IX ÉPOCA

3.6.10

As obras da Pinacoteca incumpren o planeamento urbanístico do Casco Vello


Por se non abondase co pelotazo inmobiliario -aínda non explicado- do pagamento polo Concello dun desorbitado sobreprezo pola Casa de Arias Taboada no Casco Vello vigués, as obras xa realizadas sobre as edificacións -derribo total agás unha pequena parte das fachadas- son unha auténtica salvaxada que incumpre descaradamente o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI).
Para un particular, a execución destas obras ilegais suporía unha orde de paralización inmediata e a apertura dun expediente de disciplina urbanística; pero Santi Domínguez (BNG) e a Xerencia de Urbanismo (PSOE) teñen patente de corso para actuar saltándose a legalidade (por certo, coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia mirando para outro lado). As obras de derribo -practicamente total- xa executadas son incompatibles co grao de protección estructural que figura na ficha correspondente a esta edificación e están expresamente prohibidas na normativa do PEPRI.
A operación taxidérmica sobre a práctica totalidade da couzada, representa o desprezo máis absoluto polo patrimonio histórico catalogado, ao facer desaparecer tódolos elementos estructurais (muros de carga, cuberta, corpo acristalado sobre a cuberta -que a ficha do PEPRI indica que debe ser recuperado-) e rachar coa estructura do caserío propia desta parte do barrio histórico... A demolición total das casas anexas ao Pazo para reconstruir unha nova fachada que nada ten que ver coas preexistentes está tamén expresamente prohibida polo planeamento.

Do valor histórico (¿non era un pazo?) que, segundo Eudosio Álvarez (BNG, concelleiro non electo de Patrimonio histórico e, en teoría, responsable da súa protección), xustificaba o pagamento do sobreprezo, só queda un esquelético muro apeado, na pior tradición viguesa de fachadismo. Total nada, un solarcito cun escudo que nos costou case 2 millóns pagados á inmobiliaria dun ex(?)-socio dun dos asesores de cousas varias, contratado por Santi Domínguez con cargo ao presuposto municipal. Un edificio cuxo valor de expropiación era en 2007, segundo se recolle na documentación do PEPRI, de 196.000 euros.

Nin que dicir ten tamén que o proxecto final non recupera, como era esixible nunha boa práctica de rehabilitación arquitectónica, a tipoloxía orixinal da edificación pacega. Non hai máis que ver as infografías do novo proxecto para decatarse de que, por poñer só un exemplo, a cuberta proxectada no volume correspondente ao pazo orixinal carece do aleiro que, sen dúbida, tiña a edificación orixinal e que se perdeu no curso da súa historia. Se cadra ao arquitecto redactor non lle deu tempo, como era a súa obriga, nin de ver os alzados do PEPRI, nin de estudar as tipoloxías edificatorias das casas tradicionais de Galicia en xeral, e do casco vello en particular, e optou por facer morrer a cuberta a rentes da fachada, obviando tamén a evidencia arquitectónica que nesta indica a preexistencia dun, por outra parte lóxico, aleiro.

Do suposto proxecto museolóxico e da política de equipamentos culturais que subxaz nesta barbaridade da construcción dunha Pinacoteca, falaremos noutro momento. Lembremos nada máis que a ocorrencia de montar outro equipamento cultural máis nunha área ateigada deles, costa, só de inicio, a frioleira de 2+3 millóns de euros. Aos que haberá que sumar os insostibles gastos de xestión e mantemento que deberán aturar cada ano as saqueadas arcas municipais.

Ningún comentario: