IX ÉPOCA

10.6.14

Gatos

Tamén unha cidade mídese, como o propio ser humano, polo respecto que ten á natureza e aos animais  que tradicionalmente temos aceptado que nos acompañen no espazo urbano.
O caso da situación da poboación gatuna é todo un síntoma da incompetencia, falta de sensibilidade e mala práctica do goberno municipal vigués.
Azuzados por veciños incapaces de comprender que estes animais non teñen por que ser unha molestia senon, ben ao contrario, un valor urbano; en ausencia dunha política e programa explícito para a xestión das colonias urbanas de felinos existentes na cidade, Chus Lago, despois de moitas presións, accedera a poñer en mans dunha asociación sen ánimo de lucro, Proxecto Gato, a responsabilidade global da ordeación deste aspecto mediambiental. Para isto, fixo asinar un cutre-convenio a esta asociación coa Protectora de animais, para a castración e recollida de gatos urbanos.
As consecuencias non foron as desexables: a desaparición de colonias de gatos existentes e a acumulación insostible de animais nun recinto inapropiado que xestionaba, cun encomiable, pero insostible voluntarismo, as responsables do Proxecto Gato. A Asociación, desafuizada - tras manter un prolongado enfrontamento coa concellala- do espazo conveniado co Concello, sobrevive hoxe cos seus propios medios e as aportacións voluntarias, realizando un importante labor de  recollida e adopción.
En ausencia dunha política municipal, as cousas hoxe seguen sen atopar un camiño racional: na rúa, unha caza de gatos, repartida entre a protectora de animais (que volveu a coller as riendas desta actividade e está a recoller sistemáticamente animais das súas colonias urbanas) e as voluntarias do Proxecto Gato, no seu novo refuxio, rodeadas de ducias de animais buscando adopción.

Sen entrar en fonduras sobre quen ten a razón na  disputa que manteñen  Protectora e Proxecto Gato, coa admiración e respecto que me producen as persoas que se desviven por salvar e coidar dos nosos animais, é obvio que as cousas se están facendo mal. E nestes casos, só hai un responsable: a administración pública que ten a competencia nesta materia, o Concello de Vigo e, en concreto, a concellería de Medio Ambiente, liderada por unha persoa cuxa incompetencia se ten manifestado demasiadas veces: a alpinista Chus Lago.
Non existe un criterio municipal sobre cal debe ser o papel e como deben ser xestionados os animais en liberdade no espazo urbano. Nunha concepción obscura e medieval, respóstase dende o Concello con accións sanitarias --eliminación de pragas-- ao que debería respostarse con políticas de control e xestión en positivo. As arbitrarias e deslabazadas accións actuais, tanto por parte da protectora de animais como do proxecto gato, só convirten aos felinos ou ben en inquilinos eternos da "perrera", ou ben en mascotas.
Os gatos poden convivir perfectamente en liberdade no noso entorno: axeitadamente administradas as súas colonias, controlada a súa natalidade, vixilada e limitada a súa expansión a zonas perfectamente identificadas, acreditadas as persoas autorizadas a darlles alimento e a supervisar os grupos... non só deixan de ser un problema, senon que pasan a formar parte da paisaxe e da vida urbana, eliminando roedores e, sobre todo, facéndonos disfrutar do privilexio e o pracer de contemplar no noso contorno, a beleza de animais salvaxes que poden convivir perfectamente cos seres humanos.

Ningún comentario: