A crenza de que coa entrega da bandeira azul que concede a privada Foundation for environmental Education (FEE) se premia a calidade ambiental dos areais non é certa. Este galardón premia realmente a existencia de dotacións e servizos de praia, mobiliario ou infraestructuras de acceso e unha calidade das augas de baño aceptable. Son aspectos que xeralmente teñen que ver máis co grao de urbanización do litoral que coa conservación dos sistemas dunares ou coa rexeneración dos valores naturais e eliminación de impactos negativos de vellas políticas desarrollistas.
Se os criterios ambientais fosen os preferentes, xamais a praia de Samil tería acadado esa "distinción". Moi ó contrario, Samil acadou a bandeira, si, despois de mellorar ata os mínimos admitidos a calidade das augas, pero, sobre todo, pola disneylandia cutre reconstruída sobre un maltreito muro en tempos do alcalde Soto e do inefable concelleiro Agustín Arca. Aquela actuación supuxo o descabello ó xa tocado sistema dunar e piñeiral. Urbanizouse toda a superficie traseira ó muro-paseo e ampliouse este cara á praia da Fonte e cara á desembocadura do Lagares en lugares aínda pouco afectados.
Neste 2005 nin tan sequera a calidade das augas conseguíu o mínimo esixible, e a famosa Fundación non tivo a ben -cos consabidos desgarros municipais e os laios mediáticos habituais- darlle o gusto ós concelleiros de turno de seren, por un día satisfeitos ecoloxistas coiunturais e institucionalizados coas cabeleiras (ou calvas) ó vento mentras izan o trapo azul co logotipo da FEE.
A concesión das bandeiras azuis parécese moito a un fraude, á venda dun producto cunha propaganda e un envoltorio que non se corresponde co seu interior. A súa concesión carece de todo rigor e así o entendeu a Comisión Europea que en 1999 retirou a subvención que concedía á FEE para este programa, pesie a que os medios de comunicación, ano tras ano, seguen a repetir que este programa é da Comisión Europea (!).
A "loita" por acadar a bandeiriña ten producido efectos perversos. As administracións locais no intento de cumprir os protocolos da FEE, adícanse a "preparar" ou "adaptar" as praias, provocando que a areais que conservaban un aceptable estado natural se lle engadan todo tipo de trebellos para poder lucir a enseña azul: WCs, duchas, rampas de acceso sobre dunas, papeleiras na area, barreiras flotantes, chiringuitos, servizos turísticos, paseos litorais, accesos rodados, aparcamentos...
A asociación Ecologistas en Acción vén desenvolvendo unha contracampaña denominada Bandeiras Negras que -aquí si- fóra dos interesados circuítos institucionais, serve para poñer en evidencia as malas prácticas e agresións sobre o delicado e maltratado litoral español. Algunhas destas bandeiras mouras foron paradoxalmente adxudicadas a praias ás que a Fundación concedera o seu trapo azul.
Os ecoloxistas galegos (¿hainos?) aínda non teñen reaccionado. Esperemos que algún día o fagan e poidamos frear as ansias publicitarias dos alegres alcaldes e alcaldesas que nos rodean e librar así ás nosas praias da urbanización supostamente light que tanto gusta ós munícipes. Esperemos que algún día convenzamos ós que nos gobernan para que empreguen as súas forzas e os nosos impostos para iniciar unha decidida política de rexeneración do litoral e poidamos volver a ver, por poñer un exemplo, a praia de Samil cun aspecto semellante ó que amosamos nesta vella e nostálxica fotografía. Sen bandeira azul, pero con area, dunas e vexetación, como se dunha praia se tratase.
A Fox, Samil en 1965
Campaña Banderas Negras 2005 de Ecologistas en Acción
Campaña Bandeiras azuis da FEE
"Negras sombras" e "lingua proletaria", o galego como novo campo de batalla
entre PPdeG e BNG
-
O Bloque aposta por políticas de inmersión lingüística, ser propositivo a
nivel lexislativo e apoiar as plataformas sociais en defensa da lingua. O
PPdeG a...
3 comentarios:
Si pero hay un problema: ¿la conservación de las playas es compatible con su uso por cientos de miles de ciudadanos? ¿No son necesario servicios, accesos, etc para evitar que se deterioren?
Penso que sí son compatibles, sempre e cando os servicios non vaian sobre a praia, senón xunto a ela. Os paseos marítimos non teñen que ir sobre as praias ou poden ir sobre pivotes, os aseos e os chiringuitos non teñen que se situar na area.
O problema xorde cando o urbanismo galego permite facer vivendas unifamiliares ou mesmo edificios ó pe das praias, deixando moi pouca ou ningúnha capacidade para poñer os servicios. ¿Cómo recuperalas calas da península do Morrazo? Unicamente eliminando as casas que impiden que os servicios de acceso sexan realmente públicos. A costa galega é un exemplo de cómo privatizar os recursos naturais e cómo ó intentar recuperalas para o uso público so pódese esmagar ese mesmo recurso. A alternativa é "tirar todo e volver a empezar".
Penso que o problema non é se é ou non compatible a urbanización das praias coa demanda de uso de "centos de miles" de persoas, senon xustamente se é unha acción substentable (sostible, sostenible). Manteño que o modelo urbanizador potenciado polas bandeiras azuis e o contido ideolóxico que é inmanente a esa campaña (que baixo a apariencia medioambientalista ou ecoloxista agocha pode premiar praias estragadas) supón a perda dos valores ambientais, dos valores naturais que representan a posibilidade futura do seu uso e disfrute. Para o disfrute de miles de persoas nin son imprescindibles os aparcamentos en zonas de trasduna (un bo transporte público ou medios de transferencia con aparcamentos disuasorios o solucionan), nin paseos litorais (¡que mellor paseo cá beira do mar!) cheos de losetas, canchas de baloncesto, carrís bicis e xogos infantís, de luminarias e variado mobiliario urbano, nin tan siquera as sempre suxas papeleiras (se educamos á poboación a algo tan sinxelo como recoller e transportar os residuos que producen).
¿Quermos legar as praias ós centos de miles de usuarios das vindeiras xeracións?
Publicar un comentario