
Algúns xa temiamos que o reparto non era só de competencias e funcións. Nin tan sequera era o reparto da tarta das concellarías e presupostos. O BNG cré que para que unha auténtica
visualización exista, os
dous gobernos teñen que ter, ademais,
territorio propio. Non, no falamos en termos simbólicos, senon reais. O de
pedirse “Barrios históricos” gardaba (claro!) un as na manga. ¿Alguén pensaba que se trataba dunha oficina da Xerencia de Urbanismo, que tramita, basicamente, informes sobre licencias de obras nos Cascos Vellos de Vigo e Bouzas e é a referencia técnica na tramitación dos plans especiais de protección destes dous barrios e do Plan Especial de Edificios a Conservar?. ¿Pensaban que se trataba de xestionar e impulsar os aspectos formais e de protección do patrimonio cultural vinculados co planeamento, e de aproveitar as sinerxias que se producirían coa coincidencia política entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (actual principal inversor público na área do Casco Vello de Vigo) e o Goberno B vigués?. Pois non.
Trala denominación de “históricos” hai, sobre todo, instrumentos de planeamento, e estes refírense a un espacio urbano que abrangue unha área moito maior có casco vello de Vigo e Bouzas. E nada hai máis desexable para
visualizarse, que o territorio do Plan Especial do Ensanche-Cidade Central de Vigo, o as na manga de Santi. Este Plan, que viría a substituír ao fatídico Plan Especial de Edificios a ¿Conservar? (PEEC), foi iniciado cun acordo da Xerencia de Urbanismo de novembro de 2002, e contratado (cómo non!) a Consultora Galega en ¡agosto de 2005!, cun prazo de entrega de 14 meses. Un encargo que xa ten superado tódolos prazos contratados sen que se entregase documento ningún, nin se sancione, consecuentemente, á empresa
amiga, redactora tamén do
malogrado PXOM vigués.
Pois ben, ese Plan contempla –pensamos que con bo criterio- un ámbito de planeamento que abrangue a área
histórica-central contínua da cidade, en sentido extenso:
groso modo os barrios “tradicionais” de Casablanca, Areal, Progreso, Príncipe, Urzaiz e rúas aledañas, Policarpo Sanz e trama urbana do antigo Ensanche (Carral-Colón e Policarpo Sanz-Alameda-Montero Ríos). Todo un territorio: onte, das flores de C. Porro, hoxe, da fantasía
humanizadora alaricana dun "bi-reinato"
comme il faut de Santiago Domínguez.
Quere o BNG encher de contido as competencias pactadas en algo que non existe nin organizativa nin orzamentariamente no Concello de Vigo, e só o poden imaxinar reivindicando nada menos que unha xestión territorial, forzando así a racionalidade, a lóxica e, mesmo, a “proporcionalidade” das urnas. Un pequeno pero sabroso Concello autónomo. Pero como iso soa moi forte, á vista do suposto éxito da rubia coas súas flores, conformaríase
só con planeamento urbanístico do
seu territorio, e servizos xerais (vías e obras, parques e xardíns, limpeza...). Non falan de xestionar o tráfico, a educación, a promoción económica ou o persoal correspondente ás hectáreas do pequeno reino central, non: tratan de colarse, ao mellor estilo trileiro, pedindo
modestas competencias territoriais: un territorio “autónomo” cheo de flores.
Se cadra, para Santi e o BNG, ese era o sentido do termo “autonomía” recollido como principio fundacional do pacto. Mira ti por onde os do PSOE entendérono mal, como
daquela co tema do xerente de urbanismo ou de
Finca do Conde.
Como se dun pesadelo se tratase, vóltase de novo, correxida e aumentada, á vella equivocación salomónica que no ano 2001 dividíu Urbanismo en dúas:
Planeamento para a desaparecida Esquerda Galega (Xesús Costas) e
Xestión Urbanística para o PSOE (Dolores Villarino). Daquel parto naceu o Plan Xeral do 93 e o trunfo de Manuel Pérez (PP) por maioría absoluta na seguinte lexislatura.
O BNG
ofrece paz por territorios. Mágoa para eles que o espazo urbano só nos pertenza aos cidadáns que só recoñecemos como ocupación histórica do noso territorio vital, a do oportunismo político, a irracionalidade e a ineficacia. E que sabemos castigar cos nosos votos aos que antepoñen os seus cativos intereses partidistas aos dunha cidade razoablemente xestionada cun só goberno de coalición, como corresponde aos resultados electorais.
Esperemos que, finalmente,
reine soamente a cordura.