A praia do Vao é unha referencia na rexeneración de areais en Vigo. A mediados dos 90 unha acertada operación municipal ampliou a praia a base de eliminar os restos de terras e muros dos recheos da fallida urbanización portanetista de Playas Blancas (sobre ela se construíron os campos de fútbol de Leri), eliminou a entrada de vehículos, e iniciou unha recuperación da cadea dunar perdida. Daquela, tal operación contou coa franca oposición do finado concelleiro-deseñador Agustín Arca, que quería a toda costa reconstruír o antigo paseo e armar outro Samil, pois do contrario "escapáríase a area".
Hoxe disfrutamos dunha magnífica praia con crecentes valores naturais á que só lle faltaba a eliminación do derradeiro campo de Fútbol de Praias. Neste verán de 2005, o concelleiro de Medio ambiente do PP José Manuel Figueroa anunciaba a eliminación do campo para transformalo de novo en areal. Ademais, como podemos apreciar na fotografía, instaláronse varias barreiras de xestas para axudar á fixación de area e á formación de acumulacións predunares.
Loables intentos se non fose porque no Concello de Vigo non existe política de goberno ningunha. Polo que se ve, cada concelleiro vai por libre: na mesma zona teoricamente a recuperar, a concellería de Deportes da popular Lucía Molares promove a instalación dun novo campo de deportes xa directamente sobre a praia, na zona teórica para a rexeneración dunar. Unha instalación para unha lucrativa explotación privada da praia, absolutamente incompatible coa actuación que, uns metros máis ó oeste, parece que pretende timidamente recuperar a duna. A cesión deste espacio público natural a unha organización con ánimo de lucro, Eventoglobal, pretende ser permanente coa ocupación da praia co seu "pabellón portátil" e crematístico aparato publicitario, durante todos os veráns, impedindo así que se complete e consolide unha parte do cordón dunar que se extendía ó longo de todo o interior da praia.
O resultado, na fotografía de mediados de xullo: o ridículo dunhas barreiras vexetais e a profunda incoherencia dos que non crén nin saben realmente o que fan nin para que o fan... ¿ou si?
Esperemos que se rectifique e se realicen auténticas políticas de sostibilidade sobre os nosos delicados areais. O Vao pode ser un magnífico exemplo. Quedan aínda importantes operacións que servirán para devolver ó litoral canto menos parte da súa antiga conformación natural. Son necesarios programas de intervención integral, con criterios técnicos explícitos e e rigorosos. Cómpre fuxir de actuacións setentistas, benidoristas e insostibles que, como os paseos marítimos, seguen a ser a única referencia destes gobernos municipais subdesarrollistas.
Dentro desta actuación integral debera contemplarse, por exemplo, a eliminación da inorme escolleira que serve de arrinque á ponte da illa de Toralla: un novo tramo pilotado permitiría, como antano, a libre circulación da area e a formación do tombo que existíu entre a costa e a illa e que practicamente unía o Vao coa praia de Canido.
Menos xestas para a galería, máis coherencia e máis políticas e programas integrais de rexeneración.
Documentación:
Faro de Vigo: Figueroa anuncia a recuperación das dunas.
Faro de Vigo: Molares anuncia que poñen campos de deportes enriba.
Web de Vigoarena (Eventoglobal)
A noticia de Vigoarena na web municipal
"Negras sombras" e "lingua proletaria", o galego como novo campo de batalla
entre PPdeG e BNG
-
O Bloque aposta por políticas de inmersión lingüística, ser propositivo a
nivel lexislativo e apoiar as plataformas sociais en defensa da lingua. O
PPdeG a...
2 comentarios:
Realmente de todas as novas, esta é unha das que mais me doen a nivel particular. Os campos de Leri foron o mais preto que me acerquei a unha praia durante moitos anos, e neles xoguei ó futbol, rugby, balón-bolea, etc. Cando anunciouse que ían sacalos para recuperala praia pensei que estaba ben sempre que se recuperara un espacio perdido anterior ás miñas lembrazas e que tería unha utilidade pública. Agora entérome de que sacan os campos públicos, gratuitos e superutilizados para poñer unha horterada privada de cocacola e caixanova con trofeo e concelleira.
Os partidos que xoguei nunca saíron en prensa, pero había que ir cedo para "coller" campo de todolos xeitos. Leri nunca foi santo da miña devoción (mais ben ó contrario), pero xogamos moitos partidos co balón que nos regalou cando perdimos no río o noso. Nunca houbo nada oficial nas "pachangas" que remataban cunha "clara" nos bares da zona, pero permitiron que na miña adolescencia houbera un mínimo de aire libre e deporte.
Lamentoo polos rapaces e non tan rapaces que perden unha oportunidade que eu tiven, a de facer deporte sen mais que unha pelota e vinte pesos para o autobús, cando nos petaba, durante o tempo que quixeseramos e coas nosas reglas comúns. Sen apuntarse a ningunha estatística do concello nin depender da vontade do patrocinador. O que eu tiven de balde, agora o terán por obra e gracia de quen regala o que antes era gratis.
Semella ser "signo dos tempos". A furia privatizadora nos Concellos producíu que cada nova corporación teña que buscar fórmulas "imaxinativas" para establecer mecanismos de "financiamento". Queda tan pouco por privatizar que a nova forma é a privatización de todas e cada unha das actividades dos cidadáns. O truco está servido: o servicio xa non lle costa directamente ós cidadáns, se non que se trata dunha explotación indirecta vía consumidor de publicidade. E se para isto fai falta privatizar a praia (disfrazándoo de "deporte"), pois faise. No Vao isto xa comeza a ser tradición: a "Estación náutica" existente é unha lucrativísima concesión encuberta (eu penso que irregular, aínda que nisto parece ninguén enteirarse), coa explotación permanente dunha cafetería a pé de praia que xa quixera para si algún sufrido empresario do sector da hostelería que teña que presentarse a un concurso público.
Xa só lles queda privatizar a policía local... aínda que o emprego sistemático en seguridade en locais de empresas ad hoc, parece indicar que a polocía local só medrará para aportar votos ós "sindicalistas" municipais.
Publicar un comentario