IX ÉPOCA

18.2.09

Lechuga

Vigo é un maná para os espabilados oficiais. Unha serie de individuos atopan aquí un lugar onde vender productos variados, e a un comprador que por ignorancia pura e dura ou interese particular variado, sempre está disposto a mercar -cos cartos públicos, claro- o fume que lle queiran colocar.
José Enrique Lechuga non é a primeira vez que lle coloca o seu producto a un alcalde de Vigo. Con ocasión das montaxes variadas daquel V Centenario, Soto encargáralle a este señor, se non lembro mal por un importe de 20 millóns (!) de pesetas daquela, un choio semellante ao que agora lle reencarga Caballero. A estas alturas descoñecemos cal foi o resultado daquel encargo do compañeiro, pero estamos convencidos de que Lechuga cobrar, cobrou. Volve agora o Almirante Caballero a picar do mesmo anzó e véndenos outravolta a nova de que vai buscar el tamén o mítico Santo Cristo de Maracaibo. Seica vai cobrar Lechuga tamén por traballos que xa están feitos pola Consellería de Cultura e por ideas xa lanzadas hai tempo por reputados arqueólogos en relación co xacemento arqueolóxico subacuático dos pecios de Rande. Vése que para Lechuga, trescentos anos despois, a batalla de Rande segue a reportarlle beneficios, se non en ouro e prata, si en pesetas e euros, tanto ten que sexa con Soto como con Caballero.

E é que isto do naval éche así. Por exemplo, hai anos, o concelleiro de cultura da época Soto, Francisco Santomé tamén mercara por outra cantidade millonaria unha colección de maquetas de barcos a un coleccionista que non tiña onde gardalas. A colección andará almacenada nalgún faiado municipal. Tamén o pediatra e malacólogo Emilio Rolán chegou a asinar un convenio co Concello de Vigo, con Santomé novamente, polo que, a cambio dun suposto depósito futuro da súa colección de cunchas, que nunca se chegou a producir, o Concello comprometíase a aportar unha cantidade fixa anual dalgúns centos de miles de pesetas daquela, "para a investigación" e fornecemento, por eses mares do mundo de diós, da colección de Rolán que logo acabaría nun museo (?) en Vigo.

Vése que esta xenerosa e inveterada afección viguesa a mercar variados tipos de productos que ninguén querería, débeseche ser cousa dun nordés que entra polo mar e que senta mal aos apoltronados okupas das cadeiras municipais e pior aos nosos petos de contribuíntes.
Aínda que, probablemente, a nova de hoxe do alcalde e Lechuga sexa sinxelamente un lucrativo gol que este último lle mete directamente pola ampla portería da incultura e ignorancia que rexe os destinos da alcaldía de Vigo. A cousa terá consecuencias: ¿canto tardará o tenente Domínguez en reclamar que Lechuga é do ámbito da súa competencia?

1 comentario:

sam rock dixo...

Si en vez de buscar en el fondo del mar, bueno de la ría, se preocupasen más por los auténticos problemas de la ciudad.
¿A quién interesa los maderos podridos de cuatro galeones? A los espabilados que tanto se aprovechan del dinero público que tan alegremente van soltando los alcaldes de turno.
Había que sacar unos carteles, como esos de los terroristas más buscados, de aquellas personas que venden humo a nuestros atolondrados alcaldes.