IX ÉPOCA

5.3.17

Queremos o Vigo fermoso orixinal; non a réplica

É humillante para Vigo isto de poñernos unha réplica. Por que non devolven, como corresponde por ser o seu lugar de orixe, o orixinal do tímpano románico da antiga igrexa de Santa María para que se exhiba no Museo municipal de Castrelos, xunta co resto da colección arqueolóxica? Por que Vigo ten que conformarse cunha copia de algo que pertence á historia propia?. Por que a orgullosa viguesa Carmela Silva, presidenta da Deputación e o orgulloso pontareano-vigués Abel Caballero non deciden, agora que poden, darnos aos vigueses o orixinal que está no Museo de Pontevedra en lugar de darnos só o enganoso premio de consolación dunha copia?

Porque esa é a súa concepción da política: dá igoal a importancia real do que se faga. O importante é envolvelo convenientemente para enganar á poboación con artefactos que parezan  auténticos pero que son mera taxidermia.

É como o da "cidade fermosa": unha cara montaxe artificial que agocha o abandono da real.

Sí. Vivimos nunha cidade fermosa: a auténtica. A das casas primorosamente labradas en pedra, a das xentes que constrúen co seu traballo cada día a vida, a da praia de Samil á que este goberno négalle librar a súa belleza do muro e paseo da vergonza, a do abandoado rueiro do Casco Vello en perigo de transformarse en parque temático... a cidade que ten un eterno e precioso litoral inaccesible para os paseantes.... a cidade da vella resistente oliveira, replicada ata a saciedade por caras centenarias árbores, arrincadas da súa paisaxe orixinaria aos seus auténticos pobos olivareiros, mercadas aos amigos e horrorosamente mutiladas en bonsai...
É fermosa polas fachadas pétreas que enorgulleceron décadas aos vigueses polo coidado labrado dos seus canteiros e mestres de obra; si, esas que cada dia se deterioran máis ou son gravemente alteradas por engadidos ou chiringos terraceros montados nos seus nobles baixos. Non, non é fermosa por gastar centos de miles de euros na cosmética falsa da decoración de medianeiras

É esa cidade, realmente fermosa, que nos agocha a soberbia trileira e ridícula de Abel e dos seus palmeiros, mentres nos persuaden, con millonarias subvencións ao Faro de Vigo e á SER, que a fermosura é o que eles fabrican para disfrazala e non a súa allada e abandoada pel auténtica.

Esta cidade é fermosa polo auténtico, non polas próteses, as macetas, as floreciñas de tempada, arboriños, maciciños, dinosetos, trampantoxos e mentirosas réplicas variadas de @abelcaballero (non incluímos aquí a responsabilidade do resto do "goberno" municipal, porque eses e esas concellais e concellalas renunciaron hai tempo á súa personalidade para convertírense en malas réplicas, afectadas dun extrano e aterrorizado, aínda que nutriente, síndrome de Estocolmo)

Si. Queremos este Vigo fermoso: o orixinal. Comecemos por reivindicar a belleza da epifanía do tímpano pétreo da igrexa románico-gótica de Santa María de Vigo: a de verdade.
Unha "epifanía" que rescate das mans esquineras de Abel Caballero a nosa auténtica identidade e o noso futuro.



2 comentarios:

Voz en off dixo...

Non ten moito xeito, a verdá!

Vigoblog dixo...

Temos que recuperar a beleza de Vigo secuestrada...