IX ÉPOCA

4.2.07

Reivindico a noite máis de cinco minutos ao ano

A noite. Por un momento, fantaseei con poder contemplala, cinco minutos, con só a a lúa chea dun febreiro que agroma, conectada. Percibir a textura do granito, saber das sombras das molduras dos vellos edificios golpeadas hai décadas por canteiros que nada sabían de iluminacións “artísticas”. Perseguir a miña sombra só iluminada por pequenos faroles nas rúas. Ver apagarse os comercios e as oficinas e, con eles, iluminarse de sombras as beirarrúas e as fachadas. Pero non. Tiven que esquecer outra vez as miñas fantasías de licántropo e percibir de novo como o poder integraba como quen se enfunda unha luba, unha acción de protesta que semellaba apuntar contra eles. Balas de fogueo contra a nada, cortei cun golpe seco o diferencial co aceno coñecido de polo menos de algo valerá . Cando vin apagar os focos que iluminan o edificio do Concello, sobre o pouco que queda do castelo de San Sebastián a escuras, pensei na facilidade e naturalidade coa que o poder e os seus intermediarios de por aquí encaixan e reciclan todo aquelo que se parece á súa práctica habitual: vender imaxe a costa da nosa inxenuidade. Un bo investimento: co mesmo esforzo que o da miña escéptica baixada do interruptor no cadro eléctrico da casa, lograron que nos parecera que, nisto da loita contra o cambio climático e o derroche enerxético, todos estamos no mesmo bando e todos temos a mesma responsabilidade. E de paso, sen pagar un céntimo, son eles, e non nós, os que saen, con foto e todo, nos periódicos.

Reivindicar a noite, reivindicar a existencia dunha luz para cada hora do dia, esixir contemplar os edificios coas luces de cada hora, tal e como foron concebidos. Opoñerse ao inorme derroche enerxético da absurda iluminación “artística” dalgunhas casas singulares. Esixir, canto menos, que o apagón de cinco minutos dos focos que alumean todas e cada unha das noites do ano as fachadas do edificio municipal sexa definitivo. Transformar as nosas particulares e benintencionadas balas de fogueo de onte, nun límpido tiro de sal: pensar no global, actuar no local. Por isto propoñémosvos perder outros cinco minutos en difundir esta mensaxe entre a vosa axenda de correos amigos e, se tal, que lle chegue a Corina Porro unha misiva, máis ou menos, como esta:

Sra. Alcaldesa: a participación do Concello no apagón do pasado xoves permitiunos comprobar a facilidade con que se poden tomar certas decisións. Tamén poidemos imaxinar unha cidade onde edificios, monumentos e mesmo as árbores, non estiveran sometidos a iluminacións propias de espacios televisivos. A instalación de reflectores con intensidades, cores e angulacións que non respostan as necesidades das persoas que utilizan as rúas provocan unha sensación de artificiosidade que anula a persoalidade da cidade. Conscente, como lle supomos, da importancia do aforro enerxético, gustaríanos que o aceno do dia 1 fose continuado, coa eliminación das iluminacións mal chamadas artísticas, así como pola proposición dunha ordenanza que obrigara ás institucións privadas a cumprir co mesmo criterio. Os edificios, monumentos, as árbores, os cidadáns e o planeta todo, quedaríamoslle moi agradecidos.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Además con poca luz se puede apreciar mejor el cielo de las noches del invierno...Los mejores cielos para contemplar las estrellas...Un fantástico espectáculo gratuito a disposición de todos...

Anónimo dixo...

Ola amigos, envíovos unha información que pode ser útil nesta loita contra da desfeita urbanística da Ría, aínda que vos supoño sobradamente enterados. Refírese ó Salgueirón, en Cangas. Revisando os Plan Nacionais do Ministerio de Cultura, e dentro do que é o Plan Nacional de Patrimonio Industrial, no que se refíre a Galicia, aparece en primeiro lugar a fábrica de Conservas y factoría ballenera Massó, Cangas-Bueu. Pontevedra. Podedes pasar a información ós compañeiros de Cangas non se vende? Pois iso non sñificaría unha certa protección?