IX ÉPOCA

19.9.10

O BNG e o galego: unha fechiña de Red Bull


Non sabemos canto pagaría o Concello de Vigo (Tenencia de Alcaldía-BNG) por traer a Vigo esta campaña publicitaria de Red Bull, nin queremos entrar agora no seu interese e oportunidade nunha cidade en crise, que ve recortados os seus gastos culturais. 
Traemos hoxe a colación o cartel deste evento, no que o idioma galego está completamente ausente. Nin unha soa palabra neste idioma, nin na papelería publicitaria, nin nas palabras da megafonía, pronunciadas en perfecto castelán diante dos moitos centos de vigueses que tentaban contemplar unhas carrilanas que, ditos sexa de paso e salvando as excepcións de rigor, carecían do mínimo interese mecánico ou creativo. 
Claro que debemos ter en conta que con este grande acontecimiento, Vigo sitúase no mapa e pode mesmo desbancar a primacía que nesta materia ten o Gran Prix de Carrilanas de Esteiro, que, aínda que vén sendo o mesmo, carece do glamour que dá unha multinacional. E ademais, non esquezamos, Esteiro está na Coruña.
A defensa e promoción do noso idioma suponse que é unha das prioridades culturais do grupo municipal do BNG, ata tal punto que foi unha das principais excusas utilizadas por este partido na campaña de acoso e derribo do, por poucos meses, alcalde Ventura Pérez Mariño, ao que acusaron vehementemente de non utilizar abondo o galego na súa actuación pública. 
E é que non é o mesmo predicar que dar trigo.

Pero polo que se ve, tal defensa e promoción é mera retórica: incumprindo ademais as normas en materia de normalización lingüística do Concello de Vigo, que están máis que ninguén obrigados a respectar, a Tenencia de Alcaldía patrocina a celebración dos "Autos locos" e non esixe que a publicidade vaia, nin tan sequera, en bilingüe.
Seráche, se cadra, que Santi Domínguez ten unha especial querencia pola bebida do Touro Vermello e todo llo perdoa: tamén utilizou esta brebaxe para promocionarse durante a campaña eleitoral encargada á empresa amiga Anónimo publicidad; unha empresa ben recompensada despois a base de millonarias contratacións a dedo da publicidade institucional do bi-goberno vigués do BNG nos últimos anos.

2 comentarios:

xabier viana dixo...

O que resulta realmente imperdoable é que ¡2 forzas progresistas 2! esqueceran que esta mesma semana estaba de promoción no supermercado das ideas "A semana europea da mobilidade".
Boa ocasión para asociar un EVENTO COMERCIAL a unha ACTITUDE CIVICA responsable. Mobilidade sen contaminación é o que precisamos: no rotondas máxicas.
Pero polo que se ve a cabeza dos responsables non deu para pensar dúas cousas á vez.
(igual estaban bébedos de tanta promoción enerxética)

L. Pardavila dixo...

En todo caso hai que se felicitar pola moderación amosada pola Mesa de normalización e o seu representante o Sr. Callón, que neste caso non fixo nengunha declaración condenatoria