Non son bos tempos para o COAG vigués. O mal clima reinante palpábase no ambiente da última e inhabitualmente nutrida asemblea da subdelegación viguesa do Colexio de Arquitectos de Galicia. Os tempos das vacas gordas da burbuxa inmobiliaria remataron cunha explosión que se alguén podía predecir por razóns de especialización eran, precisamente, os compoñentes desta corporación. A radical baixada de ingresos do Colexio podería sobrelevarse se non fose porque, nun alarde de inoportunidade, o COAG meteuse de cabeza hai un par de anos no proxecto da nova sede na famosa "mazá" do Pueblo Gallego. Hai un par de anos, tempo no cal xa era previsible, a pouco que se consultaran as análises das publicacións especializadas e o propio desenvolvemento desmelenado do mercado, que a economía do Colexio non ía ser tan boiante como naqueles tempos no que o boom inmobiliario permitía facerse ilusións de meterse a investir en patrimonio propio. Tempo houbo para replantearse o que nacera como proxecto hai unha década e que, como tantas cousas en Vigo, nunca chegaba a materializarse: unha nova sede nun edificio propio e singular. Sen ter en conta os nubarróns de crise que se albiscaban claramente no horizonte, a directiva do COAG meteuse de cabeza na aventura do novo edificio e convocou o concurso para a redación do proxecto arquitectónico. Alleos ao previsible estoupido da burbuxa, o premio e o encargo do proxecto foi para unha cara proposta da multipremiada parella Irrisarri+Piñera que actualmente se atopa nun avanzado estado de execución.
Claro que, coas cifras actuais, parece que o diñeiro non chegou nin chega para dar remate adecuado ao proxecto, o que xa conlevou un importante recorte na súa execución e, en consecuencia, o resultado final xa nunca será o previsto no proxecto gañador. Para máis inri, a operación non parece -como era previsible- moi aquelada e xustificada: a nova sede terá a mesma superficie cá anterior, alugada no baixo e soto do edificio Bar Boo na rúa Marqués de Valladares-, e a maior parte do novo edificio será, con sorte, para o aluguer a terceiros e así ir pagando, se a cousa vai moderadamente ben, a hipoteca. Difícil semella que será superar esta situación de penuria económica, que xa está a supoñer, entre outras cousas, recortes en materia de persoal para mitigar algo a brutal caída de ingresos por visado.
Esperamos sinceiramente que a urbanización que se está executando á par do edificio -que nestes días recibíu a consabida crítica dos comerciantes-, especialmente a construcción dun pavimento que a priori semella de baixa calidade, sexa consecuencia dunha elección técnica dos arquitectos e non unha solución de abaratamento na mesma liña de rebaixas que xa sufríu a edificación. Lonxe das críticas baseadas exclusivamente na non utilización de pavimento pétreo, a min particularmente non me gusta o que se está facendo no espazo público. Paréceme, sinxelamente, unha ocorrencia e, permítaseme dicilo, un certo grao de soberbia arquitectónica. Os pavimentos non son un elemento decorativo (aínda que o seu resultado deba tamén ser estético), senon que fundamentalmente deben cumprir ben a súa función. Esperamos que rematada a obra a urbanización se defenda ben, pois a día de hoxe, tres aspectos parécenme especialmente criticables:
- O desprezo polo contexto urbano histórico no que se produce a intervención e a ignorancia da preexistencia no que foi a imaxe das rúas (de especial significación para moitos vigueses de determinadas idades) que rodeaban a El Pueblo Galego, A Viuda e O Elixio, ao elixir un pavimento que implica un corte explícito, non exento dunha certa pose, cos materiais constitutivos dos pavimentos do Centro Histórico vigués.
- A utilización ornamental dos perpiaños que formaban o pavimento da rúa, transformado a súa función utilitaria de antano nunha mera decoración que despreza o material para convertilo na materia dunha pincelada gratuíta e impropia sobre a superficie formigonada.
- A falta de ver a obra finalizada, supoñemos que o formigón basto que actualmente se pode apreciar, sexa finalmente rematado en pulido, para conformar un pavimento visualmente atractivo e coherente co contorno e funcionalmente de calidade.
Pensamos que o COAG está nunha grave crise de difícil solución pois a construcción da nova sede, nos longos tempos de calma inmobiliaria que nos esperan, hipotecará longamente o seu futuro. Malos tempos tamén para arquitectos que como o que asina centos de obras machaconamente espalladas pola cidade (rúas de Rosalía de Castro, Jenaro de la Fuente, Hispanidade..), teñen un tremendo baixón nos seus ingresos mentres teñen que seguir soportando o pagamento de altas cifras en seguros, o que pode poñer en perigo a súa ata o de agora boiante economía. A defensa dos seus estrictos intereses en época de vacas fracas pode explicar o nerviosismo que amosan nestes días un sector especialmente reaccionario dos arquitectos vigueses.
Os que lembramos un COAG actuando como conciencia profesional crítica verbo do urbanismo especulativo, preocupado por facer chegar á poboación unha cultura urbana contemporánea, botamos de menos aqueles tempos, trocados hoxe pola invasión cruel da subcultura do promotor. Se cadra, tamén para o Colexio de Arquitectos, ao igoal que no resto dos ámbitos da vida pública, sexa, en tempos de crise, o tempo da Política.
Paulo Carlos López, Sumar: "Ante os que dicían que eramos flor dun día,
aquí estamos"
-
Verónica Martínez Barbeiro e Paulo Carlos López, elixidos por unanimidade
para liderar Sumar Galicia. Co apoio de Yolanda Díaz, comprometéronse a
implantar...
1 comentario:
Moi bo artigo. Un saúdo.
Publicar un comentario