IX ÉPOCA

19.10.05

Carta aberta de Outrovigoéposible

A asociación Outrovigoéposible remítenos, con rogo de publicación en Vigoblog, a seguinte carta aberta ó Presidente da Xunta de Galicia:

OUTROVIGOÉPOSIBLE, organización de participación cidadá, que naceu na defensa de Vigo -e a súa área de influencia- en progreso harmónico e sostible, considérase na obriga de dirixirlle con todo afecto o seguinte escrito.
Pensamos, en primeiro lugar, para entender no seu adecuado contexto o que segue, que unha boa e moderna xestión política non debe executarse dende localismos recalcitrantes, nin implorando dádivas, nin sequera partindo dun estado providente e subvencionador, senón sempre dende a vertebración solidaria e a planificación baseada na xusta redistribución dos recursos públicos. Nos fundamentos de feito hai un dato incuestionable: Vigo é o motor económico de Galicia, pero non se aposta historicamente por nós pola banda das Administracións Autonómica e do Estado. Non se propician investimentos estratéxicos suficientes nun entorno con milleiros de empresas que aporta máis dun 30% do PIB galego. Trátase dun enclave estratexicamente situado, potentísimo poboacionalmente, que se viu sometido á continuada carencia de asignacións orzamentarias destinadas a infraestructuras e equipamentos, non resistindo comparación con áreas semellantes de Galicia e mesmo do resto do Estado. Todo iso, naturalmente, pode documentarse empiricamente .Cada ano que pasa a situación vólvese máis angustiosa, chegando na actualidade, ó noso parecer, a poñer en serio perigo as nosas prospectivas de futuro.

A confianza que sempre nos inspirou, xunguida á expresión dunha vontade firme a prol desta cidade e declaracións tan suxestivas no período electoral como “ o Sur tamén existe”, estimado Presidente, supuxeron estimular as nosas expectativas de que se porían, por fin, as bases para un cambio nas relacións de Vigo e a Administración. A cidade, sempre solidaria e integradora, así o entendeu e prestoulle un apoio electoral sen precedentes, decisivo, sen dúbida, no éxito final.Con motivo precisamente das devanditas eleccións ó Parlamento de Galicia esta Asociación remitiu ós partidos políticos un decálogo do que consideraba liñas de actuación imprescindibles e de atención preferente para o desenvolvemento sostible da “Rexión urbana”. Delas, a loxística de transportes, o solo industrial e a política cultural entre outras, eríxense en tres referentes onde se poden albiscar cambios ou instalarnos na sospeita inmobilista. Centrándonos na cultura, o tradicional abandono por parte da Xunta, no que ó desenvolvemento dunha auténtica política cultural se refire, é evidente. Vigo non conta con infraestructuras culturais de titularidade pública, sendo tamén privada toda a xestión cultural, coa deserción municipal incluída.Pois ben, a vindeira adxudicación da concesión para a construcción e explotación do Auditorio de Beiramar non recollerá o seu compromiso, expresado en roda de prensa o pasado 10 de marzo, de aportar 12,8 millóns de euros, para rescatalo da iniciativa privada. Iso suporá que:
Primeiro: ó remate teremos pazo de congresos, mais Vigo seguirá sen auditorio de titularidade e xestión públicas.
Segundo: as Administracións non desenvolverán unha política cultural na cidade.
Terceiro: afrontaremos o perigo de posibles cuasi-monopolios da oferta cultural en mans privadas.
Cuarto: serán as regras do mercado as que se imporán, sen a imprescindible participación da cidadanía a través das institucións políticas en asunto tan transcendental como é a cultura nunha sociedade de benestar e de alto nivel impositivo.
Quinto: permitirase que a inxente aportación de fondos públicos, estimada no 75% do investimento total, derive na utilización polo Concello de menos dun 10 % de días/ano de uso aberto-público. Manifestamos que o que semella un“disfrute gratuíto” non será tal, posto que o seu custo nunca baixará de 45.000 euros/día. ¿Como se explicará iso dende un enfoque progresista? ¿É unha operación vantaxosa para as cidadás e os cidadáns? ¿Resposta a un intercambio paritario, de xustiza conmutativa?
Sexto: Vigo, desgraciadamente, quedarase sen ver atendidas as súas aspiracións, reiteradamente manifestadas, no eido cultural.
Sétimo: todo iso non poderá corrixirse en preto de 40 anos.Dende a máis fonda consideración pola súa persoa, Sr. Presidente, pregámoslle que interveña con prontitude e firmeza no que constituirá a primeira pedra de toque da súa acción de goberno: xustificacións, como é doadamente comprobable, non faltan. Esta cidade, de moi alta sensibilidade cultural e política, sabe ser xenerosa cos que cumpren pero tamén implacable cos que defraudan as súas máis nobres, apremantes e razoadas querenzas.
Co vivo desexo dunha eficaz xestión ó servizo dos verdadeiros intereses de Galicia e Vigo, baixo a esperanza de que se verifique “a visualización do cambio” e de que se leven a cabo as promesas electorais, reciba un cordial saúdo.
Vigo, 17 de outubro do 2005

Ningún comentario: