Era outubro de 2005: Vigoblog facía a súa primeira entrada sobre as primeiros pasos do que logo se chamará Auditorio e Pazo de Congresos Mar de Vigo. Logo fixemos moitas máis: analizamos o proxecto, propuxemos alternativas, describimos e denunciamos o escuro proceso de concesión e os incumprimentos sistemáticos das condicións recollidas nos pregos, laiámonos da cativa programación... moitas liñas escritas e sentimos, de verdade, que o tempo nos dese a razón en todo o comentado. A realidade, de feito, superou con creces as nosas piores previsións e hoxe, a mole de Beiramar é un custosísimo morto no medio da nada.
Unha nada aínda maior, pois nestes nove anos, ao abeiro da crise económica, da tremenda xestión do empresariado vigués e das destructivas medidas contidas para a zona no PXOM, vimos desaparecer primeiro o edificio de Casa Mar -primeira víctima do despropósito-, despois Cordelerías, Frigoríficos del Berbés, Pescanova, Frigodis... inormes edificios industriales, na súa maior parte de interese patrimonial, hoxe patrimonio das ratas.
Hoxe, o edificio de César Portela, que debía ser público e é completamente privado no seu uso e xestión, é unha concesión deficitaria á UTE SACYR-Caixanova (?- Gupo Puentes. Unha concesión que costou moitos millóns de euros aos vigueses na merca e compensacións á propiedade (finalmente aos sindicatos), no proceso de concesión, ao incumprírense os termos do prego de condicións repetidamente, e mesmo antonte, ao aportar novamente o Concello 5 millóns de euros de compensación e ampliar a xa esmorecente concesión. Unha concesión que o Concello de Vigo se verá na obriga de volver a equilibrar con aportacións millonarias, tendo en conta que todas as previsións de explotación da parte comercial son un absoluto fracaso e que a actividade do Auditorio-Pazo de Congresos é ridícula. Todos, agás a parte privada -blindada polo contrato de concesión- saimos e sairemos perdendo.
Un Auditorio e Pazo de Congresos que supón e suporá unha carga que nos vai semellar eterna aos cidadáns sen que, a cambio, podamos disfrutar dos seus servizos e das súas actividades (o Concello, por toda compensación, ten dereito ao uso gratuito do Auditorio 30 días ao ano). Por non extendernos máis, remitímonos tamén á lectura das clarificadoras entradas que sobre este tema publica no seu blog o ex-alcalde de Vigo Carlos Príncipe, coñecedor de primeira man de todo o proceso e que decidíu non ter pelos na lingoa ao falar e declarar sobre este tema.
Agora o alcalde pretende realugar os espazos privados instalando alí, con pagamento con cargo ao presuposto municipal correspondente ao prezo do mercado, claro, equipamentos e actividades públicas. Pagaremos por enésima vez polo mesmo, nunha operación que consideramos, polo menos, irregular.
Hoxe, coma se pasasemos casualmente por alí, voltamos a visitar a web do Auditorio. Para convencernos de que, a pesar de todo, polo menos, unha programación de interese e un uso congresual podería compensar o noso desacougo. Pois non: entre xuño e outubro de 2014, oito espectáculos, na súa maior parte de moi discutible calidade cultural, e ningún congreso.
O que comezou con Bob Esponja, continúa na mesma liña, con tendencia descendente. Aínda lembramos as primeiras discusións sobre as grandes óperas que virían e sobre se se poderían realizar sen foxo nin cuncha acústica!
Difícil solución ten este inorme embrollo no que nos meteron Corina Porro e Abel Caballero. As oportunidades de facer un equipamento público de calidade, situado nun contorno razoable e que servise como elemento impulsor da cultura e o turismo en Vigo, perdéronse o mesmo día no que os que estaban obrigados á defensa do público, puxeron por diante dos intereses xerais, os intereses privados de Caixanova e SACYR. Unha vergonzosa e ruinosa operación (para o pobo de Vigo, non para eles) que requeríu dunha hábil imaxinación contable de oportunos informes externos e de coxunturais firmones internos.
Que pecado cometeriamos os vigueses para merecer isto!... se cadra, o noso maior pecado foi a indiferencia e un esgotado viguismo que como unha cortina de fume para agochar interes particulares amparados na suposta defensa inmanente dun Vigo que non existe, leva décadas prexudicando gravemente á nosa cidade, e que hoxe volve a ter, como renovado adalid á procura de votos inxenuos, a Abel Caballero.
Deus nos colla confesados...
Está morrendo o rural galego? "Unha formación adaptada ás necesidades e
potencialidades do territorio marcará o futuro do rural"
-
Luis García, director da Federación EFA Galicia, defende que "o rural é
unha fonte de oportunidades para os mozos no presente e no futuro", pero,
para iso,...