Hai que mollarse.
Así comezamos a última reunión plenaria da redacción de Vigoblog.
Hai que mollarse porque a situación é de emerxencia.
Se se perde esta oportunidade, se se pecha esta ventá aberta cos ventos do 15-M, e suxeitada no tempo con forza por un fato de xoves valentes que foron quen de transformar o devalo dunha esquerda autocompracente, nunha pleamar de esperanza; se se perde este 20D sen unha presencia masiva no parlamento español dos indignados, felizmente organizados, varias xeracións -a nosa propia- estarán condeadas a sofrer un liberalismo sen piedade, sen dereitos, cruel cos débiles e xeneroso coas corruptas élites económicas e políticas.
Por isto, porque temos que construír un escenario no que sexa posible o medre do movemento popular contra o ultraliberalismo e o protofascismo con pel de año; un escenario no que as distintas forzas democráticas poidan confrontarse en igoaldade, sen represión, cun pobo que aprenda a superar o medo e defender os seus lexítimos intereses; porque non podemos esperar a que a xente sofra e tire definitivamente a toalla nun sálvese quen poida; porque sabemos que as persoas que compoñen as candidaturas de En Marea-Podemos si poden representarnos; porque hai un programa cargado de compromisos, de garantías fronte á mera promesa electoral... por estas e moitas outras cousas que sitúan os planteamentos críticos de Vigoblog na mesma liña que esta candidatura, decidimos votar unanimemente a En Marea-Podemos e promover publicamente este voto.
Despois do 20D quedarán moitas tarefas por facer e casi todas elas dependerán do noso grao de implicación no novo escenario, da xenerosidade e da intelixencia na nosa acción, na ruptura coas vellas inercias autompracentes dunha esquerda que parece desperezarse deses anos nos que non soubo como saír dos seus cuarteles de inverno, esperando permanentemente a Godot.
Tocará, despois, seguir construíndo democracia directa, formación política honesta, pedagoxía social baixando ao terreo de xogo do cotián das necesidades reais das persoas...
Votaremos En Marea-Podemos e animámosvos a todos e todas a lograr que o 20D consigamos unha victoria histórica.
Xogámonos moito, como nunca dende a morte do dictador.
Logo vémonos nas prazas, nos blogs, na crítica, na opinión honesta, no apoio e control a aqueles e aquelas aos que o domingo encargaremos o traballo de levar a voz e a forza "dos de abaixo" ao Parlamento...
Saúde!
A redacción de Vigoblog:
Marcos Andión, Raquel López, Lorenzo Pardavila, Ana Pinténs, Pablo Eifonso e Tiago Louro.
@enmarea
@ahorapodemos
#remontada
A prisión por distribuír drogas a domicilio nun taxi
-
Co seu arresto tamén se desarticula un punto de venda en O Inferniño, en
Ferrol.