Unha norma municipal prohibe a colocación de publicidade en elementos do mobiliario urbano público. Unha disposición legal que se salta coa súa habitual alegría o propio bi-goberno municipal, que fai asi, na práctica, outro alarde de auto-insubmisión e demostra que as leis están para seren aplicadas duramente aos cidadáns de a pé, pero non á propia administración pública. Así é como unha vez o tenente Domínguez colga dos báculos das fernandinas globos da Universiada ou de calquera outra ocorrencia, e outra, o almirante Caballero adícase a anunciar as puñeteras obras de perforación urbana para aparcamentos privados, como se fosen actos culturais, "mellorando o futuro".
Ata aquí, todo normal na anormalidade democrática que nos preside.
Pero dende hai semanas, centos de bandeirolas con publicidade dunha empresa privada con mando en praza chamada Caixanova, colgan das farolas do alumeado público. E iso xa nos mosquea máis. A colgada xeral, incumpre impudicamente as normas que deberan rexer para todo o mundo.
Esta patente de corso para a nosa benefactora institución financeira, só pode significar:
- Caixanova, sen encomendarse ni a dios ni a su madre, chantou as bandeirolas nas farolas sen autorización nin permiso ningún. Estariamos, neste caso, perante unhafalta tipificada por parte da Entidade e dunha grave irresponsabilidade da administración municipal pois, ante a evidencia da comisión dunha irregularidade grave (entre outras cousas, tal colocación pode hipoteticamente afectar á seguridade ao non ser un uso previsto polo fabricante), fai mutis polo foro e permite que, diante do seu narís e contra os intereses xerais, unha entidade de doada identificación e coñecido domicilio a efectos de localización, practique impunemente a insubmisión (repetimos: só reservada ao bigoberno, faltaría máis).
- Caixanova conta co permiso municipal: estariamos perante un caso de posible prevaricación, pois, ata onde nós sabemos, a prohibición de colgar nas farolas calquera tipo de elementos permanece vixente.
- Ademais, tal autorización faríase, no hipotético caso de que fose emitida, sen procedemento no que se fixe o prezo público que marque a ordenanza fiscal correspondente, e sen as debidas garantías procedentes do pagamento dunha fianza para respostar a posibles, e non tan imprevisibles, danos que se poida causar ao ben público afectado.
Pois mira ti que nós pensamos que non é nada disto. Sinxelamente tratarase dun trapicheo máis dos irresponsables que nos gobernan, unha autorización "verbal", sen informe nin responsabilidade técnica ningunha que a respalde, sen procedemento administrativo ningún que garantice o interese xeral. Un favor máis, un novo investimento no banco de favores municipal, no que Caixanova ten depositada unha boa cantidade, como sheriff rico desta cidade.
Detrás deste despropósito, debe haber funcionarios responsables por acción ou por omisión, políticos responsables por permitir, ou mesmo alentar esta práctica, e, sobre todo, novamente, a absoluta indefensión dos que pagamos os nosos impostos pensando inxenuamente que os que nos gobernan están sometidos, coma nós, ao imperio da Lei.
A veda está aberta ¿quen quere colgar gratis e impunemente a súa publicidade no mellor e máis barato soporte da cidade?... vaian facendo cola... e tonto o último, que nisto, ao parecer, non hai normativa á que aterse.
Vémonos na próxima farola.
Anova non descarta a unión co BNG e lembra que o seu apoio axudou a Pontón
nos resultados das eleccións galegas
-
Antón Sánchez e os alcaldes de Rianxo e Sada, entre as persoas que
acompañarán a Noriega na dirección de Anova.
2 comentarios:
Hai máis dunha década, en plena campaña eleitoral para as municipais, a xunta eleitoral ordeou retirar toda a publicidade colgada nas farolas de Vigo, penso que a partir dunha reclamación presentada pola candidatura do PSG-EG. Centos de bandeirolas, especialmente do PSOE de Soto (que baseaba practicamente toda a súa campaña neste soporte, perfectamente amarrado por el dende o poder municipal), foron retiradas por carcer de soporte legal o uso dos báculos de alumeado como soporte publicitario.
Xa choveu dende aquela, pero durante moitos anos respectouse escrupulosamente esta prohibición. Corina Porro foi a primeira que comezou a pasar de todo, coincidindo coa relaxación funcionarial na área técnica correspondente no Concello de Vigo, cuxo novo responsable foi a figura sempiterna de acompañamento a C.Porro en canta inauguración e obra urbana houbo en Vigo. Este funcionario, do que dependería en todo caso a autorización técnica previa, foi escalando automaticamente na xerarquía municipal ata situarse (con C.Porro e agora co almirante Caballero) no máis alto da pirámide de decisións municipais. Nos mentideiros municipais dise que este "alto" funcionario de incansable actividade e de plena disposición a calquera hora e en calquera día, está en tódolos rotos e descosidos, obras, decisióne e informes que ocorran polo Concello, logrando desprazar á totalidade dos técnicos superiores que, cada vez máis, pintan e interveñen menos no nivel decisorio.
Pobriño Soto, pensar ó poder que tuvo, i agora que ande detrás de Pablo Padin, como un canciño.
Publicar un comentario