
Da man de La Voz, chégannos hoxe as xa rancias
propostas dos gurús coa parafernalia tan manida e pouco comprendida da necesidade de "situar Vigo no mapa". Terror deberiamos sentir diante destas frases da gurulandia sen asegurarnos que sexan entendidas no
alegre contexto vigués. En seguida pensarán algúns en grandes fastos ou grandes obras monumentais e todos deberemos, outra vez, botar a man aos nosos petos para asegurar as nosas carteiras.
A cidade debe
facerse visible no mundo a partir dos seus
propios recursos, das súas oportunidades e fortalezas e non apoiándose en próteses inventadas nun momento de excitación (chámese VOR, Universiada, Menhir de Nouvel ou stands de Turismo en Moscú).
Neste sentido, cóntannos que onte mesmo, nunha conferencia na nosa cidade, o arquitecto e urbanista brasileiro de prestixio mundial,
Paulo Mendes da Rocha, para a nosa fortuna encargado do
Proxecto de Plan xeral urbanístico da
Cidade Tecnolóxica da Universidade de Vigo (
CITEXVI), propoñía que ese gran referente, esa marca, fose unha grande Universidade dos tempos da globalización, unha gran institución científica, técnica e humanística con proxección de futuro e con capacidade para traspasar, partindo del, o ámbito local e nacional. Un gran espacio construído a partir dos
centros existentes e da materialización do proxecto científico e tecnolóxico e do interesantísimo proxecto urbanístico e arquitectónico que onte expuso na sede da Fundación Caixa Galicia.
Non poido estar máis dacordo con esa suxerencia e coa súa oportunidade. Efectivamente, ¿por que ese gran referente non é a xeración, materialización, "exportación" e "localización" do Coñecemento a partir das nosas propias forzas e potencialidades, dándolles un sentido estratéxico?. ¿Por que non a Universidade de Vigo, a súa Cidade Tecnolóxica e unha auténtica Cidade do Mar punteira en Europa, sen lastres especulativos nin centros comerciais?, ¿por que non convertir o que é hoxe un proxecto estratéxico para a Universidade de Vigo -directamente vinculado ao sector productivo vigués- nunha
marca, nun proxecto estratéxico para a cidade e a súa área metropolitana?
Centrémonos nas nosas propias forzas e recursos, dándolles unha auténtica e merecida dimensión europea. Esta, penso, é a única maneira de lograr unha
marca diferencial real que non se confunda cos fogos artificiais tipo Volvo, que comezan e acaban en ningures e en nada contribúen ao desenvolvemento real da cidade. E, ao tempo, construamos tamén o contrapunto e complemento desa acción de vangarda tecnolóxica, científica e arquitectónica, poñendo en valor a propia cidade histórica, dende as premisas da cultura urbana contemporánea e non da mentalidade conservadora e vilega que insistentemente se empeñan algúns en demostrar quentándonos a cabeza coa teima de
Allariz.
Nin Jean Nouvel nin Universiadas: impulsemos, identifiquemos e situemos nun contexto estratéxico -atraendo, cuns grandes proxectos xa iniciados, os investimentos e recursos económicos externos- por unha parte, ese gran espacio para a ciencia e a tecnoloxía da Universidade de Vigo, unido ao gran proxecto arquitectónico xa en marcha nas Lagoas e, por outra, unha auténtica referencia mundial en investigación e desenvolvemento sobre o Mar na ETEA, barrio de Teis e do mundo.
A oportunidade está servida, só falta que, ademais, a vistamos como corresponde cos tempos do marketing metropolitano serio que as circunstancias do sistema mundial de cidades esixen, queridos gurús.
ActualizaciónPor certo, seguimos recomendando a lectura do documento que sobre a Cidade do Mar nas instalacións da antiga ETEA redactou a asociación Outrovigoéposible. Pódese descargar aquí.