IX ÉPOCA

9.9.13

O síndrome Detroit

Pescanova tiña un cancro. O intento máis importante de superar a pesca expoliadora en augas alleas morre de enormismo e do mal da xestión familiar iluminada que enche a nosa ría de arquitectura industrial en ruinas.
Citroën, esa divinidade caprichosa, segue esixindo milleiros de sacrificios en forma de un exercito de reserva que pasa o mellor da súa vida agardando que o chamen da factoría. A cidade lé os pousos do café para saber se Balaídos será mañán como o Cabral de Álvarez.

O Fraga mostra portas e ventás pechadas afirmando a súa incapacidade. Outro dos proxectos do célebre arquitecto experto en continentes valeiros que nen os vivos nen  os mortos aprecian. Os cascallos do  "ambigú"  contaxían o mal ao auditorio de beiramar que agoniza rodeado de barcos oxidados e mulleres explotadas. A xestión privada de servizos públicos mostra a súa verdadeira cara. Como no hospital de cocción lenta que ameaza con deixar o Pirulí como unha panificadora máis.
As editoras, noutra hora industria punteira galega, contan xa os anos para ver desaparecido o seu negocio tradicional. As libreirias seguen a estela dos videoclubes que xa viven no mundo das xastrerías e dos ultramarinos.
Os xornais agárranse ás  barras dos bares  sobrevivindo a base de esquelas, cotilleos de periodistas de "negritas" e transfusións de cartos públicos cedidos por políticos privados.
Forón malos espíritus os que espantaron aos viaxeiros das estacións marítimas: da de emigrar e da do Morrazo. Residen hoxe na  de autobuses  e na terminal de Peinador,pero fan as maletas para mudarse á nova estación de alta velocidade ou de velocidade alta que xa nin se sabe. Desde o muro da estación, a grande superficie de formigón mete medo. Un proxecto recortado: será como a Praza do Rei pero con vento do norte?
Anos de cesión da xestión cultural á "obra social" dan como resultado un deserto. Isto ven demostrar que non hai "obra" boa nen sequera cando esta nacionalizada e segue mangoneada sen dar contas.  
As cifras de crecemento que parira Toba e o ben remunerado consultor Pino escapan polo colector sen depurar, directamente á ría,  sen que Europa acabe de aclararse se sube ou baixa no tema da disciplina medio ambiental.
Non hai grúas na cidade agás as que levan coches ao depósito alugado a Fernández Alvariño: un empresario de risco sempre co poder e coas subvencións.
Celebramos os apuros dun barco na Langosteira como si fora un gol dos derbis que Lendoiro fixo deaparecer e mentras, a etapa ciclista comeza en "Autoridade portuaria" por consello do mesmo xerilfalte turístico que pide a retirada dos carteis de "Alcaldía".
Paseamos polas rúas cheas de carteis donde todo se aluga ou se vende menos o ouro que se malcompra. Cada super ten o seu indixente e hai ganchos especiais para pescar no contedor do lixo. Ata nos pasos "cebra"  a raia non se pinta enteira.
Nas páxinas deste blog  hai moitas datas valeiras. Outras a penas traen un brochazo accidental ou un esgarro cabreado. 
É o síndrome de Detroit.
Mete medo.
E alguén, no fondo, frota as súas suxas máns.
Isto non pode quedar así.
   
     

3 comentarios:

Pablo Eifonso dixo...

Lorenzo, un texto que sintetiza a nosa rabia e mobiliza as nosas conciencias. Grazas

Anónimo dixo...

Más claro: agua del Lagares.

Elvira

Marcos Andión dixo...

Lorenzo, aínda que serodio, quero darte a miña máis enfervorizada noraboa por este post. "Nikelao", no fondo e na forma. Prodígate algo máis, que saímos gañando todos.