Consideración previa: o recoñecemento de que o Porto de Vigo medrou durante décadas de xeito pouco planificado e sen ter en conta á cidade, ocupando masivamente a fronte litoral urbana e substraéndollela ao difrute directo polos cidadáns. Esta consideración non é incompatible, evidentemente, co recoñecemento do papel de motor económico do porto durante ese tempo.
Criterios
1. Manter a competitividade de porto de Vigo con criterios de sostibilidade.
2. Lograr liberar o máximo de espacio portuario posible que esté actualmente ocupado por actividades industriais para a súa transformación en espacio público.
3. Enténdese como saturada ambientalmente a posibilidade de máis recheos de entidade sobre a ria (hai moi poucos anos chegouse a un consenso xeral entre partidos políticos e entidades cidadáns de rexeitar calquera novo recheo).
4. Entender como saturada comercialmente a zona central portuaria coa apertura do Centro Comercial da Laxe.
5. Toda actividade industrial actualmente en primeira liña do litoral portuario que poida estar fóra del, reinstalarase nunha nova ubicación en zonas industriais interiores.
6. Toda edificación de entidade en primeira liña litoral que supoña unha barreira á contemplación da paisaxe e da que se poida prescindir, será derribada.
7. A ría de Vigo é un recurso económico, paisaxístico, ecolóxico e natural, único, non renovable e de primeiro orde. A actuación das administracións públicas terá como obxectivo a súa preservación e garantizará a súa integridade, e, cando as circunstancias o permitan, a súa rexeneración.
Destes criterios e dalgúns máis, pódense deducir, para o porto de Vigo, algunhas accións posibles:
a. A mellora radical da xestión do espacio portuario e a máxima potenciación do porto seco e de parques industriais comunicados no interior.
b. A optimización das liñas de atraque pasan necesariamente pola transformación (aquí faría falta un mínimo recheo) da escolleira do gran recheo do Berbés (750 metros lineais) en liña de atraque. Isto evita a construcción dun novo espigón e unha nova dársena fronte a Montero Ríos.
c. A nave de Cableiros (situada no muelle de trasatlánticos) actualmente coa concesión caducada, debe ser derribada para liberar para uso cidadán un espacio fundamental pola súa centralidade. O mesmo deberá facerse –mediante a adecuada negociación dos dereitos adquiridos polo concesionario- con Casa Pepe.
d. O recheo do Berbés (que ten menos de 15 anos de antigüidade) é unha aberración dentro da fachada litoral central da cidade. O traslado das industrias alí existentes (frigoríficos e viveiros) é posible e necesario. A zona de Beiramar (obxecto dunha operación inmobiliaria especulativa no PXOM) debería conservar o seu carácter industrial: toda a superficie industrial nova que actualmente ocupa o recheo do Berbés, ten cabida só na superficie que actualmente ocupa Casa MAR e Cordelerías. O recheo do Berbés pola súa centralidade é o lugar básico de oportunidade para liberar espacio para usos cidadáns en primeira liña litoral e para o seu uso como peirao de cruceiros. É ademais, facilmente comunicable co actual peirao de trasatlánticos (menos de 50 metros) mediante unha ponte practicable .
e. A ampliación do porto deportivo, pódese facer coa utilización das dársenas da Laxe e -a medio prazo- de parte da do Berbés, habida conta da diminución previsible ou reconversión da actividade pesqueira. Calquera outra ampliación deberíase facer gañándolle espacio á terra -en lugares de recheo antigo- e non ao mar (zona da actual piscina do Náutico e travelift, muelle de comercio). Esta alternativa é tecnicamente viable, rexeneradora e, lonxe de impactar sobre a ría, suporía un maior achegamento da cidade ao mar.
f. A rehabilitación integral do Barrio mariñeiro do Berbés e a súa transformación en residencial e comercial vinculada co mar (restauración, recordos, artesanía...) debería obviar a ocupación masiva por instalacións hosteleiras doutros espacios portuarios liberados. Debería deseñarse o "cosido" desta zona unha vez rehabilitada, coa nova área central litoral do peirao de trasatlánticos e dársena da Laxe, a través da zona portuaria de Cánovas del Castillo (que xa no proxecto de Caballero se contempla como de uso mixto) e coa nova área de uso público que se faría nun recheo do Berbés liberado de usos industriais.
g. O traslado da piscina do Náutico debera facerse –mediante convenio con esta entidade- fóra do recinto portuario, completando o financiamento comprometido do Consorcio de Zona Franca (3 millóns de euros máis actualización) con aportacións doutras administracións para a construcción dunha piscina olímpica. O espacio liberado da ubicación actual e o da prevista inicialmente (zona travelift), poderá utilizarse como espacio público ou mesmo, mediante a deconstrucción desa zona de recheo, para ampliación “cara a terra” da lámina de auga para uso náutico-deportivo ou mesmo -unha vez saneada a zona- como zona de baño no mar.



