IX ÉPOCA

21.7.12

Abel Caballero ¿defende aos funcionarios?: sobre a manifestación do 19-X en Vigo

O capital financeiro, cos seus intérpretes da política ultraliberal, teñen decidido acabar coa administración pública española, arrasar cos servizos públicos de contido social, e tirar rendemento, mediante a privatización, daqueles dos que se poida detraer, para mans privadas, un beneficio económico, expoliando as arcas públicas. Poucos rendables quedan xa por privatizar, pois os partidos políticos gobernantes (en tódolos niveis das Administracións) no Estado español, nestes últimos 30 anos, adicáronse a poñer en mans das grandes empresas especializadas no saqueo dos bens públicos (sexa FCC, CESPA, Repsol, Endesa...), aqueles servizos e infraestructuras básicas das que depende o benestar da poboación: abastecemento e saneamento de augas, xestión de residuos sólidos, redes de transportes, viarias e de enerxía, mantemento dos espazos públicos..., primeiro; Educación, Sanidade e Servizos sociais, tamén no punto de mira agora.

Aquelas prestacións que sexan susceptibles de produciren rendementos económicos, foron e serán privatizadas e exprimidas ao tempo que, para xustificalo, se degradan os servizos a cargo de persoal estatutario. As formas de entregar este enorme patrimonio van, dende a venda descarada a prezo de saldo das empresas públicas, ata as ocultas tras as grandes concesións administrativas de servizos básicos.

Aqueles outros encamiñados á dignificación das persoas e apoio aos máis desfavorecidos, sen capacidade de xerar grandes beneficios particulares, serán, sinxelamente, explotadas polos mesmos,  en forma de xestión directa con contratos de servizos coa administración, no mellor dos casos, ou amortizadas, sen máis, para utilizar o aforro en pagar débeda.

É neste contexto onde penso que hai que situar a demonización da función pública, a desaparición de miles de postos de traballo na Administración (pola vía de deixar a 0 a taxa de reposición de efectivos, antes, cos EREs e despidos que virán agora) e o atraco brutal ás retribucións dos empregados públicos. Medidas todas elas que, máis alá da expresa intención de recortar o gasto público (máis?) e aminorar o déficit, van encamiñadas, especialmente, ao debilitamento extremo das Administracións públicas, mediante a desmoralización e precarización dos seus empregados e a degradación da calidade dos servizos para a comunidade, o que construirá, finalmente, a coartada para a súa desaparición ou entrega a unha eficiente iniciativa privada.

O plan ultraliberal de bonsaización do Estado, de eliminación de toda cortapisa xurídica á actuación dos mercados e de toda posibilidade de planificación por parte dos gobernos democráticos (desaparecidos de feito ao transformárense en descarados intermediarios oportunistas do capital), está, agora, máis cá nunca, en marcha, achuchados os mercados pola necesidade de acelerar o brutal traspaso das rendas do traballo ás do capital, provocada pola avaricia e os desfalcos do seu sector  financeiro, borracho de poder coa claudicación dunha resistencia firme organizada por parte da poboación.
O papel dos partidos gobernantes na degradación da Administración Pública
Dito isto, un non pode obviar o papel que xogaron e xogan os partidos que gobernaron e gobernan nos distintos niveis da administración estatal, autonómica, provincial e municipal, no debilitamento e degradación da administración pública. A chegada ao poder dunha caste de oportunistas especializados na parasitación do Estado, ocupados só de satisfacer intereses corporativos (no mellor (?) dos casos), ou descaradamente particulares, teñen convertido a unha parte significativa do noso aparato de dirección e xestión público, nunha instancia privilexiada para a corrupción e o nepotismo.

Alleos, ou directamente de costas aos intereses xerais, e mesmo aos seus propios posicionamentos políticos (a dereita ou a esquerda liberal -¿houbo outra con poder institucional nos últimos 20 anos?-), fixeron unha constante do malgasto, dos bancos de favores, do desprezo polo principio de legalidade, da ignorancia interesada dos principios de mérito e capacidade no acceso á función pública. Case sen excepcións, empeñáronse na creación dunha administración paralela, na que se accede sen máis capacidade nin mérito que a proximidade política (cada vez menos) familiar ou persoal (cada vez máis). Miles de asesores sen máis capacitación cá da sumisión ao cacique do partido de turno, multitude de novos contratados laborais sen que mediara unha oposición coas mínimas garantías de obxectividade acabaron engordando servizos innecesarios en detrimento da dotación profesionalizada daqueles que realmente si son importantes.

Nesa práctica, deixaron na cuneta, necesariamente, a miles de funcionarios profesionais que, conscientes do mandato estatutario e constitucional de independencia, non se prestaban debidamente, en defensa obrigada dos intereses xerais, ás esixencias dos intereses particulares e cortopracistas dos oportunistas situados nos distintos niveis da decisión política. Púxose no seu lugar a aqueles máis dóciles ou aos estómagos agradecidos dispostos (por activa ou por pasiva) a renunciar ao mandato de "eficacia indiferente" dos cidadáns, ou, sen complexos, a asesores nomeados a dedo.

A práctica da “libre designación” avanzou ata chegar aos niveis de xefes de sección ou servizo, xa non contentos conque os postos de alta dirección fosen só para os amigos ou os socios. Acabaron coa carreira profesional dos funcionarios e inauguraron a carreira cutre dos especialistas no lambeculismo cos de arriba e despotismo cos de abaixo.

Que facía Abel Caballero encabezando a manifestación en Vigo?
Vén isto a conto do fondo desprezo que nos produce ver defendendo aos funcionarios, na cabeza da manifestación de antronte en Vigo a personaxes como Abel Caballero, alcalde de Vigo que:

Na súa etapa como presidente da Autoridade portuaria contratou sistematicamente a afiliados ou familiares do seu partido, o PSOE. Almas agradecidas que logo votarán nas asembleas locais como ordene o benefactor.

Como alcalde de Vigo, contrata sen praza nin proceso selectivo nin función coñecida ningunha, a unha cohorte de case dunha vintena de supostos asesores, vinculados directa ou familiarmente co PSOE vigués, que se encargan de facer sombra á debilitada estructura profesional dese Concello;

Como é máis que sabido polos que traballan na Casa consistorial viguesa, despreza, no fondo e na forma, aos funcionarios (relevados na toma de decisións pola cohorte de achegados asesores),  substitúe nos seus postos a aqueles que non se pregan aos seus mandatos arbitrarios, degradando á administración municipal ao desprezar os principios de mérito e capacidade; contrata asistencias técnicas ou servizos aos amigos, unta á prensa local e contrata aos poucos cantidades millonarias á súa empresa de publicidade amiga, Ecovigo...

Mima ás concesionarias de servizos públicos, que se enriquecen a costa dos nosos impostos, en lugar de controlalas (¿quen controla a quen?), e prorroga escandalosamente -proporcionando uns inormes beneficios ás mesmas- ás concesións do servizo de abastecemento e saneamento da auga  (Aqualia-FCC) (o que lle costou o posto ao interventor municipal, por informar da necesidade dun control financeiro previo desa empresa) ou do Auditorio/Pazo de Congresos (UTE Caixanova e Sacyr) e, axiña, farao co leonino contrato que mantén aferollado o transporte público dende hai décadas VITRASA.

Como xa facía na súa etapa como presidente da Autoridade portuaria de Vigo, utiliza os plans de emprego financiados pola Xunta, como instrumento do banco de favores, contratando a persoas próximas politica ou familiarmente ao PSOE, ou ás burocracias sindicais enquistadas na Praza do Rei. Para o éxito de tal cometido, paga, por poñer só un exemplo, dous soldos de xefaturas de servizo a un coñecido militante da UXT local (e ex-presidente do comité de persoal municipal), que por todo mérito coñecido -ademais do de carecer de carreira universitaria superior-, ten o de haber comezado a súa carreira profesional nos grupos máis baixos, para acabar, sen oposicións que podan chamarse tal, no cumio do escalafón directivo e retributivo municipal.

Que facía Abel Caballero antronte encabezando a manifestación dos funcionarios vigueses?: desprestixialos.

3 comentarios:

Galopin dixo...

No olvidemos jamás que esta loca carrera de privatizaciones municipales la inició el inefable "compañeiro" Manoel Soto con las Koplowitz sisters. Y ya puestos, los demás siguieron la senda. Quizá fuese Manolo Pérez "panaderito de Cabral" -la memoria no me ayuda-, el único que se libró, aunque también es verdad que para lo que hizo... Aunque estuvo a punto liarla con aquella famosa "Colina Encantada" uufff...
¡Joder, que tropa!

Lo dixo...

Abel Caballero contratará una veintena de asesores, pero ninguno parece sabe lo que hace. Sigue con su tala sistemática de árboles, para deshumanizar la ciudad y nadie dice nada, ni periódicos, ni autoridades, ni blogs, nadie. No se que hace Abel Caballero con la gente en Vigo, pero los tiene atontados.
Una pena que mientras tanto nuestras calles se queden sin árboles, eso sí, tenemos miles de colillas para substituirlos.
Una vergüenza...

Lo dixo...

Quién suela pasar por Enrique Lorenzo comprobará, cuando aqualia termine con sus obras (dentro de igual 100 años)y abran de nuevo la calle, que los árboles han desaparecido. Nuestro alcalde actuando siempre a espaldas de los ciudadanos.