
Díxoo
a Conselleira hoxe, e levámolo dicindo en Vigoblog dende hai meses: as
modificacións que hai que realizar no documento do PXOM, son de calado, ou sexa,
substanciais. Estamos convencidos –e aquí vai unha das
nosas xa
famosas, e polo de agora acertadas,
prediccións- de que tales modificacións non se realizarán correctamente, sinxelamente porque serían, de realizarse efectivamente, de coherencia imposible co resto do documento; obrigarían, en todo caso, a un cambio a fondo de toda a documentación e a iso non están dispostos, nin poderían tampouco
facelo en dous meses. Serían, noutra orde de cousas, imposibles porque afectarían necesariamente aos intereses dalgúns que xa contan con que se faga efectivo o
acordado.
A
nova histrionada de C.Porro/Figueroa/Toba, e do que faltaba... Santi, acusando á Xunta de Galicia de parcialidade na resolución de suspender o Plan, para logo
sacrificarse e
ceder en todo polo
ben da cidade, só persegue preparar a seguinte escenificación do drama, cando a Xunta –como é previsible- diga que as
correccións non están ou están mal feitas e, en consecuencia, non aprobe o Plan.
C.Porro/Chema/Toba Girón levan catro intensos anos (que comezaron co
acoso e derribo de Ventura Pérez Mariño) poñendo toda a carne no asador para agrupar os
intereses directos e
indirectos creados en torno ao seu particular PXOM, para provocar unha presión insoportable sobre a Consellería de Política Territorial á hora de dar a preceptiva aprobación definitiva. Calcularon mal. Confiaron demasiado na forza dos grupos de presión que os substentan e na influencia pública do voceiro local subvencionado; deixaron todo o peixe vendido, deron instruccións para que nada
importante se modificase... pero non contaron con algo evidente para moitos: a febleza xurídica e técnica e a incoherencia esencial do documento.
BNG e
PP créron xeralizable a súa infumable
soltura para dar bandazos segundo sople o vento, reos da súa ignorancia esencial e da súa volubilidade fronte ao poder real. Pero deron coa
firmeza dunha conselleira que
sabe do que fala, e que non está disposta a comprometer o seu futuro persoal e a súa credibilidade política e profesional, aprobando un documento ilegal, facendo caso omiso aos numerosos informes técnicos desfavorables do propio Concello, da Xunta de Galicia e da Administración do Estado, que se acumulan sobre a súa mesa.
Pero, ademais, no caso hipotético de que
colasen as correccións, un último paso obrigatorio, que ninguén nos quere contar, tería que darse: o documento resultante debe pasar por un
novo período de exposición pública, alegacións, resposta ás mesmas e correccións, se procede, subseguintes.
O numerito dos dous meses da Porro non só espanta á razón por extemporáneo, senon que pon de manifesto a desvergonza á que se pode chegar cando toda a filosofía política que se atesoura colle no garabanzo agochado baixo o cubilete dun trilero. O problema dos
trileros, xa se sabe, é que na avaricia de apurar o timo, non lle dea tempo a pregar a mesa e fuxir asubiando
antes de que chegue a policía.