IX ÉPOCA

6.12.11

Castiñeiros da Alameda: crónica dunha morte anunciada

Nunha entrada de Vigoblog do ano 2005, cando campeaba C. Porro polas súas obras de "humanización" na Alameda viguesa, xa advertiamos o que ía pasar cos vellos Castiñeiros de indias, como consecuencia da barbarie desatada nas obras salvaxes sobre o noso xardín histórico. Diciamos daquela: "Son incontables os golpes ó arborado e a mutilación de raiceiras de castiñeiros de indias, camelias e magnolias (...) O paso de vehículos pesados polo seu interior tense convertido nunha constante, incidindo moi negativamente sobre o sistema de raiceiras das grandes e monumentais árbores, e mesmo sobre a súa futura estabilidade como consecuencia da compactación da terra e as fortes e constantes vibracións".
Infelizmente, o noso presaxio cumpriuse. Hai uns días desplomábase unha destas monumentais árbores como consecuencia -segundo a versión oficial- do apodrecemento das súas raiceiras. Agora, a empresa concesionaria da conservación dos xardíns vigueses, CESPA, anúncianos que se van cargar outras catro árbores máis.
Dende a humanización de Corina Porro ata hoxe, son xa tres grandes castiñeiros caídos -que, ademais,  non foron repostos-; a eles teremos que engadir agora catro máis que talarán "preventivamente", ademais de mutilar, con podas salvaxes, outros 21, o que producirá unha brutal deturpación da paisaxe urbana nesta zona histórica.
A desprotección e abandono da Alameda durante décadas ten hoxe estas dramáticas consecuencias. Por se non chegase a acción de Corina, nos tempos de Santi Domínguez e Caballero, transformouse este lugar nun espazo para poñer todo tipo de chiringuitadas, feiras, pantallas xigantes e saraos variados, todos eles incompatibles coa preservación dun espazo natural extremadamente fráxil e delicado e cunha limitada capacidade de acollida. Durante todos estes anos penduráronse tamén das ponlas e claváronse nelas de todo: grandes focos, cables e mesmo toda unha instalación de ducias figuras de latón da Fundición Nautilus.
Durante estes anos, a falta de control municipal e a incompetencia de CESPA, máis ocupada de encher de floreciñas de tempada canto parterre ou maceta hai, que de realizar un auténtico mantemento preventivo (xa se sabe, de facelo ben, os grandes beneficios do millonario contrato municipal, veríanse diminuídos), están a provocar a perda irremediable de elementos vexetais catalogados que, cunha responsable política municipal, poderían vivir moitos máis anos, para o noso disfrute e o dos nosos fillos.
De pouco servirá xa a rehabilitación que, con máis acertos que erros, acometeuse antes das eleccións municipais, se se perden os grandes exemplares que dan sentido e monumentalidade á praza de Compostela.
Aínda que, pensándoo ben, o que é realmente miragroso é que aínda quede algo vivo na Alameda,  despois de ter soportado o paso, entre outros, de Agustín Arca (O Precursor), Álvarez Salgado, Henrique Vieites, Raquel Díaz ou Ángel Rivas, como concellais de parques e xardíns do concello de Vigo, ou alcaldes de tan fina sensibilidade como Manuel Soto, Manolo Pérez, Pérez Castrillo, Corina Porro ou Abel Caballero. De todos e cada un deles, da súa inanidade e incompetencia, é a responsabilidade de que onte caeran e mañán vexamos cair, os sexaxenarios castiñeiros de indias do noso xardín por excelencia.

3 comentarios:

Pablo Eifonso dixo...

Hai que dicir que a armilaria (á que responsabilizan da tala brutal que van acometer) é un fungo moi común nos nosos parque e xardíns: forma parte normal do ecosistema, e as árbores que están ben coidadas resístena perfectamente. O problema é cando as árbores están tan machacadas e estresadas como na Alameda, carentes dos máis mínimos coidados, tan debilitadas no seu sistema radicular que carecen das defensas necesarias para convicir con este fungo.
Os resposables desta situación non son pois os fungos, senon aqueles que, encargados pola sociedade do coidado do seu patrimonio cultural, adícanse só ao mero decorativismo floral e a encher de cachivaches e mobiliario e luceciñas os nosos xardíns.
Tragamos con todo e válenos a explicación dunha empresa, CESPA, que defende os seus estrictos intereses privados e, en canto aparece un problema, en lugar de atacalo con capacidade e medios, optan por cortar polo sano.

Anónimo dixo...

Atención. Non esquencer a promesa de Abel Caballero na campaña electoral. Se gañaba as eleccións (ou se volvía ser alcalde) talaría as árbores de Coia, da Avda. Castelao, porque algúns pensan que son alerxénicas contra a reiterada explicación dos expertos de que non o son. Pero para A.C. anque non sexan alerxénicos, se hai quen pensa que sí o son, esa idea crea alarma social e o mellor e talar, cortar polo san, e plantar "bonsais", árbores que non pasen de 4 metros.
Atención ás árbores da avda. Castelao

Ramón Barrientos dixo...

Caballero necesita psicoloxicamente demostrar que pode tirar impunemente ese símbolo da construcción do Vigo actual que é a Avda de Castelao, representada polos seus Pópulus alba e nigra (Álamos e Choupos). Na súa fantasía, el representa o inicio dunha nova era e esta construirase sobre as ruinas do pasado. E construirase, sobre todo, coa demostración do seu "poder" e determinación, coa súa capacidade de estar por riba de aqueles que empregan a máis mínima complexidade intelectual.
As árbores de Coia serán taladas, non porque pense que son ou non alerxénicas, ou que haxa máis ou menos xente que proteste. Talaranas PORQUE PODE. E iso, nun ser pequeno e inane como este, enganchado febrilmente aos seus problemas sentimentais sen solucionar, é tan importante como vivir: ¿que outro alimento ten para compensar a súa estatura e fealdade intrínseca que exercer o poder -na súa fantasía- sen límites?