IX ÉPOCA

11.6.10

Por que non á Pinacoteca no Casco Vello

Discordo coas actuacións que se están a facer en relación coa Pinacoteca e outros equipamentos culturais de carácter xeral no Casco Vello. Non só porque penso que detrais hai un pelotazo inmobiliario, como vimos informando en Vigoblog, senon tamén porque é unha actuación que carece da máis mínima reflexión sobre a política cultural na cidade e resposta, unicamente, a xustificar os fondos provintes do Plan-E que, coma se fose unha lotería, tocáronlle ao BNG no reparto do bi-goberno... e de paso, tirar un suposto rédito eleitoral dunha inauguración previa ás eleccións municipais de maio de 2011. En resumo, o meu disacordo baséase no seguinte:

1. Os recursos públicos son limitados e deben ser utilizadas de acordo cos criterios de prioridade e eficiencia. Isto significa que o seu uso debe respostar a unha planificación rigorosa e motivada. Neste caso, implica un investimento inicial de 1,8 millóns de euros (merca) máis outros 3 millóns (rehabilitación), ao que deben ser engadidos os elevados custos anuais de xestión e mantemento, que lastrarán, aínda máis, o gasto corrente do Concello de Vigo e impedirán atender axeitadamente a outras necesidades d emaior prioridade;

2. A escusa expresa da construcción da Pinacoteca é a de amosar de xeito permanente parte da colección do Museo de Castrelos. Esta está formada basicamente nos fondos doados Policarpo Sanz (revalorizados dende que hai uns anos se fixo unha catalogación inicial), con obras clásicas e o fondo contemporáneo, con obras de artistas galegos da segunda metade do século XX. Estes fondos están actualmente estibados nos almacéns, perfectamente equipado para tal uso, do Marco. A urxencia da súa exposición completa e permanente, parte dunha concepción incoherente e burda sobre o papel dos almacéns (fondo de reserva) en institucións museísticas, concepción que descoñece que os almacéns dos museos non son lugares onde as pinturas quedan momificadas e agochadas ao seu disfrute público, senon departamentos con vida real do Museo, que deben ser mostrados correctamente, especialmente a través dunha política intelixente de exposicións temporais.
En todo caso, eu creo que a os fondos de Policarpo Sanz deben permanecer axeitadamente expostos -mesmo totalmente- no Museo de Castrelos, mentres que o fondo contemporáneo debería pasar a conformar a colección permanente -que calquera museo que se prece debería ter- do MARCO.
Para a localización en Castrelos (un punto de referencia museística viguesa, moi abandonado, pero localizado nunha situación enmellorable) habería que abordar un novo proxecto para ampliar as instalacións do Pazo Quiñones de León. Por exemplo, construíndo unhas novas e amplas instalacións soterradas baixo o prado existente, a unha cota superior do xardín francés no remate do mesmo, tralos restos da solaina do Pazo de Concepción Arenal. Poderíase encaixar así tanto o importante acervo arqueolóxico como o pictórico. Permitiría asi mesmo dotar ao Museo de equipamentos esenciais tamén como unha sala de exposicións temporais e outros servizos para o público (tendas, café ...). Para esta finalidad, estamos seguros, abondarían os cinco millóns gastados en destrozar toda unha couzada no Casco Vello, xustamente nun dos seus lugares con maiores valores coas súa pintoresca paisaxe urbana tradicional.
Para dar unha idea da proposta de Castrelos, pódese tomar como como referencia o Museo de Serralves no Porto, que alberga o edificio modernista, o fermosísimo edificio deseñado por Álvaro Siza, os xardíns históricos e o parque da Quinta do Mata Sete;

3. O PEPRI do Casco Vello recoñece a sobresaturación na área do barrio histórico de equipamentos para servizos xerais (como a Pinacoteca ou o Centro de fotografía previsto en Chao), afirmando que os recursos públicos deben ser utilizados na dotación de equipamentos de ámbito e funcionalidade de área local (escolas, centros cívicos e sociais...);

4. Se o Casco Vello está saturado, no Ensanche da cidade, nun radio de 500 metros da Porta do Sol, existen os seguintes espazos culturais (non contando cos existentes só no ámbito da zona histórica), con varias salas de exposicións de grande porte, con persoal, equipamento e servizos, mesmo algúns coas súa propias coleccións en exposición permanente:

- Casa das Artes e Museo Fundación Laxeiro
- Fundación Caixa Galicia
- Fundación Barrié
- Centro Cultural Caixanova
- Centro Social Caixanova
- MARCO

É inaceptable que nestas condicións, e coas limitacións de recursos públicos actual, se constrúa unha Pinacoteca na rúa Abeleira Menendez e un Centro de Fotografía na Praza de Chao. Ademais, sen existir un Plan municipal de Museos, que coa súa memoria e estudo económico-financeiro, permita tomar decisións para o futuro. Este plan, que din ter desenvolvido, pero ninguén sabe nin quen nin onde está para ser consultado, debe ser o produto dunha ampla e rigosorsa consulta nos sectores profesionais, da cultura e da sociedade viguesa e contar cun amplo consenso. Máis se aínda por riba, se pretende cambiar substancialmente unha institución como o Museo Municipal, que precisa grandes cambios, pero nun contexto de racionalidade.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

É inaceptabel que no estado actual dos museos municipais, se fagan novos edificios baleiros con fines electorais e sen que se teñan previstos contidos, gastos de mantemento, persoal, etc.

ines dixo...

Vale anónimo, estou dacordo, pero debo estar un pouco parva porque non acabo de entrar "no fondo" deste artigo de Pablo Eifonso