IX ÉPOCA

30.1.09

Morto ou matado?

De que morreu o máis que centenario e monumental cedro do líbano nos mal chamados xardíns de "Eijo Garay", prolongación dos da Alameda? A versión oficial fala dunha grave patoloxía (cal?) que o secou e que obrigou a talalo. O que non conta esa versión é que a morte foi sospeitosamente e extremadamente rápida, completamente inhabitual nunha árbore deste porte e características. O normal sería que fose dando sinais progresivas de enfermidade durante bastante tempo para ao seu remate, secarse a súa copa e morrer. Pero non foi así. A árbore secouse rapidisimamente, sen ningún síntoma previo, máis ben ao contrario, pois locía (pode verse na fotografía aérea de hai un par de anos que amosamos máis abaixo) un aspecto forte e saudable, sen que nada indicase que podía ocorrer o desastre. Morto e esnaquizado, o único funeral que terá será un absurdo reparto de cachos para o cativo lucimento de concelleiras. Vigo trata así ás testemuñas non armadas do século XIX.


Evidentemente nada máis lonxe do nós pensar que a morte da inorme e centenaria árbore poda ter que ver con que, xusto na beira do xardín, estea contratada a construcción dun dos aparcamentos soterrados de Corina agora xa plena e entusiasticamente herdados polo almirante Caballero (casualmente pendente de ser autorizada a súa definitiva ubicación por parte da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, por ser zona de proteción patrimonial), nin con que seica os técnicos fixesen notar meses antes que as obras futuras de escavación poideran afectar ao sistema radicular das grandes árbores alí existentes. Cá!. Ten que haber outras explicación patolóxica. A ninguén lle entra na cachola que haxa animais que preventivamente actúen ao xeito de morto o can, acabouse a rábea: ¡non ouh! ese tipo de bestas humanas non existen. Os amos do negocio adoitan ser protectores da natureza e coidadosos amantes da botánica urbana. Véxase se non o caso das decanas laranxeiras e camelias de García Barbón e Policarpo Sanz, que morreron por esa estrana enfermidade chamada especulación que igoal se viste de subprime que de bote de herbicida.

1 comentario:

pablo gonzalez dixo...

menos mal que ainda queda quen tamen sentiu arrepios o ver ese vello arbol turado e cortado no chan, Tanto aturar, tantos anos, para acabar asi.