IX ÉPOCA

10.1.17

Canto paga Abel Caballero aos Medios de Comunicación locais?

Vigoblog vén nestes máis de 10 anos de vida, denunciando, con datos contrastables, os pagamentos que os distintos gobernos municipais fan a algúns medios de comunicación e axencias de publicidade local, mediante o uso de procedementos de dubidosa legalidade como son a reiteración e fraccionamento da contratación mediante o uso sistemático do procedemento excepcional de contrato menor ou pola vía do Convenio (que realmente agocha un contrato); ámbolos dous procedementos obvian a obriga de someter os contratos públicos a expedientes con publicidade e concorrencia.

Os datos correspondentes a 2016 que seguen, son públicos, accesibles a calquera cidadán; vantaxes da Lei de Transparencia que obriga ás administracións públicas a publicaren exhaustivamente os datos da súa actividade contractual dende decembro de 2015. Trátase dos datos que aparecen, de xeito disperso, no Portal de Transparencia (obrigatorio, insistimos) do Concello de Vigo. A redacción de Vigoblog púxose á obra para ordear aqueles datos espallados e informar das cantidades que cobran desta Administración pública, os medios de comunicación "locais" (datos referidos a decembro de 2015 e ano 2016 completo).

Cantidades percibidas en Contratos menores (non requiren publicidade nin concorrencia; teñen un máximo de gasto por contrato individual -tratándose de contratos de servizos- de 18.000 euros + IVE)

ANO 2016 (euros)

- Faro de Vigo........................................................  243.922,60
- Iniciativas Audiovisuais (Localia TV/ SER...) ... 158.466,77
- Radio Vigo (SER) ............................................... 158.662,96
- Rías Baixas Comunicación (Atlántico Diario)....  121.663,50
- La Voz de Galicia ...............................................    53.417,80
- Radio Popular ....................................................    43.841,78
- UNIPREX (A3 Media, Ondacero) .....................    30.238,88
- La Región (Atlántico Diario) .............................    17.968,50
- Europa Press .......................................................    10.626,88
- Nelly Pérez Giráldez (Revista Foro ....................    10.800,01

Intermediarios de comunicación (Axencias de Publicidade...) (cítanse as máis significativas por gasto):

- Ecovigo.................................................................. 163.458,15
- Corporación de Comunicaciones............................. 38.366,76

Pola súa significación apuntamos tamén:

- Contrato maior, por procedemento negociado sen publicidade (léase a dedo) ao Faro de Vigo en decembro de 2015 (Concepto "Gala do Deporte") por un importe de 60.000 euros
- Convenio asinado en novembro de 2014 co Faro de Vigo SAU, por un importe total de 280.000 euros.

Un par de notas:

* Os conceptos dos contratos son do máis variado. Existen, si, uns poucos miles de euros en inserción publicitaria "obrigatoria" do Concello en Medios de Comunicación locais... pero iso é o chiculate do loro. O groso do pagado é para conceptos difusos, campañas, promocións, eventos, cubrición de determinados actos da alcaldía, etc.

* Resúltanos chamativa a cantidade pagada a un medio "marxinal" como Atlántico Diario, que de ocupar os derradeiros postos no "financiamento" municipal, pasa a tomar un especial protagonismo nos gastos de 2016.

O Caso Localia/Radio Vigo

Ollando estes datos, podémonos facer unha idea de por que Abel Caballero ten un programa permanente, con el de protagonista, en Localia Vigo: "Vigo de cerca" emitido os xoves, venres, sábado e domingo. En ningún lugar aparece un contrato para esta finalidade, e non se nos ocorre  deducir, claro,  que o patrocinio deste programa de autobombo do alcalde sexa indirecto, a base de contratos menores  adxudicados a dedo para a retransmisión de determinados eventos municipais ou campañas publicitarias de radio e TV. Sumado o facturado por Iniciativas Audiovisuais e Radio Vigo, a fin de contas agrupadas na mesma empresa, resulta un total de 317.129,73 euros; unha cantidade que, se cadra,  podería explicar a paixón de Localia e Radio Vigo polo alcalde.

Os conceptos polos que se contrata mediante este sistema de contratos menores (que a propia Lei indica que deben ser excepcionais), son fundamentalmente de publicidade de eventos, pero destaca que Iniciativas Audiovisuais (Localia) contrate -sempre como "único licitador" (nunha contratación que non é pública)- a retransmisión por TV dos variados eventos fabricados polo Concello. En 2016 contratáronselle: Gala do Deporte (lembremos que esta gala tamén "tira" de contratación -60.000 euros en 2015- do Faro de Vigo), Gala Vigueses Distinguidos, Acto Galicia 2016, Acto Día da Constitución, Cabalgata 2016, Certame de Rondallas, Procesión do Cristo e unha "serie" de catro programas denominada "Vigo de cór". Ao cobro destas retransmisións (nun claro e irregular fraccionamento do obxecto do contrato en pequenos contratos menores) corresponden 119.675 euros do total facturado ao Concello de Vigo en 2016 por Iniciativas Audiovisuais/Localia.

Parece que Abel Caballero non entendeu ben as "leis" do mercado audiovisual que debería financiarse esencialmente polo interese que o público e, consecuentemente a publicidade asociada ás retransmisións, teña polo acto en si, que xustificaría a súa retransmisión. Se nos puxeramos no caso de que o Concello só quere facer un "rexistro" para arquivo destes actos, estariamos nun contrato de servizos que necesariamente, pola súa contía, tería que estar sometido ao procedemento de contrato maior, isto é: xustificación, pregos de condicións, publicación no Perfil do Contratante... en definitiva: publicidade e concorrencia de empresas que poidan prestar estes servizos. Nada disto se dá no contrato con Localia, medio que semella ter a exclusiva financiada da filmación de eventos.

Tamén quixemos facer unha aproximación ao custo dunha retransmisión deste tipo (cos medios que ten unha TV local) para avaliar un posible sobrecusto. Non temos agora a man máis cá referencia dos custos dunha retransmisión en streaming en alta calidade, dun acto de 6 horas de duración (visto en Bonillaware.com): 2.548,00 euros.


Contrasta esta cantidade co custo declarado destas retransmisións por unha TV, ao parecer,  participada  polo Concello de Vigo -se nos atemos aos 317.000 euros que entregou en 2016 o Concello ao Grupo Iniciativas Audiovisuais-: o prezo para o Concello  varía entre os 12.100 euros do Dia da Constitución (17 minutos) e os 20.500 dos 4 programas "Vigo cidade de cór". A cota habitual vén sendo de 16.320 (por exemplo, programa Día de Galicia 2016 de 42 minutos).

Xa saben, o programa de autobombo do Alcalde, sáelles a vostedes gratis, talmente. Nin un euro dos seus impostos.


Quédanos moito por contar cos datos do Portal de Transparencia, especialmente do Faro de Vigo e do Convenio de 280.000 euros asinado polo Alcalde con este Medio en novembro de 2014... pero adicarémonos a isto, e ao papel na contratación dos gobernos do PSOE da axencia de publicidade Ecovigo, máis de vagar en próximas entradas.


2 comentarios:

Gamela dixo...

De toda esta información o que máis me SORPRENDE é o silencio espeso da chamada Oposición (moi especialmente dos Tres da Marea de Vigo) que deben estar caladiños por se se enfada Abel e os deixa sen un can...

Non sería tempo de pasarlle á Fiscalía estes gastos de Propaganda e limpar dunha vez as corruptelas político-mediáticas do Concello?

Para qué carallo cambiamos tódolos televisores do país coa excusa do avance tecnolóxico da TDT se ao final non temos siquera o programa VíaV (demasiado para La Voz do PP) e en Vigo tragamos LOCALIA TV con tres pases semanais (directo e diferido) as homilías do anano dos dinosetos...?

Esta historia defera ter un final feliz...
http://gamela00.blogspot.com.es/2010/02/tdt-apagon-informativo.html

ines dixo...

A xente, mentras non afoga, pasa, e así nos vai. Se rouban e reparten un pouco, bueno, non son malos de todo. Se Abel paga para sair nos medios... bueno, pero pon dinosetos. O caso é pasar. Ao mellor os trabucados somos os que nos preocupamos por tanta falcatruada