Esta cidade é un desastre. O único Zoo existente en Galicia corre o risco de ser pechado definitivamente por incumprir a normativa Europea para este tipo de recintos. Xa hai moitos anos que as advertencias de peche están enriba da mesa dos distintos (i)responsables municipais que ao longo do tempo presidiron o organismo rector do chamado Vigozoo. Dende hai moitos anos se suceden denuncias que caen no furado sen fondo do Concello, esquecendo que na Comisión de Europea non funciona o banco de favores nin a desidia municipal.
Neste Vigo de viscosidade política, sempre hai un concelleiro que crea escola. Neste caso foi o desaparecido Leri, que durante anos dedicouse ao seu deporte favorito: ser friki. Con el fíxose a primeira gran reforma da Casa de Fieras que era aquel Zoo dos anos oitenta. Unha reforma absolutamente desafortunada, na que se empregaron coantiosos recursos públicos, non para desenvolver un proxecto real que situase ao Zoo no camiño de convertirse nun auténtico Centro de investigación e recursos para a fauna, como esixe a UE, senon para -faltaría máis- construir un edificio nos seus terreos. Daquela, coa oposición do director veterinario, Leri ordeou, entre outras barbaridades, recluir a tódalas aves que ata aquel momento estaban en xaulas arredadas, nunha gran gaiola. O resultado advertido e previsible: matáronse entre elas e só sobrevivíu a máis forte. Eran os tempos inmediatamente posteriores ao mono Paco e aos folletos oficiais que promocionaban o Zoolóxico vigués, nada máis e nada menos, que cunha tristeira cara dun simio ¡agarrado aos barrotes da gaiola!.
Posterioremente, e sempre apretados polos requirimentos europeos, realizáronse, moi a modiño, pequenas transformacións que melloraron as deprimentes estancias dos animais. Sempre a base de parches, sempre sen unha estratexia clara sobre o tipo de Centro que se pretendía nin con estudos rigorosos de financiamento. Unhas veces acudindo a plans de emprego, outras con pequenos proxectos illados e executados a medias, como o da casa dos primates, que un concelleiro friki do PP chamado Jose Manuel Couto, preocupado pola tensión dos pobres monos cautivos, dicía daquela, orgulloso, que ían ter canle privada de TV. Sempre gastando máis en publicitar fume, ou en curiosas campañas de caridade, cá en querer realmente dar alternativas.
Agora virá o peche anunciado hai tantos anos e a perda para Galicia dunha instalación que, ben xestionada, debera ser un equipamento básico da Comunidade Autónoma neste aspecto da conservación da fauna. O papel que está a xogar a Xunta de Galicia non é de recibo. Non vale situarse fóra do ben e do mal, como mero árbitro e xuiz das directrices emanadas da Unión Europea. É necesaria unha implicación clara da administración autonómica na preservación e mellora do que debe ser no futuro o Zoo de Galicia. Unha implicación que vén eludindo a Xunta de Galicia dende hai case dez anos. A transferencia da súa xestión a un Consorcio participado polas dúas administracións debe ser a forma de transformar este conflicto nunha oportunidade de xerar un gran equipamento científico e educativo en Galicia. As instalacións actuais da Madroa, ampliadas e transformadas convenientemente cun proxecto que teña en conta o que é un establecemento deste tipo nos nosos días e no noso contorno cultural, poden ser un magnífico xermolo.
Nada se conseguirá se novamente se elude o grave problema da inexistencia dun expreso proxecto científico, constructivo e de financiamento, con novas obriñas e chapuzas parciais que freen, outra vez temporalmente, o peche do Centro.
Sen dúbida nada se conseguirá con máis do mesmo. É necesario un acordo entrre as dúas administracións para a creación na Madroa do Parque Zoolóxico (ou eufemismo co que se queira denominar unha instalación contemporánea de conservación e exhibición de animais salvaxes) de Galicia. A Xunta debe deixarse de dar "utimatums" e implicarse sen fisuras no problema, porque é, sen dúbida, parte del, por máis que insista en utilizalo politicamente contra os seus rivais electorais no Concello de Vigo.
Chus Lago, a desaparecida concelleira de medio ambiente e alpinista profesional, debe deixar de mentir neste tema e asumir valientemente unha alternativa seria que vaia máis alá de limpar as cagadas dos gatos nos camiños. Moito nos tememos que esta concelleira, asesorada só polo seu entrenador persoal que ten contratado a soldo do Concello- teña aínda capacidades residuais dispoñibles que non estean gastadas na adulación do seu xefe de filas. O PP, en lugar de seguir utilizando o problema como arma eleitoral, debera lembrar que durante o mandato de C.Porro, tampouco fixeron nada por dar unha solución e mesmo xestionaron falsos galardóns para agochar a súa inacción e incompetencia.
[O caso do Vigozoo é outro exemplo máis de que o Concello de Vigo homologa na ineptitude, irresponsabilidade e corruptela, a tódolos partidos].
Xunta e do Concello, escaquéanse dende hai dez anos para non afrontar o auténtico problema de desidia, derroche económico e falta de ideas que arrastra o noso Zoo, dende os tempos nos que Leri creía que abondaba coas súas ocorrencias para enganar aos pouco viguistas inspectores da Unión. Os prexudicados, como sempre, os vigueses en particular e os galegos en xeral, que perdemos novamente unha oportunidade de dotar á nosa comunidade de equipamentos consistentes e de grande proxección científica, educativa e turística, mentres os nosos administradores adícanse ao malgasto, a propaganda, o autobombo e o derroche.
Esta cidade vive nun bucle esgotador. O 7 de xaneiro de 2002 La Voz de Galicia titulaba: "El Concello dispone de un año para adaptar Vigozoo a las exigencias de la UE". Só pasaron sete, e a nova repítese como se tal cousa. Como en case todo.
(Parte I) O cambio climático débese só á acción humana? "Hai intereses
políticos e económicos detrás deste 'dogma'"
-
O investigador e profesor da Universidade da Coruña (UDC) Alejandro
Martínez Abraín asegura que "a cuestión do cambio climático está
completamente mediatiz...
1 comentario:
Outras,estimado Pablo, nin entramos no tema.Sinxelamente non queremos ningún tipo de Zooloxico mais alá da Corporación Municipal,claro está.
Publicar un comentario