López Chaves, está contento co seu museíño. Pode ser jeta ou ignorancia ou ámbalas dúas cousas á vez. Cháves cré que un Museo vén sendo unha sala de exposicións máis ou menos aquelada, na que se colocan pezas segundo vai coincidindo. Chaves cré que os almacéns dun Museo son un lugar onde se acumulan obxectos que, en función de ocorrencias, iranse sacando para expoñer non se sabe onde nin como. Chaves oculta, entre outras, varias cuestións básicas que son –precisamente- as que definen o que é un Museo:- Castrelos carece de director e de conservadores: ¡todo o seu persoal redúcese a un par de administrativos e a un puñado conserxes!.
- Non existe nin programa museolóxico nin proxecto museográfico (iso que Chaves chama -na súa ignorancia- nas súas declaracións ao Faro de Vigo de hoxe "cambiar o guión").
- Castrelos carece de algo tan elemental e esixible legalmente como un catálogo –que se poida chamar tal- dos seus fondos (dos expostos e almacenados).
- Os labores de conservación e restauración da colección practicamente non existen, poñendo irresponsablemente en perigo real a preservación para o futuro dos seus fondos.
- Castrelos carece dun sistema de climatización que garanta que o que alí se expón ou se garda estea nas condicións ambientais mínimas que impidan o seu deterioro.
- No Museo Municipal non funciona nin se renova a súa biblioteca e centro de documentación e tampouco desenvolve minimamente os obrigados labores de investigación.
A saliña de arqueoloxía de López-Chaves, será unha exposición simple de obxectos, pois detrais dela non hai absolutamente nada do que se considera científica e legalmente un Museo. E isto a pesar da gran actividade arqueolóxica que vén realizándose nos últimos 15 anos en Vigo –por certo, absolutamente ao marxe do que ocorre no Museo de Castrelos que se limita a “recoller” de calquera maneira os depósitos das excavacións que entregan os seus directores nas dependencias da Finca da Marquesa-. A saliña de arqueoloxía que agora nos ofrece Chaves é, realmente, menos aínda do que había alí hai moi poucos anos, xa que daquela a "sala" actual se completaba cunha sala monográfica sobre o –abandonado- Castro de Vigo e se construía outra nova sobre Vigo romano na planta alta da antiga vivenda de Ángel Ilarri.
Cando López Chaves asocia os “almacéns” do “Museo” Municipal de Castrelos cos Almacéns dun Museo (e salas de reserva), ou pon de manifesto toda a súa ignorancia ou unha caradura descomunal. Os "almacéns" de Castrelos –teñen razón os da Federación veciñal- son obxectivamente un “faiado" ao que van os obxectos que non sabemos que facer con eles; os Almacéns dun Museo de verdade son unha dependencia cun alto nivel de organización, cuns fondos perfectamente inventariados, conservada nas mellores condicións físicas e ambientais para a preservación dos fondos, accesible e aberta á investigación, administrada e xestionada por persoal especializado conforme a criterios técnicos. Consitúen en realidade salas de reserva da coleccion permanente da institución.
López Chaves ten mentalidade de aldea e considera que a Vigo abóndalle cunha pequena exposición permanente nunha soa sala cun par de obxectos por cada fase arqueolóxica. Unha expresión máis do crónico desprezo vigués pola súa historia. Oculta así -se cadra o descoñece- que os fondos relevantes existentes e os que gardan aínda para o seu estudio os arqueólogos directores das escavación -posiblemente máis dos que actualmente se almacenan- sen que ninguén llos reclame, deben dar –mantendo aínda boa parte da colección relevante en almacén- para establecer un discurso expositivo diverso, coherente, ameno e didáctico sobre a nosa historia, dende o paleolítico ata a idade media. Segundo os os expertos, a exposición que a historia de Vigo merece, enchería –canto menos- a sala actual, as salas superiores da vella vivenda e as novas salas da zona ampliada das rehabilitadas caballerizas. Esas salas que hai uns anos se construíron para ampliar a xa ateigada e fosilizada exposición permanente de arqueoloxía e que agora usa López Chaves só para saír na foto inaugural das exposicionciñas temporais que organiza, e nas que gasta os cartos que debera empregar para dotar de medios e persoal ao Museo.
A situación do Museo de Castrelos, lonxe da imaxe de propaganda que dela fai Chaves para tapar as súas condicións reais, require a intervención urxente dos órganos competentes da Xunta de Galicia -obrigada por lei á supervisión da rede galega de Museos- para garantir que o noso patrimonio moble e a investigación sobre o noso pasado non perigue, como ata agora, en mans duns perfectos e irresponsables bocazas... entretidos agora nunha cruzada por recuperar un ungüentario romano retido polas huestes de Pérez Varela (uih! perdón, de Ánxela B.)

















