IX ÉPOCA

5.12.09

Continúa o ilegal vertido de entullos en Candeán

A Asociación ecoloxista ADEGA remítenos para a súa publicación, o seguinte comunicado:


"AS HUMANIZACIÓNS DO CENTRO DE VIGO
DESHUMANIZAN CANDEÁN


Vigo, novembro de 2009. A finais do pasado mes de xuño un grupo de veciños de Candeán e ADEGA, denunciaban ante o SEPRONA un inmenso verquido no lugar do Costal, preto do parque forestal do Vixiador, feito de cascallos procedentes supostamente das obras de humanización que se están a executar en Vigo.
O incríbel é que agora volve repetirse o mesmo. O pasado martes 17 de novembro a última hora da tarde foi detectado un camión do Concello de Vigo e un tráiler que transportaba unha pá escavadora que deixaban o lugar do Costal –o lugar dos verquidos de xuño- para voltar á súa base en Vigo. O día seguinte a parte máis baixa da pista do Costal presentaba un aspecto semellante ao que tiña logo dos verquidos do verán: enormes moreas de terra extraída do monte e un soterramento de máis de 500 metros cúbicos de escombro composto principalmente por bloques de asfalto e formigón. Por riba, unha fina capa de xabre intentaba disimular o enorme vertido de entullo das obras, malia que, dada a grande pendente e chuvias destes días, a escorrentía estaba levando monte abaixo.
Ante isto ADEGA denuncia que se están a facer de xeito reiterado soterramentos ilegais moi graves e daniños para o medio ambiente, e polo que semella sen autorización ningunha (Quen podería dar un permiso así?). Porén, semella evidente que alguén ten que ser o responsábel disto, e a Xunta Rectora da Comunidade de Montes e o Concello de Vigo deben dar explicacións do que insistentemente está a ocorrer. Suliñamos que isto incumpre con calquera normativa medioambiental, dos montes veciñais e da Lei de Ordenamento Urbanístico e Protección do Medio Rural de Galiza, onde non están permitidos nin sequera pequenos movementos de terra. O que non é de recibo é ocultar verquidos contaminantes e perigosos para o medio e as persoas, e menos que iso se faga a costa do monte e coa pretensión de “humanizar e poñer bonita a cidade”.
Débese insistir en que non nos atopamos diante dun verquido puntual e pequeno –o cal tamén tería a súa gravidade-, senón ante unhas operacións sistemáticas que están a danar o monte durante moitos anos, tanto na zona onde se efectúan como para as augas que logo baixo terra ou pola superficie percorren toda a parroquia. Estímase que pode ser un verquido de 2.100 toneladas de entullo, o equivalente a preto de 100 camións. Esta situación inaceptábel debe deterse, e os responsábeis deben devolver o monte á súa situación natural. O que sobra en Vigo non pode agacharse no monte de Candeán." (R)

Estes vertidos ilegais nos montes de Candeán foran tamén denunciados en Vigoblog.

Ningún comentario: