IX ÉPOCA

16.7.05

ETEA: sacade as vosas suxas mans

Estou convencido que de facer unha enquisa sobre a remodelación dos
terreos (e dos mares) da ETEA, a maioría dos cidadáns, incluidos os rectores da Zona Franca, apostarían por amplos espacios verdes, o aproveitamento do que xa hai, e unha praia despexada. Sen embargo, a proposta oficial consiste nunha intervención dura, con edificación abundante e a privatización doutra gran parcela de mar.
¿De donde ven esta furia edificatoria? A razón haberá que buscala na orixe. Cando o Sr. Egerique fixo a compra o Ministerio de Defensa, algunhas voces (Pérez Mariño, por exemplo) opuxeronse co poderoso argumento de que a cidade non tiña por qué pagar terreos que foran cedidos noutro momento. A lóxica da economía fai que agora Zona Franca trate de recuperar e rendabilizar o invertido. E o malo é que non aparece outro modelo que non sexa á privatización do espacio, do mar e da paisaxe.
Habería que reflexionar polo miudo sobre o papel que ven desenvolvendo esa “terceira alcaldia” chamada Zona Franca que adornada co cartel de organismo público, non se distingue moito dunha entidade de negocios máis. Compra e promove edificacións, xestiona aparcamentos, proporciona dietas xenerosas ós membros do seu consello rector e “presta cartos” ó Concello para financiar as publicitarias obras de VIG05. Todo elo baixo supervisión dun Concello que semella ir a remolque.
Que abran as portas da Etea, que nos deixen bañar na piscina, que cuiden os xardíns e que recuperen a praia. Estariamos felices.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Anos de consenso político e social sobre a necesidade de non realizar nin un metro máis de recheo na ría, están a ser botados pola borda, aproveitando tempos de adormecemento social. Como fantasmas do pasado aparécense os neodesarrollistas e nos trasladan ó escenario dos anos 60. Son os López Peña, os Chema Figueroa, os Toba, os Fernández Alvariño, as Corina, os Miguel Font demasiado ocupados dos seus particulares intereses económicos como para esixirse a máis mínima coherencia e visión de futuro. Anos de consenso internacional (máis ben retórico) sobre a imperiosidade dun desenvolvemento sostible, liquídanse demonizando a todo aquel que ose criticar as accións do "progreso" (nunca din que o progreso do que falan é o deles mesmos). Se antes se cortaban un pouco, agora, no mellor estilo aznariano do "sin complejos" se atreven a esixir as cabezas dos discrepantes (ver comentarios de López Peña na prensa local de hoxe sobre os que se opoñen ó seu hipermegaporto deportivo da ETEA). Haberá tamén que reflexionar sobre o papel que cumpren determinados "técnicos-factoría" nestas cousas: o caso César Portela é digno de estudio, implicado no PXOM de Vigo -Consultora Galega-, na operación de Beiramar, no paseo marítimo de Alcabre.
Nestes anos de consenso sobre a necesidade de non botar máis escombro á ría producíanse hectáreas de novos recheos co silencio cómplice de todos: novo gran recheo do Berbés (cheo xa de naves industriais en primeira liña de Mar), ampliación salvaxe do recheo de Bouzas, recheo e dique do porto deportivo na Guía, recheo do Con... e o que é aínda pior, proxectos sobre os que non se admite contestación só pena de que che corten a cabeza: recheo do Areal-nova reaampliación do de Bouzas, cementeira en Rande, operación Massó en Cangas, operación Beiramar en Vigo, Paseo de Guía e de Alcabre, novo dique para o porto deportivo de Canido.
Penso que é necesario volver a coller a dianteira ideolóxica sobre a preservación da Ría, na liña do que comunmente se entende que é a sostibilidade: parar os proxectos de impacto sobre o litoral e realizar de xeito sistemático e rigoroso auténticos proxectos de rexeneración. Fronte ós irresponsables que actúan a curto prazo pensando no seu estricto interese crematístico que venden como o interese de todos, hai que elaborar, recuperar, extender un discurso de sostibilidade para a nosa costa, antes de que non haxa costa sobre a que falar.

Anónimo dixo...

Pero... ¿no hay más arquitectos que César Portela? (de verdad, yo noy soy arquitecto, pero es que Portela parrece hijo del rey de la tarta del hormigón).

Anónimo dixo...

Efectivamente, que nos deixen usar as instalacións lúdicas e deportivas da actual ETEA como o blogger dí, e que se ubique ali mesmo o nucleo administrativo, o centro temático e interpretativo e a sala de conferencias do parque das Illas Atlánticas, o punto de saída para as visitas didacticas á ría e a Sede de Reserva da Biosfera que o PS de G leva no seu programa electoral (ver paxina 202 do mesmo na web do PS de G/autonomicas 2005/Programa) como unha arela a conseguir para as Rias baixas

Anónimo dixo...

Se non abren as portas da Etea...
porque non abrirlas nos ?
Activismo vivo nunha cidade morta e XA !!