Nunha entrada de Vigoblog do ano 2005, cando campeaba C. Porro polas súas obras de "humanización" na Alameda viguesa,
xa advertiamos o que ía pasar cos vellos Castiñeiros de indias, como consecuencia da barbarie desatada nas obras salvaxes sobre o noso xardín histórico. Diciamos daquela: "Son incontables os golpes ó arborado e a mutilación de raiceiras de castiñeiros de indias, camelias e magnolias (...) O paso de vehículos pesados polo seu interior tense convertido nunha constante, incidindo moi negativamente sobre o sistema de raiceiras das grandes e monumentais árbores, e mesmo sobre a súa futura estabilidade como consecuencia da compactación da terra e as fortes e constantes vibracións".
Infelizmente, o noso presaxio cumpriuse. Hai uns días
desplomábase unha destas monumentais árbores como consecuencia -segundo a versión oficial- do apodrecemento das súas raiceiras. Agora, a empresa concesionaria da conservación dos xardíns vigueses, CESPA, anúncianos que
se van cargar outras catro árbores máis.
Dende a humanización de Corina Porro ata hoxe, son xa tres grandes castiñeiros caídos -que, ademais, non foron repostos-; a eles teremos que engadir agora catro máis que talarán "preventivamente", ademais de mutilar, con podas salvaxes, outros 21, o que producirá unha brutal deturpación da paisaxe urbana nesta zona histórica.
A desprotección e abandono da Alameda durante décadas ten hoxe estas dramáticas consecuencias. Por se non chegase a acción de Corina, nos tempos de Santi Domínguez e Caballero, transformouse este lugar nun espazo para poñer todo tipo de
chiringuitadas, feiras, pantallas xigantes e saraos variados, todos eles incompatibles coa preservación dun espazo natural extremadamente fráxil e delicado e cunha limitada capacidade de acollida. Durante todos estes anos penduráronse tamén das ponlas e
claváronse nelas de todo: grandes focos,
cables e mesmo toda unha instalación de ducias
figuras de latón da Fundición Nautilus.
Durante estes anos, a falta de control municipal e a incompetencia de CESPA, máis ocupada de encher de floreciñas de tempada canto parterre ou maceta hai, que de realizar un auténtico mantemento preventivo (xa se sabe, de facelo ben, os grandes beneficios do millonario contrato municipal, veríanse diminuídos), están a provocar a perda irremediable de elementos vexetais catalogados que, cunha responsable política municipal, poderían vivir moitos máis anos, para o noso disfrute e o dos nosos fillos.
De pouco servirá xa a rehabilitación que, con máis acertos que erros, acometeuse antes das eleccións municipais, se se perden os grandes exemplares que dan sentido e monumentalidade á praza de Compostela.
Aínda que, pensándoo ben, o que é realmente miragroso é que aínda quede algo vivo na Alameda, despois de ter soportado o paso, entre outros, de Agustín Arca (O Precursor), Álvarez Salgado, Henrique Vieites, Raquel Díaz ou Ángel Rivas, como concellais de parques e xardíns do concello de Vigo, ou alcaldes de tan
fina sensibilidade como Manuel Soto, Manolo Pérez, Pérez Castrillo, Corina Porro ou Abel Caballero. De todos e cada un deles, da súa inanidade e incompetencia, é a responsabilidade de que onte caeran e mañán vexamos cair, os sexaxenarios castiñeiros de indias do noso xardín por excelencia.