IX ÉPOCA

31.5.11

Resultado eleitoral en Vigo: o Caso Abel

Así son as cousas: a estratexia de Abel Caballero de centrar tódolos esforzos, non en gobernar conforme ás necesidades reais da cidade, senon nunha hábil estratexia de investir en función de puros e duros intereses eleitorais, deu resultado.
Se facemos unha conta rápida, e pensamos nos miles de metros de beirarrúa innecesaria e "humanización" decorativa realizada nos dous últimos anos, decatarémonos que cada concelleiro conquerido, costounos aos cidadáns 20 millóns de euros. A conta é doada: gastáronse ao redor de 200 millóns en (re)urbanización, oitenta procedentes do Plan-E e, o resto, de fondos propios e créditos; isto dividido por 10 concelleiros, saélles o resultado citado. Habería que preguntarse tamén cánto costaron os mil e pico votos necesarios para gobernar, investidos en convencer esa variable masa de votantes cambiantes, volubles á fascinación de "este fai moitas cousas", "que bonito quedou", "así se defende Vigo".
Caballero xogou, ademais, cunha vantaxe moi ben aproveitada: a debilidade do perfil dos seus opoñentes, Santiago Domínguez e Corina Porro. Para a poboación conta non só "o que se fai" senon quen o fai, a confianza que lle dea o "currículum" do candidato: Abel Caballero non só é profesor universitario e seica "fala inglés", senon que tamén foi ministro. No imaxinario popular (non no dos concienciados) isto funciona. Unha persoa "importante" (por máis que non agraciada pola simpatía) pode, mellor cós terceiras filas do PP e do BNG, defender os intereses de Vigo.
O viguismo desiedoloxizado, xa dende Portanet, por máis que absurdo e estéril, segue actuando con eficacia sobre a mente dos simbióticos habitantes desta cidade, nunha liña que se prolonga con Soto, Leri e Agustín Arca, deica Abel Caballero.
Visto así, a estratexia persoalista de Caballero, manifestada na significativa, e nada inocente,  substitución de "Concello de Vigo", por "Alcaldía de Vigo" (ou sexa, el mesmo), deu os resultados previstos polos seus inventores (aquí, a man dunha axencia de publicidade "amiga" experimentada como ECOVIGO, nótase). Por máis que tal estratexia poida tacharse, sen dúbida, de deshonesta, na medida en que antepuxo, sen límites, o interese eleitoralista aos da cidade, a cuestión é que, na perversa lóxica da política ao uso, funcionou á perfección. Sabendo que cuns poucos centos de votos, a alcaldía estaba asegurada, non se trata de facer política para todos, senon especialmente para os volubles ao discurso localista que, normalmente, forman unha porcentaxe útil dos "indecisos".
Douscentos millóns de euros colocados en accións productivas e de longo alcance serían, sen dúbida, unha necesidade ineludible para afrontar esta cidade os graves retos que teremos nesta crise estructural; sobre todo, porque nunca volverá a haber unha capacidade inversora semellante. Pero Abel Caballero preferíu priorizar os seus intereses particulares, aos xerais da cidade: nada raro no tipo de políticos que, xustamente, denúncianse nestes días dende o movemento dos "indignados". E convenceu aos votantes suficientes para volver a ser alcalde.
Cómpre dicir que a colocación dos intereses particulares sobre os xerais, orientou tamén, en maior ou menor medida, a actuación institucional do BNG e do PP en Vigo: pero os seus candidatos carecían da credibilidade suficiente para rendabilizar estes "investimentos" en imaxe (os xardíns de Corina no Porto, o sectarismo partidista da Deputación Provincial, as innecesarias "humanizacións" no territorio do bi-goberno de Santi, as supérfluas e caras pinacotecas e Universiadas varias). Mellor lles tería ido cunha política diferenciadora, non na imaxe ou na "visualización", como eles pensan, senon na elección dos destinatarios: Santiago Domínguez facendo unha política honesta e racional, que fose percibida polos potenciais votantes de esquerda como elixible (inútil, aínda, pretender, sen carisma e sen base social suficiente, cambiar a mentalidade do votante medio do PSOE_PP vigués), aínda que fose como voto "útil"; Corina Porro, intervindo na política real da cidade con propostas serias -non competindo en ocorrencias varias- e realizando unha xestión profesional no porto, que lle dese "puntos" entre os votantes de centro-dereita viguistas e da burguesía "ilustrada" viguesa, capaz de dinamizar votos indecisos.

Finalmente, dun xeito ou outro, é a poboación quen decide. Agora quédalle a Caballero cambiar de tecla: abandoar a política e o gasto electoralisa e populista, e aproveitar a grande oportunidade que lle deron os vigueses para comezar a respectar a esta cidade, e iniciar -e manter- as políticas urbanas sostibles que merece unha cidade do século XXI. Terá que facelo con moitos menos medios cós que contou ata o de agora: unha oportunidade única de racionalización do gasto -que non para recortar-, para afrontar unha xestión intelixente e digna que reconstrúa a esperanza de ter unha cidade da que nos poidamos sentir satisfeitos. Teño moitas dúbidas de que, co equipo de concelleiros que leva, de perfil, en xeral no mesmo nivel có de Santi e Corina, poida afrontar unha tarefa que vaia máis alá de máis do mesmo, pero, ¿quen sabe?, igoal é quen de darnos unha sorpresa. A renuncia do BNG a gobernar, axudará a Caballero a consolidarse se elixe un camiño razoable e xeneroso coa cidade.

O efecto colateral, claramente positivo, dos resultados eleitorais é que, por fin, Vigo desfarase de dúas rémoras: Santi Domínguez e Corina Porro, rematarán, desta volta, o seu triste e mediocre paso polos lugares de decisión desta cidade. Voltarán ao que naturalmente lles corresponde: Santi, con sorte, a dar clases de novo a un colexio privado, e Corina -privilexios da derechona- nalgún cómodo  destino que o partido se encargará de percurarlle nalgún dos moitos chiringos desta sociedade hiperadministrada. Claro que, isto se non se reedita o pacto PP-BNG para desbancar a Abel.

Nin BNG nin PP son quen de facer a análise máis doada de todas para explicar o seu fracaso: a  constatación da incompetencia das súas organizacións en Vigo e a ínfima calidade do seu programa e liderado. Quédalles agora saber articular, a estes grupos políticos, ao redor dun equipo moi distinto que deben percurar cada un no seu ámbito ideolóxico, unha oposición baseada na esixencia de transparencia e de planificación do Vigo do século XXI, e no apoio aos movementos sociais que honestamente loitan por unha sociedade mellor. Para este cesto, moito me temo que aos bimbios intelectuais cos que contan uns e outros, fáltalles cerebro e sóbralles sectarismo.

3 comentarios:

ines dixo...

Non será, preguntome, a falla de desmotivación dos votantes do BNG o ter gobernado con Abel Caballero? Si o voto a eles era para que as cousas seguiran igual penso que polo menos a xente xoven non os animou ir votar. De tódolos xeitos ¿Non terán os partidos políticos que escoitar máis a voz dos "contrasistema" (ollo que non digo anti-sistema). O movimento 15M colleunos a todos de sorpresa, e en lugar de ESCOITAR so se preguntan que os "manexa".

ines dixo...

Permitideme correxir erros (non se pode escribir con sono)..

Onde pon "falla de desmotivación" debería dicir FALLA DE MOTIVACION, e ao final...onde pon "que os manexa"- debería dicir QUEN OS MANEXA

As miñas desculpas

Calvario dixo...

En principio coincido basicamente en lo expuesto. Aun a pesar de que a dia de hoy Corina no entiende por qué no consiguio la mayoria absoluta teniendolo todo a favor.
Del resto me temo será uma legislatura mucho más tranquila ya que en un principio, efectivamente, no habra dos partidos politicos que constantemente compitan aunque no es menos cierto que el PP aprovechando la situación de minoria intentará forzar la maquina al maximo. Apuesto lo que sea a que una de las primeras mociones que presentara el PP sera la reforma del PGOM y entonces veremos como se posiciona el BNG.
Efectivamente mira tu por donde las eleecciones han servido para deshacernos de dos remoras (en este caso Corina Santi, pero pudieron ser Santi Abel), asi que no hay mal que por bien no venga