IX ÉPOCA

27.12.10

O Parque temático en Castrelos que proxecta Abel Caballero é ilegal

O parque de Castrelos de Vigo está declarado como Ben de Interese Cultural, máxima figura de protección legal que a lexislación española ten para un elemento histórico. Está declarado xardín histórico e se protexe, ademais do pazo e dos Xardíns dentro dos muros deste, o parque e tódolos seus elementos.
O parque está, ademais, catalogado como de protección integral no vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal e sometido ás ordenanzas que para esta catalogación dispoñen as súas normas urbanísticas.
Tales declaracións significan que non é posible realizar ningunha modificación que vaia máis alá da súa conservación e mantemento, canto menos mentras non se aprobe un Plan Especial de Protección previsto na normativa citada, no que se contemplen, no seu caso, reformas ou actuacións que modifiquen os seus elementos protexidos.
A lexislación española nesta materia trata xustamente de impedir que coxunturas ou ocorrencias dos gobernantes de turno -como no caso do "Parque temático" que Abel Caballero pretende montar no parque de Castrelos- poidan afectar aos bens protexidos e modificar os valores que o lexislador quixo preservar para as futuras xeracións.  Ademais, para o caso que nos ocupa, a creación dunha infraestructura de xogo como a proxectada por Caballero, requiriría, en todo caso, a previa e obrigatoria autorización da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, organismo legalmente competente para a preservación dos bens do patrimonio cultural de Galicia expresamente declarados.
Toda a actuación que se faga neste ámbito protexido, que non teña a previa autorización da Xunta de Galicia e que non teña en conta a norma que os protexe é ilegal. E a  actuación que pretende Caballero realizar á brava, nada menos que ocupando 10.428 m2 (o 5% da súa superficie),  sen considerar nin a declaración como Ben de Interese Cultural do parque, nin a calificación como de protección integral recollida no PXOM, é ilegal e debe ser denunciada e, no caso de persistir conscientemente na ilegalidade, procesados os seus promotores por prevaricación.

No uso da legalidade, Caballero utiliza un dobre raseiro. Parécenos moi ben que se paralicen as obras electoraleiras de Corina Porro no Porto de Vigo, ao consideralas ilegais por non figurar no Plan Especial do Porto. Pero esa mesma vara de medir tense que aplicar aos ámbitos que están baixo a xurisdicción da "Alcaldía de Vigo" que, como no caso de Castrelos, requiren, para realizaren neles obras, máis alá das de mera conservación, un procedemento especial contemplado nas Leis do Patrimonio histórico español e galego e na propia norma urbanística municipal, o PXOM. Un procedemento que -vista a inminencia anunciada no inicio das obras para xaneiro- Caballero está disposto a saltarse á torera.
E non valerá que cando a Xunta de Galicia, no seu obrigado cumprimento da legalidade vixente -que lle recordaremos dende aquí se fai deixación do mesmo-, ordee a paralización das obras, apelar a complots contra as obras do alcalde por parte do PP, como xa fixo durante as irregulares obras realizadas pola alcaldía no contorno do xacemento arqueolóxico do Castro de Vigo para instalar a escultura do bicentenario. Cando chegue a obrigada paralización, esixiremos o cumprimento da lei e o sometemento do alcalde ao estado de Dereito, cerne da democracia e garantía de seguridade xurídica para os cidadáns fronte á arbitrariedade dos gobernantes de turno.

E todo isto, sen entrar no fondo da cuestión: a terrible constatación de que aos nosos gobernantes, sexan do bi-goberno ou da oposición, con tal de ofrecer caras obriñas para os seus eleitores menos formados, dálles igoal o patrimonio común ou a legalidade, sexa esta a  que protexe o parque de Castrelos, os edificios históricos do Casco Vello ou os tradicionais  pavimentos dese barrio protexidos polo PEPRI Casco Vello.

E así nos vai.

4 comentarios:

Pablo Eifonso dixo...

Comentario enviado a Faro de Vigo:
As obras proxectadas non poden ser executadas legalmente pois non son nin de conservación nin de mantemento, as únicas permitidas conforme á normativa do Plan xeral vixente que cataloga esta zona como de "protección integral". Só se poden realizar obras de reforma como a que se plantea con este megaparqueinfantil, se estivesen previstas nun plan especial de protección (que non existe). Nestas condicións, a Xunta de Galicia non pode autorizar -agás retorcemento grave da legalidade- estas obras. ¿Por que se empeña o alcalde en realizalas? ¿Está mal asesorado?. Persistir en seguir adiante coa contratación das obras só pode ter unha finalidade que nada ten que ver coa suposta mellora deste espazo urbano patrimonial: por unha banda, quérese utilizar a máis que previsible non autorización das obras por parte de Galicia para abanear de novo á poboación co "productivo" discurso viguista do mal que nos trata a Xunta de Galicia -confundindo os intereses particulares dun grupo de persoas determinado co do conxunto dos vigueses-; por outra, a imposibilidade de executar o contrato unha vez que se asine coa empresa "amiga" Samyl, levaría a unha importante indemnización a esta, co cal negocio redondo: cobrar por non facer nada.
Dedíquense, por favor, a cumprir o mandato legal de protexer o noso patrimonio cultural conservándoo e manténdoo nas mellores condicións posibles para poderllo deixar con tódolos seus valores intactos ás xeracións futuras, e déixense de terribles ocorrencias. O noso patrimonio non é a finca privada de ningún goberno municipal: por eso, para protexelo das veleidades do gobernante de turno, o Estado de Dereito impide actuar á brava e obriga a un complexo e longo procedemento para modificar os nosos bens culturais. Cumpran coa legalidade e, se nono fan, esixámoslles as responsabilidades penais que tal acción supón. Pablo Eifonso, Vigoblog.

Pablo Eifonso dixo...

O parque infantil do parque de Castrelos é unha instalación relativamente recente; foi construído polo ínclito concellal tránsfuga Agustín Arca, dentro dunha zona arborada e provocou a desaparición dunha parte da masa arbórea tradicional do parque de Castrelos, morta polo uso da area nunha ampla superficie. É unha instalación absurda nun lugar no que todo é un elemento do xogo libre, o de maior calidade para a infancia: céspede, bancos, carreiros, aves, terra, auga, currunchos nos que agocharse e para xogos de socialización e mesmo os de alta actividade como a pelota. Os parques infantís naceron como unha alternativa ao espazo urbanizado, ao cemento, á acumulación de elementos da cidade construída. Non teñen sentido nun espazo aberto, no que o mellor xogo posible pode producirse: o xogo libre nunha superficie naturalizada, o contacto activo coa natureza, cos igoais e cos adultos, libre de coches e de contaminación e coa calidade ambiental e vital que produce o contacto coa natureza.
O parque infantil de Castrelos -o actual, e non digamos unha brutal ampliación deste- é unha fea prótese onde debería haber arborado, vexetación, terra e aire libre sen valados. O diñeiro debería empregarse para restaurar esa ferida producida hai algo máis dunha década, recuperando a capa vexetal e as comunicacións internas do parque, en non para facer máis fonda e irreversible aquela equivocación. Esa actuación recuperadora SI sería legal e perfectamente aceptable coa norma reguladora actual deste espazo protexido.
Sitios haberá para facer disneylandias cutres como a irresponsablemente proxectada polo alcalde.

claudioataturk dixo...

La única solución ante tamaño disparate e ilegalidad es recurrír al fiscal y denunciar al Alcalde de Vigo, ni más ní menos, pues este caballero nos está tomando el pelo a los vigueses.
Cuando las auitoridades no cumplen la ley el estado de derecho debe utilizarse y aplicarselo a los infractores.
De la empresa a la que se pretende adjudicar el proyecto hablaremos otro día pues huele que apesta a conseguír financiación electoral del Psoe.
Saludos.
Ataturk.

claudioataturk dixo...

Vuelvo para solicitar la participación de los vigueses.
¿ Es que nadie opina sobre tamaña desfeita ?
Tened en cuenta que el abandono de la participación y la crítica es el caldo de cultivo para los atrevidos como nuestro alcalde para hacer lo que se le ocurre sin más.
La mayoría se queda con el Faro que llaman de Vigo y estos Sres. se encargan de formar la opinión que impera en la ciudad al viento favorable de los dineros municipales bien enfocados por la publicidad denominada institucional.
Participar y debatír para salvarnos entre todos de este montón de políticos de ocasión.
Saludos.
Ataturk