IX ÉPOCA

7.11.05

¿Para cando a política?

Non, non me tomen por un papón atontado. Xa sei que a política non para. Xa sei que Toba, Figueroa, Barros, Corina e Porteiro traballan tódolos dias. Incluso podo supoñer que teñen plans. Pero o certo é que a política para os cidadáns de Vigo ven rebaixando o seu nivel dia a dia. ¿Lembran as apaixonantes declaracións de Barros sobre a necesaria e inminente moción de censura? ¿Recordan o "envite" e Toba sobre o mesmo tema? Pois ben desde aquela o silencio é total e os cidadáns non recibimos explicacións nin de un nin do outro. ¿Para quen falan cando falan? Ou existe un pacto de silencio para non escachar a festa marítima de Corina e Santiago Domínguez ou os noso políticos aproveitan a escea para enviarse recados cripticos entre eles mentras os cidadáns asistimos ó espectáculo con dereito a aplauso ou bronca cada catro anos. Pero, entrementras, os veciños de Cabral saen a rúa dia si dia non, o Sr. López Peña di que non tería pagado nunca tantos cartos polo ETEA, a depuradora segue cheirando e o PXOM incumpre prazos ante a complacencia dos ediles.
Botamos en falta discusións e debates, contrastes de modelos e alternativas. Botamos en falta sentirmonos representados. Asi que , con este panorama, vai ser certo que a próxima corporación municipal vai estar en mans dun partido "bisagra". Hai varias opcións rondando.
Unha delas sería poñer en marcha unha reedición de "SI TEIS" (que ben podería chamarse RONDA NON) coa que Manuel Pérez conseguiu a maioría. A outro opción, comprobado o desgaste do eterno "bisagrista" Soto, pasaría por construir un partido volatil, estilo Maite Fernández, que coa financiación habitual dos amigos constructores e empresarios, poidera decidir a maioría.
Hai unha última opción que non quereríamos ver, pero que pode xurdir vista a mediterranización da nosa política urbanística: un populismo tipo Gil y Gil que ocupando o gran oco que deixou o bon de Leri, recollese tanta frustración como están provocando os nosos políticos.
O malo é que agora PSOE e BNG pretenderán arranxar o asunto falando desde o púlpito da Xunta. Mesmo é posible que continuen coa vella política do PP de descolgar cargos de Santiago para fornecer as súas candidaturas. ¿Será asi o cambio en Vigo?

Ningún comentario: