: iso é o que pedimos os votantes de esquerdas... e o que non temos nin co PSOE nin co BNG.

O BNG parece estar a piques de inmolarse en Vigo ao non participar no goberno municipal. Non se enganen: é só unha cuestión transitoria para conquerir, co menor suposto custo posible, poder ser, a medio prazo, valoradas víctimas opositoras de Corina Porro.

Van dados.

10 comentarios:

Remo dixo...

Non mo lembres!!!


...Á señora C'orinaPorro non lle chegarían duas vidas pra agradecer abondo o que por ela e a sua carreira fixeron daquela os do BNG. Ben se ve que que aos do Bloque, gostaba-lles máis aquel harmonioso "sotaque galego" de dona Cori que a posible eficiencia do señor Perez Mariño desenvolvida en idioma castelán. Non sei canto tempo pode pasar pra que a cidade de Vigo poida ter outro alcalde coas características daquel home (que semellaba representar un verdadeiro perigo pra máis de catro)!
...Pois ben, agora esa voziña da señora Perli, reforzada co aporte musical do señor Relova, pode deixar, sin dúbida, ainda máis "embelesados" aos do Bloque e non importarlles nada a máis ca posible inmolación no caso de non participar no goberno municipal. Eles verán, porque non creo que a estas alturas esa postura de "víctimas opositoras" teña creto ningún. (aínda menos no caso deles).

Saúdos!!

ines dixo...

Mamá mmmmmmmmmmmmmiaaaaaaa. Espera que vou pensar un nome para a "TUA VOZ" ¿r que r? ¿Piñón fixo? ¿destroyer?

Remo dixo...

Calquera agás "la voz de su amo", como semella ser a túa. Se cadra, podías-te xuntar con ela e facer un dueto, o nome déixo-cho escoller a ti xa que estás en actitude de pensar e espero que non nos veña o Nadal antes de que o deas pensado.)

Saúdos!!

ines dixo...

Ja, ja, bueno, deixame un pouco de tempo que xa ando un "pouco lenta"

ines dixo...

Pero será posible que non entendades o que é DEMOCRACIA, D. GREGORIO? Que hai que facer? Pois está ben claro na Constitución española. Os partidos políticos e os sindicatos....A UPG é Deus pola súa graza? Pois a rezar!

Pablo Eifonso dixo...

Inés, a cousa é un pouco máis complexa. Os grupos políticos teñen unha determinada historia que explica unha determinada cultura organizativa. A UPG non é, evidentemente, deus. Sinxelamente o comportamento do BNG está fortemente condicionado pola correlación de forzas internas nun grupo político singular: o BNG non é dun partido político, é unha "Fronte"; isto é, é o resultado organizativo da traslación á política institucional do planteamento político maoísta da UPG. Un modelo de organización directamente vinculado á consideración da UPG como "partido comunista de liberación nacional", que lidera unha agrupación de interees coxunturais (interclasista) vinculados co interese obxectivo das "capas populares" na liberación de Galicia, considerada -baixo o prisma da UPG, como unha "colonia". A UPG aplica unha estratexia de "liberación nacional" (ao estilo adaptado dos movementos de liberación nacional do terceiro mundo) na que -dentro desa lóxica- é crítico que exista unha "vangarda" que controle e dirixa cara o "camiño correcto" ao movemento (a Fronte). Ese fin xustifica gran parte da táctica política da UPG, dentro e fóra da organización frontista; o establishment da U está empeñado en que a realidade se axuste a un esquema teórico que, a pouco que se afonde nel, fai augas: a consideración colonial da nación galega e a existencia dun proceso que vai dende a "liberación nacional" (contradcción principal) á "liberación social" (unha vez resolta aquela, imos con esta).
Isto explica en parte que nunha coxuntura política determinada (esta mesma), os fins xustifiquen os medios. Tacticamente, para a UPG, é probablemente máis importante neste momento (a contradicción principal, utilizando a terminoloxía maoísta) asegurarse o control e dirección da Fronte (o BNG) que manter determinadas cotas de poder institucional.
Non fixen os cálculos exactos, pero é posible que nestas eleccións, a UPG lograra algo importante no contexto que trato de explicar: eliminar unha parte do poder institucional que algúns membros do BNG -de partidos (correntes?) non-UPG, atesouraban nos concellos, pode significar un reforzamento da "liña correcta" (naturalmente a do partido que "representa" "realmente" os intereses do pobo galego). Estou case seguro que a porcentaxe de concelleiros logrados nestas eleccións polo BNG que pertenzan á UPG, é significativamente maior hoxe que hai catro anos. Perdendo, gañamos.
Santi Domínguez é un dos candidatos non-UPG que houbo que ceder coxunturalmente ás correntes non hexemónicas do Bloque. Os seguintes da lista están "controlados": son do partido.
O problema da UPG é que, aínda que ten un control orgánico aínda suficiente na Fronte, carece de líderes con identidade abonda para seren apoiados razonablemente tanto dentro da organización frontista como polos votantes. Semella que eses líderes identitarios se lle escapan das mans (caso Beiras).
Estas tensións e esta dialéctica normalmente se solucionou, no ámbito do nacionalismo galego, con desercións, expulsións e escisións. Cando esto ocorre, volve a funcionar a "lóxica" maoísta: o partido, depurándose, refórzase.
(segue...)

Pablo Eifonso dixo...

(...vén do anterior)

Sei que isto é complicado e, ás veces, se non temos as claves políticas axeitadas, resúltanos contrario ao sentido común. Pero, en momentos políticos e sociais tan complexos como o que vivimos, é necesario facer un esforzo porque a análise conte con tódolos elementos en xogo (a "ideoloxía" política dos actores e a súa historia e práctica política son elementos imprescindibles para comprender certas cousas) e non só cos aparentes.
E o papel do nacionalismo galego, no ámbito da política de esquerdas en Galicia, segue a ser importante. Para mal, penso eu, pois foi un elemento disrruptor de procesos de converxencia e esnaquizador de ilusionantes procesos sociais que, por temos q non ser controlados, foron destruidos. É o caso do PSG-Esquerda Galega e de Nunca Máis. A desaparición do primeiro e a disolución do segundo, teñen moito que ver coa estratexia da UPG que veño de tratar -a grandísimos rasgos- de explicar. Naturalmente tamén da cortedade de miras e inercias "históricas" dos dirixentes doutras formacións políticas, unhas incapaces de rachar co "pai" que se creía superado (caso do PSG-EG), outros, incapaces de elaborar un discurso e un programa político ilusionante para a esquerda (caso da actual EU) e de xerar un liderazgo renovado na sociedade.
Galicia está chea de "víctimas" (co seu grao correspondente de responsabilidade, claro) deste proceso no que a hexemonía da esquerda quedou nas mans practicamente dun só grupo político travestido en Fronte. Un importante acervo político, cultura e intelectual, quedouse, esgotado neste camiño.
Quizais agora, espoleados pola "indignación", poda recuperarse parte dese patrimonio e incorporar a posicións anticapitalistas abertas e sen pasados castrantes, a novos discursos e liderados. Teño as miñas dúbidas de que a "masa crítica" da esquerda difusa deste país, sexa quen de comprender o que está pasando e queden á marxe das novas circunstancias que no ámbito da loita política parecen aveciñarse. Pero o pior é que, sen o exercizo honesto e libre de cargas de todos aqueles hoxe activos ou en standby en poítica en Galicia, todo vai costar moito máis. A ausencia de análise e resposta ao movemento do 15M por parte da blogosfera galega, apunta a que as posicións están aínda moi ancoradas en vellas planteamentos e en principios inamobibles.
Pois iso, Inés, prégoche que fagas un esforzo por non prexuiciar as miñas análises e busques nelas, unha reflexión moi crítica (porque creo que de medias tintas xa estamos fartos) para axudar a rachar coas rémoras que -a realidade manda- non só non contribúen a avanzar, senon que, cada vez máis, se constitúen en obstáculos.
Un saúdo

ines dixo...

Canto me alegro de no estar na política... VAIA LIO! O caso é que unha nace inxenua e pensa que todo funciona doutro xeito. Pero bueno espero que no BNG non traballe "O DEDAZO" ¿Conseguirán que se respecten as bases nas asembleas? Se o voto é NON ao entrar no goberno municipal ¿Haberá algo que dicir? E simplemente unha pregunta...

Pablo, non te cabrees comigo que eu non teño "mala uva". Simplemente as veces fas reflexións que considero un pouco dogmáticas e ten por seguro que ninguén ten a verdade absoluta.

Un bico a todos e todas (isto me fastidia pero o poño, de toda a vida "todos" é xenérico)

Pablo Eifonso dixo...

O debate é imprescindible, faltaría máis que me cabrease. As miñas opinións ¿dogmáticas? ¿por que?. Trato de argumentar o que digo e pódese ou non estar de acordo cos argumentos e os datos que aporto (sempre tento dcumentalos en fontes que poden ser consultadas), pero o que, penso, non se pode dicir é que expreso "dogmas" recoñecibles nunha determinada "doctrina" sen máis articulación intelectual.
Sei que todo é un lío: pero, xustamente, desmadiexalo é o reto. Sen non acometemos o labor crítico de desfacer as apariencias para amosar o cerne das cousas, imos dados.
Moitas grazas sinceiras, Inés, por lérnos e polos teus comentarios, que sempre se agradecen.

ines dixo...

Pois claro que leo, INTENTO SABER, e tódalas opinións me parecen válidas, aínda que as veces discrepe. Pero cando penso que o mellor e marchar a un monte cunha cabra e abandoar este mundo tan complicado, ao mellor non me falta algo de razón.