IX ÉPOCA

24.11.19

Andamos máis por Twitter, pero ¡voltaremos!


Nestes últimos tempos andamos máis por Twitter.
¡Pero voltaremos ao Blog!

25.9.17

Editorial


9.3.17

10 razóns polas que Abel Caballero non vai gañar as próximas eleccións municipais

Como todo o mundo vai decatándose, Abel Caballero non ganará as próximas eleccións municipais e estas son as 10 razóns que motivan ese resultado


1. Caballero ten unha forma antiga de gobernar. Todo xira arredor da súa persoa, non forma equipo e pasan os anos e segue rodeado dos mesmo fieis que practican unha obediencia acrítica. El é o ideólogo, gobernante e portavoz, monopolizando a imaxe e a comunicación. Vai en contra dos tempos de cooperación, liderados compartidos e formación de equipos.

2. A súa presenza enfermiza nos medios de comunicación é a maneira que ten de relacionarse coa sociedade. Para conseguir un trato preferente establece convenios de colaboración que na maioría dos casos son imprescindibles para a supervivencia de periódicos e emisoras. Impide así o desenvolvemento de medios de información veraces que sirvan á sociedade á que se dirixen.
3.Practica un populismo conservador e escasamente democrático simplificando a política mediante

  • a presentación dun enemigo exterior (a Xunta, antes tamén a Deputación, Zona Franca, antes tamén o Porto) como causante dos males da cidade.
  • A concentración de toda actividade nun líder único que establece o contacto directo coa sociedade (os programas tipo Aló Presidente se multiplican) .
  • O encabezamento de mobilizacións seleccionadas e situadas sempre cerca das convocatorias electorais. Son actos aillados que reforzan a súa imaxe.
  • A presenza en todas actividades da cidade donde a súa condición de alcalde vese transformada nunha continua campaña electoral . E todo isto ofrecendo unha imaxe de sacrificio da súa vida pola cidade.

4. Contribúe ao deterioro democrático impulsando un partido ancorado nas institucións con un sistema de recompensas en cargos e salarios para manter a fidelidade dos militantes. Trata de homologarse aos lideres históricos que manteñen unha gran influencia a base de esquivar o funcionamento democrático. Asi apoia a defenestración de Sanchez e cando participa en decisión democráticas, vese nenguneado polas bases (no caso do seu candidato Méndez Romeu e, posiblemente, o mesmo lle pasará con Susana Diaz.) Ignora a unha chea de socialistas que hai tempo cansaron de lle rir os seus chistes xurásicos.

5. Non ten un proxecto de cidade de futuro. O seu urbanismo non existe. Emprega o mesmo un PXOM mal elaborado que unha lei de excepción “ “ad hoc”. Limítase a “conservar” a vella cidade a traveso das humanizacións e engade algunhas “imitacións” como a cidade vertical. O seu modelo de cidade ven converxendo co do PP: ambos ven unha cidade adicada a servizos turísticos. Non hai resposta á previsible crise da industria que cada día avisa da súa presenza.


6. Vigo está quedando fora dos movementos de transformación política que están acontecendo en multitude de cidades. Non participa nas redes que están conformando unha nova institucionalidade deixando atrás as vellas (deputacións, federacións ). Mentras outros equipos de goberno eficaces practican un goberno multinivel conscientes que o localismo é un atraso, Caballero segue encerrado nunha confrontación con réditos electorais dubidosos. Tampouco mostra interese pola recuperación de servizos básicos privatizados que ven acontecendo en toda Europa.


7. Vigo vive no atraso. Os problemas do século XXI non existen para Caballero. A cidade non encara problemas como a degradación medioambiental, o problema de un transporte sostible ou o cambio climático. Herdeiro do peor das políticas dos 80s, a cidade mata a canonazos problemas como a depuración con instalacións megalómanas que aumentan a vulnerabilidade da cidade.


8. A educación para Caballero redúcese a unha foto cos bolseiros que van aprender inglés e co mantemento de -outro servizo privatizado – escolas infantís. Sen embargo, non hai iniciativas para diminuír a fenda dixital, un serio obstáculo para a mobilidade no emprego e para a participación democrática. O mundo dixital non existe na cidade de Caballero que encerrado na súa maioría absoluta, ignora os novos mecanismos de empoderamento dos cidadáns.
9. O poder xustifica os medios. Esta é a máxima que preside o goberno de Caballero no terreo ideolóxico. Nen un impulso ao laicismo que demanda a diversidade da cidade. Segue comprometendo á Alcaldía de todos en actividades e crenzas de algúns. As procesións e símbolos son xustificadas con argumentos dos partidos conservadores.


10 Por último, os datos electorais indican que nas dúas últimas eleccións,Caballero quedou relegado á terceira posición na cidade. O ritmo de desaparición do bipartidismo acelérase. Sen dubida, está é a última maioría de Caballero. 

 

5.3.17

Queremos o Vigo fermoso orixinal; non a réplica

É humillante para Vigo isto de poñernos unha réplica. Por que non devolven, como corresponde por ser o seu lugar de orixe, o orixinal do tímpano románico da antiga igrexa de Santa María para que se exhiba no Museo municipal de Castrelos, xunta co resto da colección arqueolóxica? Por que Vigo ten que conformarse cunha copia de algo que pertence á historia propia?. Por que a orgullosa viguesa Carmela Silva, presidenta da Deputación e o orgulloso pontareano-vigués Abel Caballero non deciden, agora que poden, darnos aos vigueses o orixinal que está no Museo de Pontevedra en lugar de darnos só o enganoso premio de consolación dunha copia?

Porque esa é a súa concepción da política: dá igoal a importancia real do que se faga. O importante é envolvelo convenientemente para enganar á poboación con artefactos que parezan  auténticos pero que son mera taxidermia.

É como o da "cidade fermosa": unha cara montaxe artificial que agocha o abandono da real.

Sí. Vivimos nunha cidade fermosa: a auténtica. A das casas primorosamente labradas en pedra, a das xentes que constrúen co seu traballo cada día a vida, a da praia de Samil á que este goberno négalle librar a súa belleza do muro e paseo da vergonza, a do abandoado rueiro do Casco Vello en perigo de transformarse en parque temático... a cidade que ten un eterno e precioso litoral inaccesible para os paseantes.... a cidade da vella resistente oliveira, replicada ata a saciedade por caras centenarias árbores, arrincadas da súa paisaxe orixinaria aos seus auténticos pobos olivareiros, mercadas aos amigos e horrorosamente mutiladas en bonsai...
É fermosa polas fachadas pétreas que enorgulleceron décadas aos vigueses polo coidado labrado dos seus canteiros e mestres de obra; si, esas que cada dia se deterioran máis ou son gravemente alteradas por engadidos ou chiringos terraceros montados nos seus nobles baixos. Non, non é fermosa por gastar centos de miles de euros na cosmética falsa da decoración de medianeiras

É esa cidade, realmente fermosa, que nos agocha a soberbia trileira e ridícula de Abel e dos seus palmeiros, mentres nos persuaden, con millonarias subvencións ao Faro de Vigo e á SER, que a fermosura é o que eles fabrican para disfrazala e non a súa allada e abandoada pel auténtica.

Esta cidade é fermosa polo auténtico, non polas próteses, as macetas, as floreciñas de tempada, arboriños, maciciños, dinosetos, trampantoxos e mentirosas réplicas variadas de @abelcaballero (non incluímos aquí a responsabilidade do resto do "goberno" municipal, porque eses e esas concellais e concellalas renunciaron hai tempo á súa personalidade para convertírense en malas réplicas, afectadas dun extrano e aterrorizado, aínda que nutriente, síndrome de Estocolmo)

Si. Queremos este Vigo fermoso: o orixinal. Comecemos por reivindicar a belleza da epifanía do tímpano pétreo da igrexa románico-gótica de Santa María de Vigo: a de verdade.
Unha "epifanía" que rescate das mans esquineras de Abel Caballero a nosa auténtica identidade e o noso futuro.



12.1.17

Abel Caballero e Faro de Vigo: convenio de intereses mútuos

Publicabamos antronte os contratos con medios de comunicación realizados en 2016 polo goberno municipal de Vigo. Neste listado destacaba o Faro de Vigo, xunta co grupo Radio Vigo/Localia, como un dos principais beneficiarios do diñeiro público a base de contratos menors sucesivos coas empresas respectivas, especialmente para a promoción de eventos organizados polo Concello.

Queriamos aportar, con datos de acceso público, un recurso informativo para que os vigueses poidan coñecer como se gastan os seus impostos e poidan valorar tamén se existen intereses particulares neste tipo de contratacións.

Adiantabamos, daquela, a nosa intención de realizar un apartado especial para o Convenio asinado por Abel Caballero e o Faro de Vigo en novembro de 2014, por un importe a pagar ao Faro polos contribuíntes vigueses de 280.000 euros, cantidade que se vén a sumar á que ano a ano se lle contrata directamente a base de contratos menores.

Se o recurso sistemático ao fraccionamento en contratos pequenos a unha mesma empresa de obxectos contractuais igoais, para non rebasar así o límite máximo legal para unha contratación pública maior, é para nós unha práctica irregular que tenta eludir os procedementos de publicidade e concorrencia establecidos para a contratación pública para cantidades que rebasen os 21.780 euros, o caso do Convenio que nos ocupa é, pensamos, a quintaesencia desta elusión intencionada e representa unha volta de torca creativa á transferencia de fondos públicos a determinadas empresas privadas de comunicación..

Imos aló:

- Para a legalidade deste tipo de Convenio cunha entidade privada con ánimo de lucro como é Faro de Vigo S.L.U., tense que dar o requisito ineludible de que o seu obxecto quede fóra dos amplos supostos previstos na Lei de Contratos das administracións públicas, tanto pola súa contía (que correspondería a un Contrato maior) como pola imposibilidade ou inconveniencia, por interese xeral, de sometelo aos principios de publicidade e concorrencia que están na base da igoaldade e a transparencia na contratación pública.

Descoñecemos as motivacións técnicas e administrativas -que obrigatoriamente constarán no expediente deste Convenio- polas que se xustifica que a fórmula de convenio é legal nesta transación de servizos publicitarios. O que si podemos afirmar é que a maior parte das accións conveniadas pertencen ao ámbito propio da actividade periodística e comercial do Faro de Vigo, que debería desenvolverse a risco e ventura desa empresa, sen que o Concello interveña co seu financiamento no libre mercado das empresas de comunicación.
Tanto é así que a maior parte das accións que se financian polo Concello de Vigo neste convenio son productos que son habitualmente vendidos directamente (co establecemento dun prezo de compra) ou indirectamente polo Faro de Vigo (como motivación para a compra de exemplares do periódico polo público ou como soporte de publicidade diversa). É o caso dos suplementos do periódico, por exemplo, que requiren, para consultalos vía online, ou para a súa adquisición, de subscrición polo lector ou compra do producto (aínda que sexa, teoricamente, a prezo subvencionado). Nada se explica do porqué uns productos deste tipo comercializados polo Faro son subvencionados vía Convenio e porqué outros non; isto demostra que uns e outros son, sinxelamente, productos comerciais que deberían estar sometidos ás leis da oferta e da demanda sen a intervención facilitadora (e claramente contraria ao principio de competencia) do Concello de Vigo. Así o Suplemento Barrios e Parroquias (Vigo polos 4 costados?) que semella financiar o Concello de Vigo neste Convenio,  por un importe de 101.000 euros, sen que acertemos a comprender esta inxerencia económica do Concello no que é a función propia dun medio de comunicación: informar (dos barrios e parroquias, nos si?).

- O convenio (pódese descargar da páxina do Portal de transparencia do Concello de Vigo aquí) asinouno Abel Caballero o 26 de novembro de 2014, cunha vixencia máxima de 31 de decembro de 2014. Resulta evidente, e así se recolle no propio texto, que foi proposto polo FARO DE VIGO; tamén que -a teor dos cadros económicos redactados en castelán (mentres o resto do convenio, cumprindo coa ordenanza de Normalización Lingüística do Concello, está en galego)- foi redactado en gran parte por ese Medio de Comunicación, procedendo o Concello, para o texto definitivo, a un corta-pega do documento económico feito polo Faro, cuxas cifras, polo que se ve, non se poñen en cuestión polos xestores do expediente.

- Suponse que as accións nel recollidas deberían terse desenvolvido entre esas dúas datas, pero da súa lectura dedúcese que inclúe accións xa realizadas polo Faro de Vigo antes da sinatura  (Mochila Celta de Vigo, en xuño de 2014,  Gala do Deporte 2014 e Album Cromos Celta de Vigo)... aínda que isto  queda o suficientemente ambiguo, para que non chirríe, no texto do Convenio: efectivamente, nunhas parte fálase en pasado destas accións e, noutras, das mesmas, en futuro:



Pasando, de seguido, a aclarar que estas accións, a pesar de incluílas explicitamente no Convenio co seu cadro presupostario, terán custo cero para o Concello(!) ¿Inclúenas, pois, como argumento de contrapeso para xustificar o altísimo montante da aportación municipal? ¿tratarase dun financiamento en diferido? ¿por que as inclúe se non poden formar parte do trato por seren un gasto anterior á súa aprobación? ¿por que na información no Faro de Vigo sobre a venda da Mochila do Celta en agosto de 2014 xa se indicaba que se facía coa colaboración do Concello de Vigo? ¿por que se facía o mesmo a principios de novembro, coa edición dos cromos dos xogadores, acción tamén recollida no convenio a custo cero?

Outras das accións conveniadas son perfectamente equiparables a productos promocionais do propio Faro, sen maior interese público, como a acción da publicación e "regalo" co Faro dun calendario do Concello de Vigo 2015, cuxo financiamento "a dedo" semella de difícil xustificación dende o punto de vista do interese xeral.

Outras accións conveniadas semellan ter un financiamento a maiores externo ao Convenio, como é o caso do Concurso de redacción e Debuxo "Vigo en tí" desenvolto en decembro de 2014 e no que aparece como patrocinador, ademais do Concello, a poli-concesionaria municipal FCC, sen que o Convenio contemple tal posibilidade.
O tal Concurso, segundo os números feitos polo Faro, costou nada menos, que 70.900,36 euros!, coa previsión de que a metade os poñía o Concello de Vigo e a outra só o Faro. Non sabemos, por outra parte, como é posible que coste esa cantidade... pero os prezos do Faro deben ser dun mercado exquisito:




Mención á parte merece tamén a acción da publicación dunha Historia do Rallye Rías Baixas
(entre 1500 e 2500 unidades, concreta o convenio)


 

Son 110.842 euros dos cales correponderon a aportar polo Concello 62.071; iso si, como boa transación comercial, a este se lle entregarían 500 exemplares, non sabemos sen para súa venda, para o seu clásico almacenamento perpetuo ou para o seu regalo por aí (en competencia, claro, cos que o Faro vende).

Trátase, en realidade,  como se recolle na nova enlazada enriba, da "Reedición del libro de 1981, la “Historia del Rallye Rías Bajas” [ao que Rafa Cid, o autor, colaborador habitual do Faro de Vigo] ha añadido nuevas fotos, y sobre todo, se ha ampliado con la incorporación de los Rallyes de La Toja, precedentes de la prueba viguesa. El Faro de Vigo, co editor del libro –donde Rafa padre escribió durante más de tres décadas, una de ellas junto a mí–, se despide así de la pluma que inundó de gasolina las páginas del diario decano de la prensa nacional" (...) Para conseguir el libro hay que acudir al kiosko, o contactar con el Departamento de Circulación del Faro de Vigo, en el teléfono 986 81 46 00. El precio es de tan solo 9,95 euros gracias a la subvención del Ayuntamiento de Vigo".

Sen entrar en que nos parecen desproporcionadas as cantidades para a edición dun libro destas características (xa quixeran os autores habituais cobrar por adiantado eses "dereitos", ou que un acto de presentación coste 6000 euros, ou que as cantidades por producción do libro se dupliquen, por exemplo), a negativa de Caballero a financiar con 36.000 euros esta proba automobilística en 2015 e 2016, deu lugar a que, neste último ano, a organización decidise acabar para sempre con esta histórica proba. Os argumentos de Abel Caballero para non financiar o Rallye foron contundentes:

"es un rallye cuyos responsables tienen que ver de dónde sacan los recursos para hacerlo. Porque claro, proponer un rally y hacerlo con recursos públicos… Nuestra prioridad en Vigo es el deporte de base. En esta ciudad puede haber 4.000 chicos y chicas practicando fútbol y apoyados por nosotros, pero es que en baloncesto hay 1.000, en balonmano hay otros 1.000. Y ésa es nuestra prioridad, que siempre ha estado claramente establecida y que está masivamente compartida por la ciudad". Sobre el Rías Baixas, el alcalde añadió que "ellos verán qué es lo que hacen con el rallye-. Sólo sé que esos 55.000 euros -cifra necesaria que apuntó la organización para poder organizar el evento- los dedicamos al deporte de base. Todo nuestro esfuerzo va al deporte de base y ahí vamos a seguir".

Se ve que, se se trata de financiar ao Faro de Vigo o evento sexa de inorme interese para a cidade, pero se é para que se celebre ese mesmo evento deportivo, Abel Caballero considera que non hai que empregar un só euro de financiamento público; se é para o Faro de Vigo, o deporte de base xa non conta tanto. A xenerosidade pública, como pode deducirse, vai por barrios, segundo, como e cando...  aínda que se incorra en paradoxos e cinismo de trazo tan largo.

Tamén resulta, chamémoslle, sorprendente, que no Convenio se contemplase, con custo cero para o Concello de Vigo, a difusión da "Gala do Deporte 2014", cando en 2015 considerouse este servizo  como obxecto dun contrato maior (aínda que sexa negociado sen publicidade): o Faro contratou en decembro de 2015 por este procedemento exclusivo, a cantidade de 60.000 euros por publicitar este evento. Un evento, por certo, ao que se apuntan os habituais, como Localia que retransmitirá o acto de 2016 polo módico prezo de 16.320 euros. Alguén debería aclaralo.

Estamos, dende o noso punto de vista, nun procedemento posto en práctica que elude, conscientemente,  a Lei de Contratos para poder pagar, sen ningún tipo de publicidade nin participación doutros licitadores,  280.000 euros a unha única empresa. Un convenio cuxo obxecto dificilmente pode ser xustificable como un servizo informativo aos cidadáns e si como unha práctica de autopromoción do goberno local cun alto custo para os petos dos sufridos contribuíntes.

Alguén debería preguntar, por hixiene democrática e para deixarnos tranquilos, polas facturas presentadas polo Faro de Vigo para xustificar o cobro dos 280.000 euros e a súa correspondencia real e desglosada cos actos conveniados e cos prezos de mercado.



Eses son os datos... vostedes valorarán...
Recomendamos encarecidamente lér o texto do convenio.

Coda: nin este é o primeiro Convenio asinado por Abel Caballero co Faro de Vigo, nin é o primeiro que asinan as alcaldías de Vigo con este Medio. De feito, esta práctica foi tristemente xeralizada e podería explicar os bandazos de liña do Faro de Vigo ao longo das distintas lexislaturas municipais.  
Aquí volo resumimos e analisamos, coma sempre, cos datos na man.