IX ÉPOCA

30.8.09

Carta sobre obras na Praza da Princesa

O secretario da Federación de Asociacións de Veciños de Vigo, envíanos unha atenta carta ao noso correo electrónico, verbo da nosa entrada sobre as obras na Praza da Princesa (na que nos referíamos, a partir destas, ao conxunto das que se están a perpetrar no Casco Vello). Consideramos de interese publicar o seu texto e a nosa resposta:

Estimado amigo, o teu artigo sobre a pedra da praza da Pincesa pareceume alarmante en canto á exposición que alí facías, e, naturalmente, motivo de mobilización para impedir calquera desfeita irremediable.
Consultei a cuestión no departamento de patrimonio do concello e aseguráronme que non se ía poñer nova pedra, que o levantamento obedecía á necesidade de abrir unha canle para as novas canalizacións de servizos que van polo barrio histórico, e que despois se recolocaría de novo a mesma pedra.
Está mañá, pasando pola Porta do Sol, puiden comprobar que efectivamente están recolocando a pedra antiga da praza.
En moitas ocasións cométense atrocidades co noso patrimonio que hai que denunciar; outras é mellor consultar primeiro a cuestión para saber o que se vai facer e despois estar atentos.
Un saúdo
Xosé Couñago


A nosa resposta:

Estimado amigo: o noso artigo está perfectamente documentado. A recolocación do pavimento da praza da Princesa (do que non racharon no seu "sutil" levantamento) faise sen cumprir a propia normativa municipal incluida no PERI. As "novas canalizacións" (v.gr. "separación de pluviais, no rueiro do Casco Vello, por favor!) son unha coartada para gastar os extraordinarios fondos que do Plan E no Casco Vello, tocoulles no reparto ao bi-goberno-BNG. Xustifican así o levantamento de rúas que foran rehabilitadas recentemente e que, segundo os propios datos publicados na web do Concello de Vigo, contan coas canalizacións básicas necesarias. Moito me temo que chegamos tarde a defender o patrimonio que representaban os pavimentos do barrio (especialmente o relacionado coa sua tipoloxía constructiva, amenidade e diversidade) pois a tremenda unificación que se está a facer a base de granito gris alba de corte industrial, acaba para sempre (nunca vai haber unha oportunidade de financiación como esta) coa riqueza da fachada horizontal do Casco Vello. Choremos polas texturas, os matices, os pequenos detalles producidos polo paso do tempo nos granitos rústicos, polos apiconados singulares de San Bernardo, os adoquíns de Poboadores -baixada a- ou a chapacuña de Ferrería. Choremos polos enfaixados en pedra, polos pavimentos dourados, os encontros diversos, as lambidas do tempo sobre as pegadas. Deamos a benvida aos que sementas tapas na leira máis pequena e á tristeira monotonía e incultura dos que botan pedra polo chan co mesmo grao de reflexión do que sementa patacas.
Ten a seguridade de que seguiremos denunciando -sempre documentadamente, como o vimos facendo ata o de agora- as atrocidades (aínda que sexan tan perversas como as que denunciamos no Barrio histórico) que se fan contra o noso patrimonio. Sabemos da túa contribución en internet á salvagarda dese patrimonio: esperamos que esa contribución continúe tamén na túa actividade veciñal, libremente, sen ataduras partidarias. Esperamos, neste sentido, que, unha vez consultado convenientemente o incumprimento das normas municipais incluidas no PEPRI, animedes unha mobilización pola desfeita producida na perda de pavimentos e tipoloxías tradicionais que vos contamos.

Un cordial saúdo e grazas pola túa participación.

Vigoblog

2 comentarios:

Galopin dixo...

Perdon por mi ignorancia, pero, ¿esta Federación de Asociacións de Veciños no está en la órbita pepera? ¿No son estos los que están enfrentados con el Caballerete por lo del local de la rúa Ecuador? ¿A qué viene esta defensa? ¿No le llegó con la exhaustiva información de Eifonso en el post original? ¿No deberían ellos mismos tener esa información?
Antiguamente se decía que para saber, Salamanca. Ahora se trata de "consultar a cuestión" no departamento de patrimonio.
Ahhh, el post original se publicó hace SESENTA días... Sin comentarios.
¡¡Jooo que tropa!!

Vigoblog dixo...

Para sermos xustos, Galopin, a carta de xosé couñago recibíuse no correo de VB o 20 de xullo... cousas das vacances.