IX ÉPOCA

2.5.11

A última ocurrencia: un bus no Casco Vello

Vense de publicitar o inicio do servizo dunha liña de autobús no Casco Vello.
Trátase dun servizo absurdo e mesmo contraproducente. Un dos valores do Casco Vello é o seu carácter peonil, que se verá perturbado pola presenza dun vehículo grande, parando cada dous por tres (isto no improbable caso de que alguén pague por facer un percorrido que se pode facer no mesmo tempo a pé), especialmente en lugares emblemáticos, estreitos e de vocación tranquila como a rúa Real ou a praza de Almeida e Abeleira Menéndez.
O paso continuo dun vehículo pesado, incidirá negativamente, ademais, sobre a conservación dos pavimentos que sufrirán fundimentos e roturas; especialmente sobre os poucos que quedan tradicionais despois da desfeita realizada nos dous últimos anos pola tenencia de alcaldía, ao eliminar a práctica totalidade dos solados tradicionais do barrio, substituíndoos por lousas industrializadas, colocadas sen ter en conta para nada as formas históricas que se conservaban no rueiro.
As medidas de mobilidade que precisa o noso barrio están relacionadas coa posta a disposición de aparcamentos para residentes que non interfiran no carácter peonil, e na solución de pequenas plataformas loxísticas e formas de distribución de mercadorías para o comercio de proximidade e hostelería.
En todo caso, as necesidades de mobilidade reais nesta zona estarían mellor cubertas -sen interferencias co carácter do Casco Vello- cun transporte público -sen cruzar polo interior do barrio- que comunique Beiramar-Berbés-Cánovas-Praza de Compostela, co edificio do Concello e, sobre todo, co cumio do Castro, facilitando a mobilidade norte-sur da cidade permitindo así salvar a dura topografía entre o mar e a praza de España-.
Con esta nova ocurrencia dos nosos "dirixentes", non se persigue ningunha mellora real nin se cubre ningunha necesidade para a nosa calidade de vida. Trátase soamente, outra vez, dunha cara acción publicitaria pre-eleitoral para consumo dos que nunca necesitarán usar semellante servizo, pero pareceralles que os nosos mediocres políticos locais "fan cousas"

4 comentarios:

Claudio Ataturk dixo...

Tienes razón. No es necesario y si contraproducente sobre la filosofía que se desea para el Casco Vello.
Con esto el BNG se descubre, una vez más, como un grupo sin la base y criterios que pregona de defender las tradiciones y toda la raíz de lo que ellos siguen denominando Galiza, o ellas y ellos, dalle que dalle.
Saludos.
Ataturk.

Anónimo dixo...

creo que o mellor para unir o berbes co concello e o castro é unas escaleras mecánicas, coma teñen en Montjuic,... e deixarse de tanto funicular, ou autobus electrico.

A mobilidade reducida IMPORTA dixo...

Está ben o que dis, se non tes en conta as personas maiores ou con problemas de mobilidade.

Este tipo de vehículos se usan nas cidades máis importantes do mundo para resolver exactamente ese problema nos cascos históricos. Outra alternativa son os tranvías estreitos.

Que por certo, podían ter collido un autobús un pelín máis miudo!

Pablo Eifonso dixo...

Coñezo unhas cantas cidades históricas no mundo e en ningunha hai un servizo regular cun percorrido así de ridículo e moito menos, pasando polos seus lugares máis emblemático. O Casco de Vello de Vigo é de reducidísimas dimensións, perfectamente abarcable a pé. Pero non é preciso viaxar lonxe: imaxínaste, por exemplo, a rúa Nova, a do Preguntorio, Casas Reais, a do Villar, a do Franco, o Toural, en Cervantes en Santiago cun autobusito polo medio? En barrios tan reducidos como o noso, o normal é establecer o percorrido polos bordos, sen entrar; e préstase exactamente igoal o servizo (que sentido ten metelo por Real cando pode ir por Beiramar, Teófilo LLorente, Elduayen, Cachamuíña ou Carral?
En Granada, por exemplo, un microbús salva o inorme desnivel que existe entre a cidade e a Alhambra, continúa o seu percorrido pola cidade e está financiado, especialmente polo seu intenso uso turístico (millóns de visitantes ao ano) e en absoluto está pensado como transporte especializado para persoas de mobilidade reducida. Para estas persoas, poñer un servizo regular de transporte con este percorrido é desproporcionado, absurdo e insostible. Se a reducción da mobilidade é extrema, o normal é acudir a un servizo de taxi adaptado, que pode ser subvencionado e sairá infinitamente máis barato para todos que pagarlle a Vitrasa o déficit dunha liña inviable economicamente. Se a mobilidade conserva autonomía, parece razoable que poida achegarse ata os bordos do barrio a coller o trasnporte público regular.
Pero, ademais, en ningún dos plans estratéxicos, nin no PXOM, nin no PEPRI Casco Vello se plantea semellante ocurrencia. De feito, o propio Domínguez xa gastou os cartos en caros proxectos de escaleiras mecánicas que comunicarían a parte alta e baixa do barrio.
As accións de mobilidade deben ser producto do estudo e da planicación do conxunto da cidade, non a boutade de quen, a falta de territorio, usa este que lle "tocou" no reparto do bipartito para ter a fantasía de ser alcalde de algures. Un pouco de sentidiño, que as cousas non están para derroches.
Saúdos