
A aportación global do goberno repartirase entre os concellos en función da súa poboación, da mesma maneira que se fixo, no seu día, cos fondos europeos do Plano Operativo Local, que deu lugar ao malgasto en Vigo no proxecto e construcción do malfadado Verbum, mentres noutros lugares empregábase en operacións de rexeneración urbana de calado.
Con esta proporcionalidade, e segundo vén de informar Abel Caballero, a Vigo corresponderíanlle a nada desestimable cantidade de cincoenta millóns de euros (case oito mil millóns e medio das vellas pesetas). Unha, en principio, boa nova. Infelizmente debemos ser precavidos se atendemos ás primeiras declaracións do alcalde e do vicealcalde: rapidamente, no consabido alarde de orixinalidade e pensamento profundo, indicaron que se empregarán en "humanizacións" (?) de rúas e barrios.
Coñecendo o que significa para estes personaxes esta palabra, podemos irnos horrorizando, pois conlevará, sen dúbida, o espallamento de obras difusas, de moi discutible pavimentación, colocoación a eiro de xardineiras, floripondios e mobiliario urbano da máis variada caste e co sello do "deseño" Corina do contorno da Alameda. Novamente porase en marcha a maquinaria "creativa" desenvolvida dende a sutilmente privatizada oficina municipal de proxectos, dirixida sen máis criterio có do máis elemental practicismo por un enxeñeiro industrial de limitada cultura urbana, aupado ao maior grao de decisión no organigrama municipal e que sobrevive coa súa "eficacia" obediente dende o goberno de Pérez Castrillo. Unha humanización que consiste en colocar o mesmo caro deseño en lousas de pedra e xardineiras con independenza das características e escala do contorno urbano no que se execute, e que resposta non a unha análise rigorosa do tecido urbano e da valoración da influencia da obra na xeración de calidade urbana integral, senon a unha mera pavimentación "lucida" en función dunha suposta rendabilidade eleitoral.
A total ausencia de proxectos que solucionen problemas reais da poboación e a ausencia completa dunha cultura do desenvolvemento e da rexeneración urbana na corporación municipal, a mediocrización dos recursos humanos do Concello pola promoción de persoal co exclusivo mérito da súa adhesión inquebrantable ao sitema PSOE-BNG, poden supoñer unha perigosa perda da oportunidade de empregar estes recursos económicos extraordinarios en sentar bases para a xeración de tecido urbano que sirva realmente para a mellora da calidade de vida no futuro incerto que nos espera.
O feito de ter desmantelado, primeiro, e "pseudoprivatizado" despois, o departamento municipal de Emprego, ao asignar a ese servizo persoal co único mérito da súa afinidade a UGT, sen formación específica nin experiencia, baixo o suposto mando dun incompetente Sántos Héctor, e de situar a fábrica de xestión e de ideas nunha empresa vinculada a este sindicato (Método) (que ten o mérito de haber realizado o proxecto que fixo que Vigo perdese o financiamento de Urban III para Teis), pode supoñer o destrago sen solución de continuidade, de fondos que expresamente van destinados, principalmente, á xeración de emprego.
Lonxe de investir na desordeada "humanización" que nos prometen, os fondos deben ir destinados a obras con alto valor engadido e que incidan directamente na mellora da calidade de vida da poboación a medio prazo, cubrindo os graves déficits que en materia de cultura, medioambiente ou educación ten a nosa cidade. Deberían estes fondos atender prioritariamente a paliar os graves problemas de saneameno que aínda persisten, á mellora dos procesos de reciclaxe e eliminación de resíduos (construíndo, por exemplo, dunha vez os puntos limpos que deberan estar en funcionamento dende hai anos), á construcción de equipamentos culturais de base que, como bibliotecas ou centros de recursos de barrio (Vigo conta cunha soa biblioteca pública!!!), sirvan para elevar o baixo nivel cultural da poboación. Deberían estes fondos servir para construir unha rede de Garderías Infantís para cubrir o gravísimo déficit que destes equipamentos para nenos de ata 3 anos ten Vigo. Deberan servir para a rehabilitación de espazos históricos de referencia e de alto valor simbólico, identitario e patrimonial que como a Alameda ou o Castro de Vigo, dormen na máis absoluta desidia e abandono. Debería servir para a reforma e mellora xeral dos equipamentos deportivos de base, culturais e educativos que están baixo xestión municipal e que, en xeral non cumpren nin os mínimos esixibles nunha cidade de 300.000 habitantes.
Non deben servir en ningún caso estes fondos para satisfacer as fáciles ocorrencias e compromisos electorais do bigoberno. Resulta patético escoitar, por exemplo, a Santiago Domínguez dicir que se empregarán para a rehabilitación de rúas e espazos públicos do Casco Vello, cando non é quen nin de saber como gastar razoablemente os millonarios orzamentos do Consorcio do Casco Vello. O bialcalde non lembra que só hai uns días prometeu utilizar cantidades millonarias nun inexplicable proxecto de facer un pase "aéreo" mediante funicular polo maltratado Casco Vello.
Moito nos tememos, sen embargo, que a premura que José Luis Zapatero esixe para este gasto, collerá ao goberno de Vigo sen ideas de interese que poñer sobre a mesa, sen proxectos esbozados ou elaborados que financiar e que, na mellor tradición trapalleira da cidade, presentarán infumables obras, a tanto o metro, para poñer beirarrúas de granito en canta rúa de barrio crean que lles pode reportar beneficio nas vindeiras eleccións. Nada que se pareza nin por asomo a engraxar algún proxecto real de cidade.
Unha vez máis pagaremos moi caro, se ninguén o remedia antes e pon a funcionar un plan integrado no que gastar ben este "regalo", a asfixiante ausencia dunha cultura urbana nos nosos gobernantes, a imprevisión e descoñecemento das auténticas necesidades, a ignorancia da que fan gala os chamados axentes sociais e o baixo nivel cultural que, en xeral, amosa a poboación desta cidade.
Esperemos que finalmente, trunfe a racionalidade e se estudien e caractericen con présa, pero con rigor, os déficits (iso que xa tiña que estar feito pero que non está) e se encarguen proxectos a empresas e técnicos con capacidade abonda para ver máis aló da cultura do asfaltismo, por máis que esta se disfrace agora do sempre popularmente resultón granito rústico en lousa ou lastro no medio do feísmo urbano.