Teñen razón os que se escandalizan de que a Ministra de Cultura non queira investir nunha biblioteca estatal en Vigo. Pero outra vez nesta cidade as árbores non deixan ver o bosque. Durante décadas, Vigo só contou cunha pequena Biblioteca Pública: a "Jaime Solá", situada na praza de Compostela, e logo trasladada á rúa Romil, dependente do Estado. Ámbalas dúas desapareceron axiña, pois en Vigo o de dar este servizo sempre pareceu un luxo. Os locais que ocupaban esas bibliotecas -á vista do sobrados que estabamos de postos de lectura- son hoxe a sede da Fundación ProVigo, o da Alameda, e dun centro de información da Muller, o da rúa Romil.
A denominada Biblioteca Central (que absorveu os fondos da Biblioteca de Romil), instalouse no antigo edificio do Casino Obrero na esquina entre as rúas Fermín Penzol e Joaquín Yáñez, con escaso persoal e medios. Durante anos, esta práctica inexistencia de Bibliotecas Públicas paliabase coas tres mini bibliotecas privadas que mantiña a Caja de Ahorros Municipal de Vigo, nas Travesas, Centro e Calvario e que servían, sobre todo, como punto de lectura e de estudio. A remodelación do antigo Teatro García Barbón e a súa transformación en Centro Cultural Caixavigo, cunha biblioteca no seu faiado, producíu axiña o peche da pequena biblioteca que existía na sede Central da Caja, en Colón, pois para unha entidade pobre como a actual Caixanova, era moito manter tanto equipamento cultural ¿non?.
Os sucesivos gobernos municipais democráticos vigueses crearon cero (patatero) bibliotecas públicas de carácter local (se cadra debemos exceptuar a reconversión da Biblioteca da Fundación Penzol de privada en pública en tempos de Príncipe, coido), a diferencia doutros centos de Concellos do Estado Español que entenderon a necesidade de empregar medios e recursos humanos para aumentar o nivel cultural da súa poboación (por poñer só un pequeno exemplo nunha cidade das características de Vigo e non capital de provincia, Gijón, con 11 bibliotecas municipais e cinco centros de lectura).
Pero claro, en Vigo estabamos fondamente ocupados en construir faraónicos (ou cutres) interminables locais de Asociacións de Veciños nas parroquias, nos que o espacio de Biblioteca só superaba en superficie -e non sempre- ós baños e, dende logo, nunca ó bar. Os cartos íanse e vanse en infinitas subvencións a asociacións que, como a Federación de Peñas Recreativas (brisca, tute, mus, chave...), non se caracterizan precisamente pola promoción da lectura. Os cartos fóronse tamén en grandes fastos "culturais" (Madona ¿lembrades?) ou no investimento en publicidade (só co investido en acadar un bo trato do Faro de Vigo ós sucesivos gobernos -se exceptuamos a efémera etapa de Ventura Pérez Mariño- poderiamos ter unha das mellores redes de bibliotecas municipais de Europa). Outra parte dos cartos que poideron investirse na promoción da Cultura, fóronse literalmente pola rede de sumidoiros, para dar saneamento, daquela maneira, ata a última casa do último curruncho do termo municipal, para que agora mesmo, 20 anos despois do Plan Especial de Saneamento Integral da Ría de Vigo (PESIV), o xudre siga saíndo directamente polos aliviadoiros á Ría.
Cun só anaquiño dos centos de millóns de pesetas, millóns de euros de agora, gastados en "decoración" perfectamente prescindible, dende as losetas e "alamedas" do finado Agustín Arca, ata as palmeritas e flores de Corina (cantas Bibliotecas municipais poderiamos ter só co que nos costou cambiar a vexetación existente na Gran Vía e o seu mantemento?), teríamos cuberto unha parte importante dos postos de lectura que por poboación nos corresponden. Non digamos o que a Deputación Provincial podería colaborar, se parase un intre de botar lucrativo piche sobre piche nas rúas e camiños de Vigo e se ocupase un pouco de conveniar co Concello a creación dunha auténtica rede bibliotecaria na cidade.
Nin un peso para Bibliotecas, esa é, e foi, a política real dos gobernos municipais democráticos vigueses dende Soto ata Corina, pasando por Príncipe, Manolo Pérez, Lois Castrillo. Non está mal que agora, tantos anos de ermo cultural despois, a cidade se escandalice con razón pero sen memoria, porque a Ministra voadora despreze á cidade lembrándolle novamente que -ó igual que Gijón, por exemplo- non é capital de provincia.
Orzamento a orzamento municipal, convenio a convenio coas outras administracións, patrocinio a patrocinio, permanecimos calados sen decatarnos como e en que, con que prioridades ou con que falta delas, con que planificación ou con cales ocorrencias, se malgastan e malgastaron ano tras ano os nosos diñeiros, sen ter os mínimos esixibles (en cultura, en medio ambiente, en sanidade, en educación..) cubertos.
Reivindiquemos a redacción e aprobación dun Plan municipal de Bibliotecas co obxectivo de establecer unha auténtica rede de bibliotecas e mediatecas (xerais, especializadas, puntos de lectura..) en Vigo, con financiamento público (municipal, provincial, autonómico, estatal) e privado, convenientemente dotadas e racionalmente xestionadas, cunha programación anual seria e que resposte ás necesidades de extensión e promoción cultural da que tanto está necesitada a nosa abandonada cidade. Logo falaremos dos tristes vós da Ministra e faremos unha comisión de afectados.
Por certo, postos a escandalizarnos, alguén podería preguntar que ocorre coa histórica e valiosa biblioteca -esta si municipal- da Escola de Artes e Oficios, legado do mecenas José García Barbón...? existe aínda? están catalogados os seus fondos? atópanse en boas condicións para a súa conservación? pódese acceder a ela coas mínimas garantías? ten persoal? queda algo dela ou pasou como cos famosos sillóns dos Reis?
Soben as pernoctacións en Galicia un 4,8% en outubro mentres que o número
de viaxeiros crece un 5,6%
-
Durante os 10 primeiros meses de 2024 as pernoctaciones incrementáronse un
5,2% respecto ao mesmo período do ano anterior, mentres que as de viaxeiros
resi...
5 comentarios:
Houbo outra biblioteca, a do Verbum que , como todo o proxecto, naceu esqueletica. Por certo, e unha vez máis, ¿que pasará co Verbum? ¿O consorcio de libreiros e editores, tan espelidos eles para falar das gratuidades dos libros de texto, non farán algunha presión para transformar o Verbum nalgo que verdadeiramente teña que ver coa comunicación?
Non citei, conscientemente, outras bibliotecas existentes en Vigo: unhas por ser directamente de acceso restrinxido a socios (a boa Biblioteca do Mercantil), outras por ser especializadas (como as universitarias).
O do Verbum, como temos falado, vai de despropósito en despropósito. Pero non hai que preocuparse, segundo léra hai pouco no Faro, o concellal de Cultura e o director dixital do choio, estaban a facer o proxecto museolóxico (ou iso din, que ó final faralles algo parecido algunha empresiña de favor, claro).
Iso, iso, iso.
A ver cuándo podemos tener en las bibliotecas libros actuales y en cantidad. Y que los estudiantes de Cou (o cómo ahora se le llame) estudien en sus instis o en su casa. No hay manera de pillar mesa.
Curiosamente en Santiago permanecen almacenados miles y miles de libros... y publicaciones que nacen ya para el almacen. tendría que salir a la luz el tinglado de las publicaciones...menuda merienda se traen con la disculpa. la administración destraga todo lo que puede y más, al menos lo hacía, espero que estos sean más legales.
¿para qué as bibliotecas? Cuanto menos leamos mejor se nos maneja...
Publicar un comentario