A cuestión de fondo desta impugnación é a recuperación do areal e
do sistema dunar de Samil. A existencia do paseo que percorre a
totalidade da praia sobre o espazo antes ocupado polas dunas de Samil,
impide a rexeneración natural das mesmas. Esa información, que nos anos
setenta e oitenta era ignorada polas autoridades municipais, hoxe en día
é coñecida por toda a cidadanía. Unha barreira artificial coma o paseo
de Samil (situado onde está e construído de xeito aintiecolóxico) supón a
condena da propia praia, e nun futuro máis ou menos inmediato, como ten
sucedido noutras praias de zona urbana invadidas con este tipo de
construcións, obrigaría o goberno municipal a unha reposición artificial
da area da praia con custos elevados e co fracaso a curto prazo
garantido.
Os abalos e debalos da marea arrastran o areal cara ao mar, e vano
lambendo sen posible reposición natural, como é ben sabido, pois pra que
as mareas e o vento –e mais a vexetación– fagan o seu traballo, non
pode existir ningunha barreira artificial que impida a recuperación do
ciclo dunar.
A Dirección Xeral de Sostibilidade de Costas realizou no seu día un
proxecto (cun custo aproximado dun 103.000 euros) pra levar a cabo unha
reforma da praia de Samil. A execución dese plan está estimada nuns 17
millóns de euros. No ano 2013 o plan estaba en fase de aprobación
inicial por parte do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.
O propio grupo municipal do PSOE instou ao goberno central a que
procedese á súa execución o 25 de febreiro de 2013, e esa proposta foi
respaldada no pleno municipal de Vigo por unanimidade.
Este proxecto da D.X. de Costas non supón nin moito menos unha
recuperación do sistema dunar, senón soamente que o paseo e as piscinas
se retranqueasen 25 metros. Malia ser un plan insuficiente prá
recuperación da praias, vese de feito obstaculizado pola presenza de
tres establecementos: un deles é o Jonathan.
Recentemente, o goberno municipal abriu un prazo pra o prego de
licitación do Jonathan que remataba hoxe, día 2 de xullo. O día 9 deste
mes abriranse as plicas pra coñecer as ofertas de explotación do
establecemento hostaleiro, e en caso de serlle adxudicada a alguén,
estaría concedéndose unha licencia de explotación por 30 anos.
Calquera proxecto, sexa a reforma de retranqueo do paseo actual, ou
un plan integral de recuperación da praia e do seu sistema dunar que se
queira levar a cabo nun futuro, atoparíase co obstáculo do
establecemento en cuestión (así como dos outros dous existentes:
Camaleón e Di San Remo). Quen tivese daquela a licencia de explotación,
estaría en condicións de reclamar unha indemnización millonaria.
O Jonathan incumpre a Lei de Costas de
1988, modificada no ano 2013. A disposición transitoria 4ª vén dicir
que as instalacións que ocupen unha zona de dominio público
marítimo-terrestre serán demolidas ao extinguirse a concesión. Neste
caso, a concesión (que remataba en agosto de 2016) expirou por defunción
da persoa titular e sen que fose legalmente posible a súa continuidade a
través de herdeiros.
O canon anual que pagaría quen se
fixese cargo da explotación do Jonathan é de 20.000 euros, ben pouco
beneficio se o comparamos co valor ecolóxico da zona tal como era antes
das construcións invasivas. Un dos argumentos por parte do goberno
municipal pra retomar a vía de licitación sería que se trata de servizos
necesarios nunha das praias de maior afluencia de Galicia. Pero é
evidente que tales servizos poden existir nunha liña máis retirada e que
respecte a praia trala súa eventual recuperación.
Conclusión: o goberno municipal
de Caballero (en contradición con propostas anteriores do PSOE) non
quere deixar aberta a posibilidade dunha reforma na praia de Samil e
moito menos a liberdade de xestión pra que calquera outro goberno
municipal posterior puidese acometer ese proxecto de rexeneración do
sistema dunar. Rexeneración que, de levarse a cabo, representaría unha
mellora incuestionable da praia de Samil, recobrando a forma natural que
calquera habitante da cidade con máis de 45 anos poderá lembrar como un
dos espazos costeiros privilexiados da ría de Vigo.
Caballero, que tanto fala de Vigo como
cidade europea, debería ter presente que en calquera outro país
atlántico de Europa, unha praia como a de Samil non estaría nas
condicións actuais, ou sexa, condenada ao seu progresivo deterioro e moi
lonxe de calquera xestión minimamente respectuosa e intelixente dende o
punto de vista medio-ambiental, que ao cabo tamén permitiría pór en
valor un espazo de gran atractivo turístico.
O concurso da concesión está na súa primeira fase, unha vez rematado o prazo de presentación de ofertas dos licitadores. Nestes días reunirase a Mesa de Contratación do Concello para continuar co trámite de adxudicación. Van apurar todo o posible o procedemento para que non haxa tempo a paralo.
Necesitamos facer chegar a Abel Caballero a nosa firme postura contra esta concesión que hipoteca por 30 anos a rexeneración da nosa praia. Pedímosche que participes coa túa sinatura. Só nos fatan 69 sinaturas para chegar a 500 e que Avaaz envíe ao alcalde a nosa petición. Anímate a asinar aquí!.
2 comentarios:
Benquerido Eifonso:
Podes facilitarme un enderezo de mail para que poda enviarte un documento da comisión de cambio climático do ministerio de medio ambiente no que se fala do Jonathan?
(o texto é moi longo para copialo eiquí)
O meu mail vigo@tierra.org
Unha aperta.
Antón Lois.
Grazas Antón. Mensaxe enviada!
Publicar un comentario