IX ÉPOCA

19.3.10

Os servicios públicos e os negocios.

Na prolongada loita entre os intereses colectivos e os privados hai momentos críticos. Estamos nun deles. Polo visto os negocios van mal e a lóxica do sistema leva a buscar beneficios en novas áreas. Unha vez que o estado baleira as súas arcas paras manter o consumo e algúns postos de traballo, agora vese na obriga (!) de entregar o futuro a mans privadas. Estou a falar de insfraestructuras básicas como o novo hospital de Vigo.

Se na anterior etapa privatizadora a eficiencia levou a privatizar servicios básicos como a distribución de auga ou o servizo de limpeza agora a clave está na rapidez. Din que de non facelo así o hospital tardaría en facerse moitos anos, como a cidade da Cultura poñamos por caso.

A cambio da rapidez a construcción do novo hospital vai deixar endebedada á sociedade por trinta anos pagando varias veces o custo da obra. A chantaxe política é clara: ou así ou non hai hospital. E non pasará moito tempo sen que un novo equipamento sanitario (un aparato ou un tratamento) se nos ofreza nas mesmas condicións (ou vas a Povisa ou quedas sen el). E xa sabemos que, polo momento, ninguén vai limitar o acceso á sanidade pública e que tardarán anos en implantar o copago pero, desde xa, un anaco máis das conquistas sociais será privatizado para maior beneficio de financieiros e constructores.


E o caso é que hai outras saídas: por exemplo, aumentar os impostos sobre as grandes empresas e fortunas para que se solidaricen un pouco máis nos momentos de crise, aumentar o control fiscal das transaccións internacionais ou loitar contra o fraude. E tamén podemos dar preferencia a unhs inversións fronte outras. Eu creo que tódolos cidadáns estarían dispostos a privarse de fontes cibernéticas, prazas e edificios con firma de arquitecto famoso, estudios reiterados de metros lixeiros, mesmo de teitos de cuarcita en mausoleos culturais a cambio de non deixar unha bomba de explosión retardada ós seus fillos.

Por todo isto, o xoves dia 25, paga a pena ir na manifestación pola sanidade pública.

3 comentarios:

Cunchiña dixo...

Alí estaremos, sen dúbida, dispostos a loitar contra un dos maiores erros que se poden cometer contra unha sanidade verdadeiramente pública e de calidade.

Está máis que demostrado que todas as privatizacións saen máis caras que as xestións directas, pero permiten dar de comer ben durante moitos anos aos amigotes e aos politicamente afíns.

O peor de todo isto é que todos os políticos acaban facendo o mesmo... ¿ou non fixeron algo semellante os do BNG co famoso "Consorcio de Benestar Social" ou os do PSOE en Vigo coas súas máis ou menos recentes "Brigadas de Intervención Rápida" ou as vellas privatizacións de "Emavisa" e "Emorvisa"...por poñer uns exemplos.

Anónimo dixo...

O Santi é un dos maiores privatizadores que temos. Un exemplo son as piscinas que se están a construir en Coia e Barreiro, a fan empresas privadas que van gañar moitos cartos durante moitisimos anos, como é unha concesión non hai forma de largalos. E inda pro riba o Santi vai sacar peito coa inauguración. Unha vergoña utilizan o terreo publico, o patrimonio de todos para beneficiar a uns poucos, e logo din que son de esquerdas. isto é una burla.

Anónimo dixo...

Non tiña nin idea do da piscinas... En canto ó do hospital, totalment de acordo hai que ir á mani. Pero tristemente, aínda que sexamos 300.000, que podemos facer? A máquina parece imparable. Dixéronme que só hai dúas alegacións ó proxecto. Onde están os políticos "defensores dos cidadáns"?