IX ÉPOCA

20.9.08

A venganza da vella estación

En 1881 chegaba o desexado tren a Vigo dende Ourense, a unha recén construída, modesta pero dignísima estación ao máis puro e coidade estilo ferroviario da época, do que quedan xa moi poucos exemplos (se exceptuamos as grandes estacións das grandes capitais) en España. Cumpríase así, como sempre de xeito retrasado, unha esperada arela cidadá, e contribuíase decisivamente ao definitivo despegue económico de Vigo.
Moitos anos despois, pero moitos menos se tomamos de referencia o avance na modernización do transporte ferroviario de Galicia, máis ou menos ao tempo que se contruía unha tremenda estación de autobuses da man do compañeiro Soto, construíase, detrais do noso histórico edificio, unha infumable nova estación do tren, contraexemplo do que debe ser unha obra pública nunha cidade moderna e puxante como a nosa, e no máis puro estilo chafalleiro. Pasados os anos, a corporación municipal, baixo a iniciativa da daquela concelleira no bipartito BNG-PSOE, Ana Gandón, encarga aos arquitectos Fraga, Quijada y Portolés, un proxecto de rehabilitación do vello edificio, para albergar o Conservatorio elemental e medio de música, contratando posteriormente as obras. Mira ti que estes arquitectos teñen sempre necesidade de tirar primeiro o edificio completo para rehabilitalo, e acometeuse a desmontaxe da vella estación, previa numeración dos seus perpiaños. Unha vez desmontada, por arte de birlibirloque, e outra vez cun deses convenios de estilo local, xa non se pode volver a montar no sitio para albergar o conservatorio proxectado, pero se inclúe no texto do acordo con Fomento, que se colocará a súa fachada nalgures da nova futura estación.
E na mellor tradición viguesa, as pedras deste edificio, que estaba ademais en trámite para ser declarado e protexido como Ben de Interese Cultural, quedan almacenadas sine die nonseionde. No seu lugar, o maxestuoso espazo que ocupaba a estación, pasa a ser un xardiciño cutre e insultante que se encarga de decorar aquel ínclito concelleiro de parques e xardíns do bipartito e sindicalista de pro, chamado Henrique Vieites. E daquel noble edificio, testemuño do celebrado progreso do Vigo decimonónico, nunca máis se soubo...
Pero, canto menos, a parcial venganza do vello caserón vai ter lugar. Anúncianos agora, aínda que sexa do xeito trapalleiro en que adoita facelo o noso impresentable alcalde, que tirarán o tremendo adefesio que o substituíu no uso de amparar e dar servizo a eses singulares, valiosos e escasos seres que aínda utilizan o tren para desprazárense.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Cato dano ten feito ó Psoe, a cidade de Vigo.

Anónimo dixo...

Non so o Psoe. Tamen o PP e o BNG.
Ti di algun politico que fixese algo ben aqui.
Cada cal peor.
A Porro con politicas de flores e macetas e nada mais.
Ventura adicandose a confrontacion mais que ao goberno.
O Castrillo humanizando ruas e montando lios de carallo nos plenos.
Perez enleando a cidade con megalomanias e demais tonterias.
Principe facendo das suas co anterior pgom ilegal.
Soto roubando.
E o ultimo Caballero vendendo moito fume que xa veremos se acaba de materializar.
Dentro de 4 anos espero equivocarme pero creo que estarei rajando de outro mais na lista de pailans que van pasando polo concello.