Colocar o Bernardo Alfageme nunha rotonda é un insulto ao deber que teñen as Administracións públicas de administrar e conservar os bens culturais que pertencen á toda a comunidade. É, neste sentido, dilapidar o diñeiro público, utilizalo impropiamente.
Conservar o barco histórico (que valor material teñen os bens culturais?) de xeito que poida cumprir a súa función social, no lugar que loxicamente lle corresponde, no Museo do Mar de Galicia, non é dilapidar o diñeiro público: é xestionalo con responsabilidade.
Posiblemente a polémica situouse inicialmente nun lugar non moi afortunado, pero cheo de razóns: non se trata de que só se utilicen os diñeiros públicos en axudas sociais, senon que estes se usen conforme á responsabilidade pública e a defensa da maior valoración dos bens públicos.
A virtualidade que ten a mobilización de Coia é poñer sobre a mesa, dunha vez nesta cidade, que a Administración ten que estar orientada á satisfacción do interese público e non ao puro e duro electoralismo dun alcalde que quere perpetuarse no poder municipal a costa do que sexa, usando a manipulación, a mentira e a coacción como forma de goberno.
A mobilización de Coia ten a virtualidade de dar o pistoletazo de saída para o control cidadá do gasto público, da defensa a ultranza do bo uso dos recursos de todos.
É fácil descalificar ao movemento cidadá incidindo nas súas lóxicas contradiccións. Pero Coia estanos dicindo que hai que parar a dilapidación do público, que hai que parar o derroche decorativo, os investimentos en fume, a falta de planificación, a ausencia de participación cidadá, o despotismo desilustrado que nos goberna.
Nunca é tarde: as forzas políticas teñen a obriga de coñecer como se gastan en realidade os presupostos municipais, de controlar con información abonda o mal uso dos recursos, a ausencia dunha actuación conforme a prioridades e á sostibilidade futura. Exemplos hai moitos, pero deberiamos centrarnos nos máis próximos no espazo e no tempo:
as escaleiras mecánicas, a insostibilidade das chamadas "humanizacións", máis próximas á mentalidade de novos ricos que a unha autentica e fincional urbanización acorde coas necesidades de mobilidade e calidade medioambiental; a inxustificable e millonaria ampliación da ponte de Rande e o desdobramento do Corredor do Morrazo (cando esmorece o máis lóxico, racional e sostible ambientalmente tráfico de ría); a construción dun vial alternativo á A-9, cun gasto millonario e un tremendo impacto ambiental; a creación de equipamentos culturais perfectamente prescindibles pois non repostan a verdadeiras e prioritarias necesidades, como a Pinacoteca ou o Centro Galego de Fotografía (co MARCO a 500 metros infrautilizado, con dous centros culturais --da antiga Caixa de Aforros- en mans privadas cando foron pagados co esforzo dxs traballadorxs desta cidade), o millonario gasto en Balaídos mentres o Club anda a mercarse unha cara sede social...
Teñen as forzas políticas da esquerda en Vigo que facer un esforzo por espabilar, pois, moitas veces, amosan unhas inercias e un descoñecemento fondo da política municipal e semellan só funcionar a golpes de acción/reacción, como se carecesen dun proxecto elaborado para esta cidade. En Vigo gobérnase dende hai décadas a golpe de ocorrencias e intereses privados de variada índole. Vai sendo hora de que os programas municipais da esquerda partan dun bo diagnóstico e ofrezan máis cá unha relación de boas intencións e reivindicacións.
A mobilización contra o barco na Rotonda, valente e responsablemente encabezada pola Asemblea Aberta de Coia e a Comunidade de Base de Coia transfórmase, máis alá das súas concrecións, contradicións e anécdotas, nunha metáfora dese empoderamento popular que desexamos. Pon crúamente de manifesto a verdadeira cara represiva e antidemocrática do alcalde, das irregularidades (esta é unha de tantas!) na contratación pública, demasiadas veces esquiva co principio de legalidade, arbitraria e sesgada cara ao interese privado.
Defender a mobilización contra a colocación do barco na rotonda vais máis alá, penso, deste feito en si: pon sobre o tapete a capacidade da poboación de dicir que sen nós, non.
E por aí debe continuar: ocasións para dicir non ao dispendio dos recursos públicos hai, e haberá infelizmente, moitas.
Está morrendo o rural galego? "Unha formación adaptada ás necesidades e
potencialidades do territorio marcará o futuro do rural"
-
Luis García, director da Federación EFA Galicia, defende que "o rural é
unha fonte de oportunidades para os mozos no presente e no futuro", pero,
para iso,...